- Tematica
A cativada da escola infantil municipal O Bosque, situada en Bertamiráns, achegouse hoxe á Casa dos Maiores para pasar unha xornada en compañía dos seus usuarios. Alí participaron con eles nunha clase de ximnasia e, posteriormente, merendaron todos xuntos cunhas galletas elaboradas polos propios alumnos e alumnas.
Esta mañá, 13 nenos e nenas da aula de dous a tres anos da EMI O Bosque visitaron a Casa dos Maiores, situada na Praza da Maía, en Bertamiráns. Alí participaron xunto aos maiores nunha das clases de ximnasia que se imparten dentro do programa de envellecemento activo Amessan. Como agasallo, os máis pequenos levaron unhas galletas feitas por eles que tomaron todos xuntos como merenda despois da actividade.
Durante a visita estiveron acompañados da concelleira de Benestar Social, Uxía García; da concelleira de Planificación e Xestión Educativa, Carmen Porto; da concelleira de Promoción da Saúde, Susana Señorís; do concelleiro de Xestión do Medio Natural, Javier Antelo; e do alcalde de Ames, Blas García. Durante a visita, os membros do Goberno municipal agasallaron aos nenos cunhas mochilas nas que había unha tarxeta con sementes e un pequeno xogo.
Todos os anos o alumnado da escola infantil realiza varias visitas deste tipo: durante o primeiro trimestre achegáronse ao centro de día Máis Vivir (situado no paseo fluvial de Bertamiráns), e no terceiro trimestre está previsto que os nenos e nenas reciban na escola unha visita dos maiores que asisten aos centros de día do concello.