Solapas principales

Os pioneiros do cinema protagonizan o cartel da sétima edición de Cinema Miúdo

Jueves, 03 de octubre de 2024

O festival internacional de cinema infantil de Ames xa está quentando os proxectores para a celebración da súa sétima edición, que terá lugar entre o 14 e o 17 de novembro, nas Casas da Cultura de Bertamiráns e do Milladoiro. Ames é o concello con maior ratio de nenos e nenas de Galicia, e que mellor lugar para celebrar este festival. O certame está xestionado por terceiro ano pola entidade cultural galega Abella Producións, que desvela hoxe o cartel e temática deste ano: os pioneiros do cinema.

A imaxe gráfica do certame é obra da deseñadora e ilustradora Alejandra Abalde, coñecida no eido creativo como Srta. Doti. Fiel ao seu estilo colorista e entrañable, Abalde retrata doce momentos significativos na historia da sétima arte e no cartel podemos recoñecer persoeiros abraiantes como os irmáns Lumière, Georges Méliès, Alice Guy ou incluso Mickey Mouse sentados nas butacas dunha sala de cine.

A temática será transversal a moitas das actividades do festival. A través de proxeccións, unha exposición e actividades interactivas, a cativada terá a oportunidade de explorar a maxia do cinema desde os seus inicios, comprendendo como estes visionarios transformaron as imaxes en historias cativadoras e sentaron as bases para a arte cinematográfica que desfrutamos hoxe en día. Ao mergullarse no legado destes pioneiros, as nenas e nenos de Ames aprenderán sobre técnicas cinematográficas e desenvolverán un sentido de apreciación pola arte e a narrativa visual.

Esta temática celebra a historia do cinema ao tempo que inspira ás novas xeracións a soñar e crear,  fomentando a súa imaxinación e curiosidade. Cinema Miúdo brinda ás nenas e nenos a oportunidade de conectar co pasado e sentirse motivados para contar as súas propias historias, converténdose nos cineastas do mañá.

Cinema Miúdo
Cinema Miúdo é un festival de cine infantil nado no concello de Ames en 2018 que cada ano medra en número de espectadores e repercusión. O festival, que ten carácter internacional,  quere proporcionar ao público miúdo galego a oportunidade de desfrutar de filmes inéditos, orixinais, sorprendentes e de descubrir olladas doutras partes do mundo.

Deste xeito propíciase que a rapazada descubra o gusto polo cinema e fórmase un público futuro con sensibilidade artística, interese cultural e espírito crítico ante o consumo audiovisual. Isto ten especial relevancia para o concello de Ames, que ten a maior ratio de nenos e nenas de toda Galicia.

Nas anteriores edicións de Cinema Miúdo, o público gozou de sesións con filmes de Galicia, Francia, Corea, India, Afganistán, Marrocos ou Estados Unidos ademais de sesións específicas para escolares, mesas redondas para a comunidade educativa, obradoiros, e sesións musicais.ç

Novas relacionadas:

El Correo Gallego: "Pioneiros do celuloide protagonizan o cartel do festival internacional Cinema Miúdo de Ames"

Lindeiros: "Cinema Miúdo dedica o seu cartel aos pioneiros do cinema"

Cartaz da sétima edición de Cinema Miúdo

Multimedia

  • Cartaz da sétima edición de Cinema Miúdo
  • Imaxe de Cinema Miúdo 2023 (foto de Paula Cermeño)
  • Imaxe de Cinema Miúdo 2023 (foto de Paula Cermeño)
  • Imaxe de Cinema Miúdo 2023 (foto de Paula Cermeño)
  • Imaxe de Cinema Miúdo 2023 (foto de Paula Cermeño)