- Tematica
Nove equipos de rapaces e rapazas pertencentes a IES dos concellos de Ames, Teo e Santiago de Compostela participaron este mércores na fase de zona de Compostela do Club de Debate 2019. Os gañadores desta fase foron os grupos Xente de Palabra, do IESP de Ames, e Vagalume, do IES do Milladoiro, cuxa vitoria os clasifica para a fase final galega que se celebrará o vindeiro 11 de maio no Pazo da Cultura de Pontevedra. Na xornada participaron alumnos e alumnas dos IES Antón Fraguas de Santiago de Compostela, IES Cacheiras de Teo, IES do Milladoiro e IESP de Ames.
O centro sociocultural do Romaño, en Santiago de Compostela, acolleu ao longo deste mércores a fase de zona de Compostela do Club de Debate 2019, na que participaron un total de nove equipos dos concellos de Ames, Teo e Santiago. A xornada comezou despois dunhas palabras de benvida a cargo de Noa Morales, concelleira de Mocidade da cidade. A continuación, realizáronse un total de nove debates nos que os compoñentes de cada equipo contaron con cinco minutos de exposición inicial, dúas quendas de refutación de 5 minutos cada unha, e unha quenda final de 3 minutos.
O tema escollido para esta fase foi "É adecuado o uso de dispositivos móbiles nos centros educativos", sobre o que os distintos grupos tiveron que debater en dúas ocasións, unha a favor desta aserción e outra en contra. Dos nove grupos, dous proviñan do IES Antón Fraguas de Santiago de Compostela, dous do IES Cacheiras de Teo, dous do IES do Milladoiro e tres do IESP de Ames.
Equipos que pasan á final galega
A entrega de premios comezou coas intervencións de Martiño Noriega, alcalde de Santiago de Compostela, Pilar Faxil, concelleira de Cultura e Educación de Teo, e Isabel Vaquero, concelleira de Normalización Lingüística e Comunicación de Ames, nas que aproveitaron para felicitar aos mozos e mozas participantes polos seus coloquios, e os animaron a seguir desenvolvendo as súas aptitudes de oratoria. De seguido, o presidente do xurado, Luís Pérez, deu a coñecer as puntuacións finais.
O primeiro premio foi para o equipo Xente de palabra do IESP de Ames, formado por Iria Pérez, Uxía García, Diego Caeiro, Brais Abet, Carla Castelar, Jessica Natalia, Pablo García e Samuel Míguez, que estiveron formadas por Isabel Vega. O segundo premio recaeu no grupo Vagalume do IES do Milladoiro, composto por Lidia López, Lara Fuentes, Claudia Gómez, Sabela Novoa, Lois Santiago, Laura Santos, Áurea Caride e Isabella Marín; preparados por Antonio Puentes.
Así, ambos equipos pasan á final galega que se celebrará o sábado, 11 de maio, no Pazo da Cultura de Pontevedra, no que participarán cada un dos equipos gañadores de cada fase local. Ademais, Xente de palabra e Vagalume recibiron un premio valorado en 500 e 300 euros respectivamente. Composición do xurado
O xurado desta fase de zona estivo composto polo profesor de historia Humberto Busto; a filóloga Elba Baldomir; o profesor de lingua e literatura de educación secundaria Xaime Varela; a xornalista Sandra Barrientos e o técnico de normalización lingüística Luís Pérez, que exerceu a presidencia do xurado. Como queda recollido no regulamento da proba, para a súa elección tívose en conta a súa formación e experiencia académica en actividades relacionadas coa oratoria, a comunicación ou a lóxica.
Final galega
Os dous primeiros equipos clasificados en cada unha das zonas participarán na final galega, que terá lugar o sábado, 11 de maio, no Pazo da Cultura de Pontevedra. O premio final que agarda ao equipo gañador é unha viaxe multiaventura dunha fin de semana, para un máximo de 20 persoas, na que terán ocasión, entre outras cousas, de achegárense ao patrimonio lingüístico a través de actividades lúdicas nas que o idioma terá un papel fundamental, en coherencia co obxectivo principal do proxecto, que é promover o uso da lingua oral nos contextos formais e informais. En consonancia tamén con este obxectivo, o tema sobre o que debaterán na final é “Falamos a lingua que escollemos”.
O Club de Debate é un programa dirixido á mocidade que, por octavo ano consecutivo, poñen en marcha diversos concellos galegos a través dos seus servizos de normalización lingüística (SNL) e que incentiva e valora falar en público, a oratoria, o uso do galego oral e o pensamento crítico. Os concellos de organizan esta edición son Ames, Dodro, Ferrol, Narón, Negreira, Oleiros, Pontevedra, Rianxo, Rois, Santiago de Compostela e Teo. No total, participarán 25 equipos mixtos formados por rapaces e rapazas de entre 3º da ESO e 1º de bacharelato e de ciclos formativos.