- Tematica
Preto de cen mozas e mozos de toda Galicia danse cita mañá, 11 de maio, no Pazo da Cultura de Pontevedra para participar na final do Club de Debate 2019. Durante a xornada, que se estenderá ao longo de todo o día, debaterán un total de seis equipos procedentes dos IES Luís Seoane de Pontevedra, IES Mendiño de Redondela, CPI Eusebio Lorenzo Baleirón de Dodro, IES de Ames, IES do Milladoiro e do IES Xulián Magariños de Negreira. A final, que estará composta por seis debates, xirará sobre o aserto “falamos na lingua que escollemos”. Os equipos amesás Xente de palabra, do IES de Ames, e Vagalume, do IES do Milladoiro, participan nesta final despois de gañar a fase de zona de Compostela celebrada o 3 de abril.
O Pazo da Cultura de Pontevedra acolle este sábado, 11 de maio, a fase final do Club de Debate 2019. No evento participarán os equipos IES Luís Seoane de Pontevedra, IES Mendiño de Redondela, CPI Eusebio Lorenzo Baleirón de Dodro, Xente de palabra do IES de Ames, Vagalume do IES do Milladoiro, eIES Xulián Magariños de Negreira. No total, pasarán por esta final preto de cen alumnos e alumnas de cursos entre 3º da ESO e 1º de bacharelato. Asemade, estes equipos chegan á final despois de resultar clasificados nas distintas fases de zona desenvolvidas ao longo dos últimos meses, nas se inscribiron vinte e oito equipos dos nove concellos organizadores.
Así, as/os participantes deste termo do Club de Debate desenvolverán, ao longo dos seis debates nos que estará dividida a final, o tema “falamos na lingua que escollemos”. Cada equipo participará en dous debates, nun defenderán argumentos a favor e noutro argumentos en contra da afirmación central, segundo o horario previsto que pode consultarse na ligazón que se atopa baixo a pestana de descargas desta nova. O equipo clasificado en primeiro lugar recibirá como premio unha viaxe multiaventura dunha fin de semana para un máximo de 20 persoas.
O xurado que cualificará os debates estará formado por Mercedes Torres Hermida, profesora de cursos CELGA; polo mestre Luís Losada Rodríguez; Moncho Vilar Landeira, xornalista e filólogo; Marta Besada Otero, técnica de normalización lingüística; e a xornalista Lucía Álvarez. Como queda recollido no regulamento da proba, para a súa elección tívose en conta a súa formación e experiencia académica en actividades relacionadas coa oratoria, a comunicación ou a lóxica.
Dous equipos amesás chegan á final
Xente de palabra e Vagalume chegan á final desta oitava edición do Club de Debate despois de proclamarse vencedores na fase de zona de Compostela, celebrada o pasado 3 de abril. Nesa fase o primeiro premio foi para o equipo Xente de palabra do IESP de Ames, formado por Iria Pérez, Uxía García, Diego Caeiro, Brais Abet, Carla Castelar, Jessica Natalia, Pablo García e Samuel Míguez, que estiveron formadas por Isabel Vega. O segundo premio recaeu no grupo Vagalume do IES do Milladoiro, composto por Lidia López, Lara Fuentes, Claudia Gómez, Sabela Novoa, Lois Santiago, Laura Santos, Áurea Caride e Isabella Marín; preparados por Antonio Puentes.
O Club de Debate é un programa dirixido á mocidade que, por octavo ano consecutivo, poñen en marcha diversos concellos galegos a través dos seus servizos de normalización lingüística (SNL) e que incentiva e valora falar en público, a oratoria, o uso do galego oral e o pensamento crítico. Os concellos de organizan esta edición son Ames, Dodro, Ferrol, Narón, Negreira, Oleiros, Pontevedra, Rianxo, Rois, Santiago de Compostela e Teo. Entre os obxectivos do Club de Debate encóntranse favorecer o emprego da lingua galega entre a mocidade, especialmente o uso oral en contextos formais e informais; potenciar a fluidez comunicativa ligada á oratoria; promover o pensamento crítico e analítico sobre temas de actualidade, deixando de lado os estereotipos da mocidade en canto intereses e preferencias e fomentar a diversidade de opinións, a tolerancia fronte a diferentes cuestións e o traballo en equipo.