- Tematica
As bibliotecas municipais de Ames inician o mes do libro cun novo encontro literario. Nesta ocasión presentarase o libro “As malas mulleres” de Marilar Aleixandre. Será no Pazo da Peregrina de Bertamiráns este mércores 12 de abril, ás 20:00 horas. A autora estará acompañada por María López Sández, Académica da RAG, autora e profesora universitaria.
Este mércores, día 12, as bibliotecas municipais de Ames celebran unha nova edición dos encontros literarios do curso 2022-2023, unha das principais actividades de animación á lectura para o público adulto. Nesta ocasión preséntase a obra “As malas mulleres” de Marilar Alexandre, que está editada por Galaxia. A entrada é libre ata completar aforo.
“As malas mulleres” é unha dura e apaixonante viaxe polo tramo final do século XIX. Nesta novela, personaxes históricos coma Concepción Arenal, Juana de Vega ou Pepa a Loba cobran vida para achegarnos á historia das reclusas do cárcere da Galera, na Coruña de 1863.
Trátase dunha historia a varias voces. Por un lado, a de Sisca, de quince anos, presa por non seren as mulleres donas do seu corpo; e por outra, a de mulleres como Juana de Vega ou Concepción Arenal que traballaron a prol da dignificación das persoas.
A novela que acadou o Premio Blanco Amor de novela en 2020 e o Premio Nacional de Narrativa en 2022 é, ademais, un canto ao papel dos libros e da lectura na mellora da vida das persoas.
A autora
Marilar Aleixandre (Madrid, 1947) é licenciada en Bioloxía pola Universidade Complutense de Madrid, onde residiu durante a súa primeira xuventude. Posteriormente trasladouse a exercer a docencia a Galicia, onde impartiu clases no Instituto do Calvario (Vigo) e na Universidade de Santiago de Compostela.
Alexandre é narradora, poeta, tradutora e membro da Real Academia Galega desde 2017. A súa narrativa abarca tanto a literatura infantil e xuvenil como a de público adulto, e tamén é tradutora en varias linguas. Dona dunha das voces máis singulares das nosas letras, recibiu os máis importantes premios da literatura galega.
Novas relacionadas: