Solapas principales

Os irmáns Paula e Manuel Blanco proclamáronse campións de España de kickboxing

Jueves, 07 de julio de 2022

Os irmáns Paula e Manuel Blanco Prol, veciños de Ortoño, participaron esta pasada fin de semana no campionato de España de kickboxing, que se desenvolveu no Palacio de los Deportes de Vista Alegre, en Córdoba, entre os días 30 de xuño e 3 de xullo. Neste senso, Paula Blanco proclamouse dobre campioa española sénior en “pointfighting” e “light contact” na categoría de peso -55kg, mentres que o seu irmán pequeno, Manuel Blanco, levou o ouro en “pointfighting” na categoría cadete menor de -32kg. Ambos os dous irmáns competiron representando á selección galega na modalidade “tatami sport”.

Paula e Manuel Blanco Prol continuaron esta fin de semana cunha gran temporada de resultados, participando con éxito no campionato de España de kickboxing, no que competiron máis de 1.500 deportistas e que tivo lugar no Palacio de los Deportes de Vista Alegre, en Córdoba, entre o 30 de xuño e o 3 de xullo.

Na competición, a maior dos irmáns, Paula Blanco proclamouse dobre campioa de España nas súas probas habituais, “pointfighting” e “light contact”, na categoría sénior de -55kg, revalidando título en ambas categorías. En “pointfighting”, Paula impúxose na final á representante andaluza, mentres que en “light contact”, conseguiu a vitoria contra Cantabria, tras un combate de gran intensidade.

Pola súa banda, Manuel Blanco conseguiu o ouro na categoría de “pointfighting” cadete menor -32kg, na que participan nenos dos 10 aos 12 anos. Para facelo, venceu aos representantes das seleccións de Madrid, Comunidade Valenciana e Castela e León. Ademais, estivo preto das medallas na categoría “light contact”, na que perdeu tras un duro combate co representante da Comunidade Valenciana, que remataría proclamándose campión da modalidade.

Ambos os dous irmáns, que residen en Ortoño dende 2015, compiten e adestran co Club ITF Noia, e participaron no torneo como parte da selección galega, que conseguiu no campionato un total de 97 metais, entre eles 36 ouros.

Neste senso, os resultados dos irmáns no campionato galego de kickboxing, celebrado en Marín a comezos de febreiro, permitiulles participar no torneo nacional. Paula proclamarase dobre campioa galega absoluta en “pointfighting” e “light contact”, e rematara segunda na proba de “kicklight”. Pola súa banda, o seu irmán pequeno, Manuel Blanco, proclamarase campión cadete en “light contact” e subcampión en “pointfighting”.

Os irmáns Paula e Manuel Blanco proclamáronse campións de España de kickboxing

Multimedia

  • Os irmáns Paula e Manuel Blanco proclamáronse campións de España de kickboxing
  • Os irmáns Paula e Manuel Blanco proclamáronse campións de España de kickboxing
  • Os irmáns Paula e Manuel Blanco proclamáronse campións de España de kickboxing
  • Os irmáns Paula e Manuel Blanco proclamáronse campións de España de kickboxing