- Tematica
Os premios, cuxas bases xa están publicadas en www.youtubeiras.gal, repartirán 7.500 euros entre as persoas gañadoras de sete categorías: canle de Youtube, canle de TikTok, creación de contidos, revelación, calidade lingüística, rede e premio do público. O prazo de inscrición está aberto ata o 15 de novembro ás 23:59 horas. Youtubeiras é unha iniciativa organizada polos servizos de Normalización Lingüística de dez concellos, entre os que se inclúe Ames; das tres universidades galegas e da Deputación da Coruña co obxectivo de fomentar a creación en galego no YouTube con temáticas e formatos diversos, así como de promover e visibilizar os diferentes perfís de persoas xeradoras de contidos na Rede.
O proxecto Youtubeiras presenta a oitava edición dos seus premios, que se desenvolverá baixo o lema “Fachenda ao cadrado”. Este ano, estes premios renacen como Premios Youtubeiras+, ampliando o seu alcance ao contido en galego en TikTok.
Deste xeito, os galardóns amplían o seu campo de acción cunha modificación das bases e das categorías. Así o explicaba Cristina López, vicerreitora de Igualdade e Diversidade da Universidade da Coruña, nunha rolda de prensa celebrada esta mañá na reitoría desta institución: “Youtubeiras, desde a súa posta en marcha en 2017, é un proxecto vivo, que evoluciona, que se transforma e que procura adaptarse á comunidade de persoas creadoras de contidos na Rede na nosa lingua, unha comunidade que consideramos que foi medrando ao abeiro destes premios que pasan a chamarse desde agora Youtubeiras+”. Neste acto estivo acompañada pola alcaldesa de Teo, Lucía Calvo de la Uz; o alcalde de Ames, Blas García, e a concelleira de Cultura, Normalización Lingüística, Ensino e Xuventude do Concello de Oleiros, María José Santos Zas.
Durante a súa intervención o alcalde de Ames, Blas García, salientou “a importancia capital do esforzo colectivo e a colaboración entre institucións en iniciativas a prol do noso idioma”, e puxo en valor o traballo do xurado: “Desde a organización, sempre recoñecemos e agradecemos o gran traballo que realizan os membros do xurado. Cada ano élles máis complicado debido ao constante incremento que percibimos na calidade técnica, na calidade lingüística e no interese das propostas temáticas e na súa variedade”.
Inscricións
O prazo de inscrición para esta edición xa está aberto e remata o vindeiro 15 de novembro ás 23:59 horas. Poden participar todas as persoas maiores de 14 anos con canles de YouTube e/ou TikTok autoproducidas. No caso de concorrer menores de idade, a inscrición incluirá a autorización da persoa titora legal.
As canles que participen deberán ter a maioría dos vídeos en galego e cumprir cos seguintes requisitos: contar como mínimo cun vídeo subido a partir do 15 de novembro de 2023 co cancelo #youtubeiras; non ter restricións de privacidade; os títulos, as descricións e os subtítulos permanentes, no caso de habelos, estarán en galego e os vídeos poden contar con subtítulos de activación opcional no YouTube noutras linguas.
Premios
Nesta edición os Premios Youtubeiras+ repartirán 7.500 euros en premios, que se distribuirán entre sete categorías: canle de YouTube e canle de Tiktok (1.250 euros cada unha), creación de contidos (1.000 euros), revelación (1.000 euros), calidade lingüística (1.000 euros), rede (1.000 euros) e o premio do público (1.000 euros).
Para este último galardón, calquera persoa poderá presentar suxestións a través do formulario habilitado na web www.youtubeiras.gal. O prazo para facer estas propostas estará aberto ata o 15 de novembro. Ninguén poderá propoñer como candidatos os seus propios vídeos . Con todas as candidaturas recibidas crearase un formulario de votación que se difundirá polas redes sociais de Youtubeiras+ e estará habilitado do 25 de novembro ao 5 de decembro.
Xurado e actividades formativas
O xurado dos premios estará conformado por Andrea Villa, xornalista e produtora; Carlos Callón, escritor, profesor e presidente de honra da Mesa pola Normalización Lingüística; Iago Gordillo, realizador audiovisual e gañador do Premio Youtubeira 2023; Mónica Valencia, técnica de Normalización Lingüística do Concello de Ourense, e Sara Varela, guionista, realizadora e produtora audiovisual.
Así mesmo, un ano máis celebraranse actividades formativas tanto en centros de ensino medio dos concellos organizadores como dos campus universitarios galegos. Baixo o título “Fiadeiros dixitais”, búscase dar a coñecer o que se se está a facer na Rede no noso idioma, amosar referentes, incentivar a creación de vídeos en galego e fomentar o seu consumo nas novas xeracións.
Estes obradoiros serán impartidos por Mario Brión, coñecido pola súa canle Olaxonmario; María Rúa, da canle Pradorua; Nuria Espasandín e Sergio Casal, da canle Toxío; Laura Veiga, da canle Pingando, e Carlos Vieito, presentador do podcast de vídeo Exército Mekemeke.
Novas relacionadas:
El Correo Gallego: "A oitava edición dos Premios Youtubeiras+ renace para engadir a creadores de TikTok"