- Tematica
A II edición dos Premios Mil Primaveras, convocados pola CTNL coa colaboración da Deputación Provincial de Pontevedra, vén de decidir os gañadores deste ano. Como mellor proxecto estabilizado, aquel que se leva desenvolvendo, como mínimo, durante cinco anos, escolleuse Enreguéifate e Regueifesta. Na categoría de proxecto sectorial, por ser efectivo e exportable a outros concellos ou comarcas e por relacionar o uso da lingua con valores de calidade e proximidade, o gañador foi o proxecto Galegoempresas. Ambos os dous son proxectos colaborativos promovidos polos servizos de normalización lingüística de varios concellos, entre eles o de Ames.
A segunda edición dos Premios Mil Primaveras recoñece proxectos de posta en valor e fomento do galego que inciden na autoestima dos e das falantes, na reflexión sobre o uso da lingua e nos hábitos lingüísticos. Destacan os programas colaborativos e os que nacen ou se desenvolven no ámbito educativo.
Estes galardóns creáronse coa finalidade de valorar, recoñecer e difundir accións, campañas, programas e proxectos que teñen como obxectivo principal a posta en valor e o fomento da lingua e a procura do incremento do seu uso e/ou prestixio. Desta forma búscase recoñecer e proxectar o traballo ben feito no ámbito da normalización lingüística, dar visibilidade a proxectos positivos e seleccionar boas prácticas que poden servir como modelos.
O Concello de Ames desenvolve dous dos proxectos gañadores nesta iniciativa:
- Enreguéifate e Regueifesta. Recoñeceuse como proxecto estabilizado xa que leva máis de cinco anos en desenvolvemento. Forman parte del os SNL de Ames, Pontevedra, Rianxo, Santiago de Compostela e Teo e os promotores da Regueifesta. O xurado salientou que é un proxecto interxeracional, que revitaliza unha actividade tradicional conectándoa coa mocidade e introducindo valores transversais. Tívose en conta especialmente que traballa o aspecto oral, moi necesario para a normalización da lingua. Tamén se valorou a súa relación con proxectos semellantes fóra de Galicia e a súa crecente proxección, cunha imaxe moi coidada, atractiva e fresca. Así mesmo, recoñeceuse a importancia de que sexa un proxecto onde colaboran diferentes servizos de normalización lingüística e que implica de forma especial os centros educativos.
- Galegoempresas é tamén o produto da colaboración entre SNL, neste caso de Santiago de Compostela, Ames e Teo. Foi escollido como mellor proxecto sectorial por ser efectivo e exportable a outros concellos ou comarcas e por relacionar o uso da lingua con valores de calidade e proximidade. A xustificación da necesidade desta iniciativa chamou a atención do xurado, que destacou que con ela se promove o uso do galego en diferentes ámbitos: laboral, comercial, empresarial… Así mesmo, valorou a ferramenta de autodiagnose das propias empresas, o que permite que elas mesma reflexionen sobre a súa política lingüística e avancen conscientemente cara a un maior uso da lingua. Tamén salientou a boa comunicación e a dotación de recursos para as empresas.
Novas relacionadas:
El Correo Gallego: "Premio a Enreguéifate e Galegoempresas amesás"