[23-08-2018] Aproveitando o bo tempo da mañá, os nenos e nenas que están a participar na última quincena de Escola de Verán en Bertamiráns achegáronse a visitar e xogar nos xardíns do Pazo da Peregrina. Os pequenos e pequenas percorreron o labirinto, voaron cometas e xogaron moito. Dos 140 nenos inscritos a esta última parte do programa, 72 estano en Bertamiráns (38 en infantil e 34 en primaria) e 68 no Milladoiro (31 en infantil e 37 de primaria).
Os monitores/as e e os nenos/as da Escola de Verán están aproveitando o bo tempo de toda a semana para acudir a zonas próximas aos colexios onde poder facer actividades relacionadas co tema que se está a tratar durante esta quincena: o aire. Ademais, as elevadas temperaturas permitiron aos pequenos e pequenas gozar da piscina nesta última quincena do programa. Este xoves, xa con algunha nube no ceo e temperaturas máis suaves que ás dos últimos días, os rapaces e rapazas achegáronse aos xardíns do Pazo da Peregrina.
Ao longo da mañá, os cativos e cativas aproveitaron para percorrer todos os recunchos verdes, así como para xogar coa cometa que elaboraron eles mesmos durante os días anteriores na escola. Tamén tiveron ocasión de participar en xogos colectivos e actividades relacionadas co aire e as enerxías renovables. No que vai de quincena, os raparigos/as xa elaboraron paracaídas, muíños, avións e cometas con material de refugallo, ao tempo que realizaron xogos de distensión, speak and play, xogos na natureza, xogos cooperativos, diverciencia e moitas alternativas para gozar dun verán diferente.
Fin de festa
Para finalizar esta última quincena da Escola de Verán 2018, levarase a cabo un obradoiro de cociña, onde se cociñarán todos os aperitivos que se degustarán na festa final que pechará esta edición. Entre as receitas que se elaboraron ao final das outras quincenas, houbo xeados, pizza e cupcakes.
En canto ao documental Alerta Ames!, realizado polo alumnado dende o comezo desta edición da Escola de Verán, estará dispoñible na web da escola ao final do programa, en canto remate o proceso de edición.
O programa de conciliación Escola de Verán está dirixido a nenas e nenos do segundo ciclo de Infantil e de Educación Primaria. Mediante este servizo, que se desenvolve ao longo dos meses de xullo e agosto, o Concello de Ames busca facilitar a conciliación entre a vida laboral e familiar.
Contido relacionado
La Voz de Galicia: "Los niños de la Escola de Verán visitan y juegan en el Pazo da Peregrina"
Compostela 24 horas: "Os nenos da Escola de Verán visitaron o Pazo da Peregrina"