Solapas principales

Os Premios Youtubeiras abren a inscrición dunha quinta edición que buscará a consolidación da comunidade creadora “que medrou ao abeiro do concurso”

Jueves, 16 de septiembre de 2021

Youtubeiras é unha iniciativa organizada polos servizos de normalización lingüística dos concellos da Baña, Ames, O Grove, Moaña, Negreira, Pontevedra, Ribadeo, Rianxo, Santiago de Compostela e Teo, das universidades da Coruña, Santiago e Vigo e da Deputación da Coruña. Os galardóns, que este ano teñen como lema ‘Magnetismo en liña’, repartirán un total de 7.500 euros entre as persoas gañadoras da ducia de categorías nas que se divide o certame.

Os Premios Youtubeiras, organizados polos servizos de normalización lingüística de dez concellos, das tres universidades e da Deputación da Coruña, abren o prazo de inscrición para a súa quinta edición, que terá como principais obxectivos impulsar a formación e consolidar a comunidade creadora que xurdiu ao redor desta iniciativa. “Dende a primeira edición destes premios, alá por 2017, até o día de hoxe, a comunidade de youtubeiros e youtubeiras que publican contidos na nosa lingua non deixou de medrar ao abeiro do concurso”, sinalou Carme Pereiro, coordinadora do Proxecto Youtubeiras, quen anunciou hoxe en Santiago ante os medios os detalles desta quinta edición na compaña de Rubén Prol, concelleiro compostelán de Políticas Lingüísticas, e de Escarlata Pampín, concelleira de Normalización Lingüística e Mocidade de Ames. Pereiro púxolle cifras ao grande incremento de participantes nestes anos ao sinalar que “en 2017 concorreron 202 vídeos”, mentres que na convocatoria de 2020 “a cifra ascendeu até os 536”. Nesta convocatoria tense a vontade de superar a marca, malia que o prazo de inscrición para participar é menor que o de edicións anteriores, xa que se limitará a tan só dous meses. O prazo rematará así o 22 de outubro.

Pola súa banda a concelleira de Normalización Lingüística e Mocidade de Ames resaltou a importancia dos proxectos colaborativos en materia de normalización lingüística “estes traballos permiten a participación e a sinerxía entre concellos moi diversos optimizando a eficiencia dos recursos e multiplicando os resultados”. Pampín, ademais, engadiu que “na era dixital que estamos a vivir é preciso adaptarse e mudar as estratexias. Dise que "o que non está nas redes non existe", ben pois grazas ós premios Youtubeir@s o galego ten cada vez máis presenza en Youtube, o espazo web máis empregado para publicar, ver e compartir vídeos”.

A Coordinadora do Proxecto Youtubeiras destacou como novidade “co obxectivo de fomentar a creación de canles, pero tamén o seu mantemento”, non se poderán presentar vídeos illados como en anos anteriores. Esa é a gran novidade nas bases destes V Premios Youtubeiras que, por segunda edición consecutiva, se dividirán en 12 categorías: canle, vídeo, youtubeiro/a, calidade lingüística, impacto, calidade técnica, comunicación, creatividade, musical, didáctico, pioneiro e premio do público. Os tres primeiros acompañaranse cunha dotación económica de 1.000 euros, mentres que os nove restantes chegarán aos 500 euros. Poderán aspirar a gañar os galardóns nestas doce categorías todas as persoas creadoras de contidos en lingua galega maiores de catorce anos con canles de Youtube, autoproducidas e que teñan polo menos cinco vídeos publicados con data posterior ao 23 de outubro de 2020.

‘Magnetismo en liña’ e formación
Neste quinto ano, escolleuse como lema a frase Magnetismo en liña, co obxectivo de remarcar a evolución do proxecto dende a súa posta en marcha. “O que se pretende con esta idea do magnetismo é incidir na atracción en canto á consolidación da figura de youtubeira e youtubeiro, ao tempo que se subliña a influencia que o mundo youtubeiro exerce xa na sociedade”, explicou Carme Pereiro antes de centrarse noutro dos piares da edición deste 2021: a formación.

Os Premios Youtubeiras, que teñen como finalidade ser acicate da creación en Youtube con temáticas e formatos diversos, así como promover e visibilizar as/os youtubeiras/os en galego, ofrecerán novas formacións nos próximos meses, que lle darán continuidade ao obradoiro impartido por Xoán Escudero ao comezo do verán, centrado na mellora da calidade sonora dos vídeos. Neste mes de setembro, Adrián Suárez impartirá un curso sobre posicionamento na creación dixital e por último en outubro, Bárbara Román, avogada especializada en empresas tecnolóxicas, desenvolverá aspectos legais do Youtube. Deste xeito, a formación nesta quinta edición pretende ser máis especializada.

O xurado
Por último, durante a presentación desta mañá anunciouse a constitución do xurado que decidirá quen gaña en todas as categorías, agás no caso do Premio do Público. O sociolingüista Fernando Ramallo, o xornalista Adrián Lede, a profesora de lingua galega Noemí García, a realizadora e coordinadora do Carballo Interplay Sonia Méndez e Esther Estévez, xornalista e responsable do #DígochoEu da Televisión de Galicia, conformarán o xurado que, a partir da próxima edición, incluirá a persoa gañadora do premio ao mellor Youtubeiro/a.

Novas relacionadas:

El Correo Gallego: "Anotaciones para optar a siete mil quinientos euros en galardones con Youtubeiras"

Os Premios Youtubeiras abren a inscrición

Multimedia

  • Cartel Youtubeiras 2021
  • Os Premios Youtubeiras abren a inscrición