- Tematica
Este xoves, 22 de agosto, a carballeira de Bugallido acollerá a sexta xornada dos Seráns de Ames. Esta iniciativa, que se desenvolve durante os meses de xullo e agosto, acolle nesta ocasión a Foliada do programa Apego, que incluirá a actuación musical de Pablo Díaz e Olga Kirk, ás 19:00 horas. Premendo nesta ligazón podes consultar o cartel ao completo dos “Seráns de Ames”.
Ás 19:00 horas, este xoves a música e o baile encherán a carballeira de Bugallido cunha Foliada do programa Apego, que incluirá a actuación musical de Pablo Díaz e Olga Kirk. Será unha xornada protagonizada pola música e o baile tradicional, mesturados con xogos baseados nas cancións máis coñecidas por todas e todos (O galo, A vaca marela, O verdegaio...). As persoas que o desexen poden traer percusión miúda (axóuxeres, pandeiretas etc.) para amenizar a festa.
Iniciativa “Seráns de Ames 2024”
“Seráns de Ames” é unha programación de verán para todos os públicos que volve ao concello por cuarto ano consecutivo, despois de que no ano 2021 se estrease a iniciativa na praia fluvial de Tapia e no 2022 se ampliase á parroquia de Bugallido. Como novidade, este ano cóntase con Biduído e Agrón como sedes, repartindo así entre catro parroquias (Tapia, Bugallido, Biduído e Agrón) as sete xornadas do programa nas que haberá actividades para todos os públicos.
Ata o de agora realizáronse cinco xornadas en Tapia, Bugallido, Biduído e Agrón, cun pregón inaugural a cargo da xornalista e escritora amesá Paula Señarís, coas actuacións dos grupos Maianas, SR. Salvaje, e Banda de Nash, e cos espectáculos “A vida tola de Pajarito” e "Varietés do Animalario".
Trala xornada deste xoves, os Seráns de Ames rematarán o xoves, 29 de agosto, en Tapia, co monólogo de Manolo Boquete, ás 19:00 horas.