Solapas principales

Os petróglifos da Peneda Negra e Monte Castelo, protagonistas dunha visita nocturna o sábado 10 de setembro

Sábado, 03 de septiembre de 2022

O Concello de Ames e o colectivo A Rula organizan este sábado 10 de setembro a cuarta edición da ruta nocturna aos petróglifos de Monte Castelo e da Peneda Negra. Será a partir das 21:30 horas, con saída dende o miradoiro do bosque do Peregrino, en Ventosa. Para participar nesta saída, que conta con prazas limitadas, cómpre inscribirse, enviando un correo ao enderezo electrónico colectivoarula@gmail.com.

Este sábado 10 de setembro, o colectivo A Rula e o Concello de Ames organizan unha visita aos petróglifos de Monte Castelo e da Peneda Negra, ambos os dous situados na área arqueolóxica da Ventosa e pertencentes ao conxunto do Parque Compostela Rupestre. Estes petróglifos son parte de máis dunha vintena de xacementos prehistóricos e protohistóricos repartidos por todo o municipio amesá.

Tanto o petróglifo da Peneda Negra como o de Monte Castelo foron descubertos a comezos de século XX por Óscar Lojo-Batalla Sampedro, ex-alcalde amesán durante a II República e que tivo unha estreita relación co patrimonio galego. En 1909 Oscar Lojo conduciu ata estas rochas ao acibecheiro santiagués Enrique Mayer e o debuxante Enrique Campo Sobrino, pertencente á sociedade pontevedresa, quen elaborou debuxos sobre os paneis para a súa exhibición na importante Exposición rexional celebrada en Compostela nese mesmo ano.

Mentres que o recordo da Peneda Negra mantívose, o petróglifo de Monte Castelo non foi redescuberto ata 2015, cando membros do Colectivo A Rula, procurando un acceso alternativo á Peneda Negra, encontraron de novo a rocha e recuperaron parte da súa memoria.

A andaina nocturna para coñecer este patrimonio de Ames comezará no miradoiro do bosque do Peregrino, en Ventosa, ás 21:30 horas. Para participar nesta saída, que conta con 25 prazas, cómpre inscribirse, enviando un correo ao enderezo electrónico colectivoarula@gmail.com.

Novas relacionadas:

AMSGO!: "Visita nocturna aos petróglifos de Ames o 10 de setembro"

Os petróglifos da Peneda Negra e Monte Castelo, protagonistas dunha visita nocturna o sábado 10 de setembro

Multimedia

  • Os petróglifos da Peneda Negra e Monte Castelo, protagonistas dunha visita nocturna o sábado 10 de setembro