- Tematica
Debido ás novas restricións, decretadas pola Xunta de Galicia, para frear a incidencia da Covid-19, as bibliotecas de Ames permanecen pechadas ao público desde o pasado 27 de xaneiro. Emporiso, a relación da Biblioteca cos seus usuarios e usuarias segue activa a través das redes. Un claro exemplo disto é o programa de “Dixicontos”, que cada mércores propoñen unha nova historia a través da páxina de Facebook das Bibliotecas municipais. Esta iniciativa está tendo moi boa acollida entre os usuarios e usuarias deste servizo municipal, xa que acadan unha media de 1.000 visualizacións por entrega.
Se non hai novidades que alteren a previsión, as Bibliotecas municipais de Ames permanecerán pechada polo menos ata o día 17 de febreiro. Namentres, o estreito contacto que este departamento mantén coa cidadanía segue vivo a través das redes sociais. Cada mércores, as animadoras á lectura, Bibiana Calvo Ares e Divina Fernández Canosa, publican un novo contacontos a través dos #Dixicontos. Esta iniciativa está tendo moi boa acollida entre os usuarios e usuarias das bibliotecas, xa que estes contos virtuais superan en moitas ocasións as 1.000 visualizacións. Ademais, tamén a través das redes, anúncianse novas relacionadas coa biblioteca, o libro e a lectura.
Mentres dura o peche, os técnicos e técnicas da Biblioteca de Ames aproveitan esta circunstancia para facer labores que no decorrer da actividade cotiá son máis difíciles de afrontar e que tamén son necesarios para o seu bo funcionamento, tales como limpezas en profundidade, organización do fondo documental, colocación e expurgo de materiais, atención a través do enderezo electrónico; biblioteca@concellodeames.gal, e o devandito traballo levado a cabo nas redes sociais, entre o que destaca especialmente a actividade de contacontos.
Máis de 1.000 visualizacións por vídeo
Os contos a través da páxina de Facebook comezaron no confinamento da primavera e mantéñense desde o outono ao non se poder realizar actividades presenciais na biblioteca. Agora mesmo, todos os mércores, publícase un novo vídeo, cuxo contido transmite sempre o valor dos libros e da lectura.
Nestes momentos a “Biblioteca de vídeos” contén máis de 70 audiovisuais cos contacontos infantís narrado polas animadoras da biblioteca e os vídeos das actividades que realizaron de maneira virtual con motivo das letras galegas, contacontos para persoas adultas e vídeos de agasallo como o do Apalpador. Os contacontos infantís das nosas animadoras conteñen máis de 40 vídeos que continúan a ser moi visitados. Hai nenas e nenos que están esperando oír os “Contos contiños” da Bblioteca todas as semanas e moitas das entregas superan as 1.000 visualizacións ao longo do tempo.
A páxina de Facebook da Biblioteca xa conta con 850 seguidores e sigue medrando pouco a pouco xa que comezaron en marzo de 2020 con pouco máis de 600 usuarios/as. Desde o confinamento, e ao levar actividades ao Facebook, aumenta o número de seguidores que tamén quere estar ao día dos horarios e consultar sobre os servizos desde esta páxina.
A concelleira de Cultura e responsable do servizo de Bibliotecas está “encantada de ver como cada día se suman máis pequenos e pequenas a esta fiestra que nos abren as animadoras á lectura. As bibliotecas de Ames desde o seu inicio sempre foron un referente para todos os nosos veciños e veciñas, e agora estamos a medrar nas redes con toda estas novidades ás que nos vamos adaptando debido á situación que estamos a vivir. Aproveitamos tamén este peche das bibliotecas para cambiar o mobiliario infantil e facer un espazo novo e máis acolledor”.
Servizos de apoio á lectura externos
Ademais destes servizos levados a cabo pola biblioteca, a Rede de Bibliotecas de Galicia a través do servizo Galicia Le permite acceder a libros e outros materiais en formato electrónico, e neste ano de restricións de servizos presenciais bibliotecarios incrementouse máis do dobre o seu uso.
Galicia Le permite o acceso ao catálogo de libros en galego e castelán, películas e audiolibros que calquera persoa, con carné da rede de bibliotecas, e as súas claves pode consultar e levar en préstamo. Na actualidade este servizo ofrece 6.000 títulos dos que máis de 5.300 son libros electrónicos, 324 son documentos audiovisuais, 212 audiolibros e 35 revistas. Tamén duplicou o seu uso en 2020 con respecto ao ano anterior en máis de 129.000 préstamos e con 7.300 usuarios/as activos.
Ademais, a Deputación da Coruña tamén ofrece un servizo de préstamo de documentos dixitais ao que se pode acceder sendo membro de calquera biblioteca e con residencia na provincia a través da páxina da Deputación da Coruña.