Solapas principales

Os veciños de Ortoño Paula e Manuel Blanco, campións galegos de kickboxing

Viernes, 18 de febrero de 2022

Os irmáns Paula e Manuel Blanco Prol participaron no Campionato Galego de Kickboxing das modalidades “tatami sports”, que se celebrou os días 5 e 6 de febreiro en Marín. Paula Blanco proclamouse dobre campioa galega absoluta en “pointfighting” e “light contact”, e rematou segunda na proba de “kicklight”. Pola súa banda, o seu irmán pequeno, Manuel Blanco, proclamouse campión cadete en “light contact” e subcampión en “pointfighting”.

Paula e Manuel Blanco Prol, veciños de Ortoño dende o ano 2015, tiveron grandes actuacións no Campionato Galego de Kickboxing celebrado na primeira fin de semana de febreiro. Os dous irmáns, que compiten e adestran co Club ITF Noia, proclamáronse campións en varias disciplinas, nun evento clasificatorio para os Campionatos de España.

Paula Blanco, que compite en categoría absoluta, entrou no mundo dos deportes de contacto aos 5 anos, cando empezou a practicar taekwondo como actividade extraescolar. Dende esta arte marcial deu o paso eventualmente ao kickboxing, unha disciplina máis dirixida á competición. No 2016 gañou o campionato de España na categoría previa á absoluta, e dende entón Blanco é considerada deportista galega de alto nivel. Xa en categoría absoluta, gañou o Campionato de España en 2019 e 2021, un título que espera revalidar este ano.

Pola súa parte, o seu irmán pequeno, Manuel Blanco, leva viaxando con Paula dende pequeno a diversos campionatos por toda a xeografía galega e española, o que o animou a practicar tamén este deporte. Na actualidade compite en categoría cadete menor, que inclúe nenos dos 10 aos 12 anos.

Novas relacionadas

AMSGO!: "Paula e Manuel Blanco, veciños de Ortoño, campións galegos de kickboxing"

Paula Blanco, no Campionato Galego de Kickboxing celebrado en Marín

Multimedia

  • Á dereita, Paula Blanco, no Campionato Galego de Kickboxing celebrado en Marín