Solapas principales

Os usuarios/as da Rede municipal de comedores escolares elixen a hamburguesa con patacas fritas para o menú de fin de curso

Jueves, 16 de junio de 2022

Por primeira vez na Rede municipal de comedores escolares o alumnado elixiu a hamburguesa con patacas fritas para o menú de fin de curso que se servirá o vindeiro martes 21 de xuño. Despois de seis anos consecutivos nos que gañou o churrasco, nesta ocasión impúxose a hamburguesa. O primeiro prato elíxeo a nutricionista municipal que será crema de cenoria. A sobremesa, que tamén a elixiu o alumnado, será polo de limón ou laranxa. As eleccións desenvolvéronse durante o horario no que se emprega o servizo de comedores no CEIP Agro do Muíño, CEIP A Maía, CEP de Ventín, CEIP de Barouta, EEI do Milladoiro e nas escolas unitarias de Covas e Ortoño. Votaron 1.285 nenos e nenas.

As usuarias e usuarios da Rede municipal de comedores escolares cambiaron as súas preferencias este ano para despedir o curso. Por primeira vez o alumnado elixiu a hamburguesa con patacas fritas, para o menú de fin de curso que se servirá o vindeiro martes, 21 de xuño, penúltimo día de clase, xa que o mércores unha gran parte do alumnado xa come nas súas casas. Para a sobremesa elixiron polo de limón ou laranxa.

Este foi o décimo sétimo ano no que se celebraron estas peculiares eleccións nos comedores escolares. Nesta ocasión, o alumnado tivo que escoller entre seis posibilidades:  albóndegas con arroz e salsa de tomate, croquetas caseiras, churrasco con patacas fritas, hamburguesa con patacas fritas, peituga rebozada (nugets) con pasta tricolor e salmón con arroz.

Este ano decidiuse incluír como opción a hamburguesa no lugar da pizza de xamón e queixo. O cambio tivo éxito porque finalmente a hamburguesa foi a opción máis votada despois de seis anos consecutivos gañando o churrasco.    

Dende o 2011 o churrasco con patacas fritas gañou en nove ocasións e a pizza de xamón e queixo dúas veces. En 2011, 2012 e 2013 gañou o churrasco, mentres que en 2014 e 2015 impúxose a pizza. Os seis últimos anos volveu a gañar o churrasco como o prato favorito dos nenos e nenas da Rede municipal de comedores escolares ata este ano que se impuxo a hamburguesa.

Por outra banda, a listaxe de opcións de sobremesa contiña cinco opcións que eran o iogur de chocolate, xeado artesán, xeado polo, flan con nata e amorodos con nata.

Escrutinio dos votos
Este ano a hamburguesa con patacas fritas gañou nos comedores do CEIP Agro do Muíño, CEP de Ventín, na EEI Milladoiro, no CEIP da Maía e na escola unitaria de Ortoño; mentres que o churrasco impúxose no CEIP de Barouta e as croquetas caseiras gañaron na escola unitaria de Covas. Deste xeito, a hamburguesa obtivo un total de 592 votos, o churrasco alcanzou os 288 votos e en terceiro lugar quedaron as croquetas caseiras con 134 votos.

Para a sobremesa, o xeado de xeo (polo de limón ou laranxa) gañou nos comedores do CEP de Ventín e da EEI Milladoiro. No CEIP Agro do Muíño impúxose o xeado artesán, mentres que no CEIP da Maía empataron con 123 votos o xeado polo e mailo xeado artesán. No CEIP de Barouta gañaron os amorodos con nata e nas escolas unitarias a sobremesa preferida foi o iogur de chocolate. Deste xeito, a sobremesa máis votada foi o xeado polo con 465 votos, seguido do xeado artesán con 384 votos e mailo iogur de chocolate con 198 votos. En cuarto lugar quedaron os amorodos con nata con 185 votos.
 
A nutricionista elixe un prato
O Concello fai valer a súa representatividade para elixir outro prato que completa o menú de fin de curso, de maneira que dúas comidas son decisión dos cativos e outra vén definida pola dirección da Rede municipal de comedores escolares. Deste xeito, o primeiro prato que se servirá será unha crema de cenoria.

Outro obxectivo que se busca con estas eleccións é que o alumnado aprenda os valores dunha educación en democracia e a respectar o que elixe a maioría. Ademais esta actividade serve para que o Concello coñeza os gustos e preferencias dos máis cativos a hora de xantar. Para realizar estas curiosas eleccións empregáronse as urnas que se empregan nos comicios municipais, autonómicos e estatais.

Novas relacionadas:

La Voz de Galicia: "«Sorpasso» en el sufragio más importante en los comedores escolares de Ames: la hamburguesa gana al churrasco"

Enfoques: "Los usuarios de comedores escolares de Ames escogen hamburguesa con patatas fritas para su menú de fin de curso"

Imaxe da votación feita polo alumnado da EEI Milladoiro

Multimedia

  • Imaxe da votación feita polo alumnado da EEI Milladoiro
  • Imaxe da votación feita polo alumnado da EEI Milladoiro
  • Imaxe da votación feita polo alumnado da EEI Milladoiro
  • Imaxe da votación feita polo alumnado da EEI Milladoiro
  • Imaxe da votación feita polo alumnado da EEI Milladoiro
  • Imaxe da votación feita polo alumnado da EEI Milladoiro
  • Imaxe da votación feita polo alumnado da EEI Milladoiro