Solapas principales

Os VI Premios Mil Primaveras recoñecen o proxecto de investigación e acción Modo galego, actívao!

Jueves, 10 de abril de 2025

Modo galego, actívao!, o proxecto de investigación e acción para a promoción do galego na infancia que o Concello de Ames e a Real Academia Galega desenvolven, é unha das experiencias premiadas na sexta edición dos Premios Mil Primaveras que concede a Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua. Os galardóns recoñecen outros tres programas que inciden na infancia e na mocidade, favorecen a socialización en galego e potencian a reflexión e a posta en marcha de medidas para asociar a lingua con valores positivos: a canle de vídeos animados Galego para peques, a empresa de deseño e fabricación de xogos de mesa en galego Brazolinda e o programa do CEIP Sagrada Familia da Coruña Vitamina G.

Modo galego, actívao! naceu no ano 2021 froito da colaboración entre o Seminario de Sociolingüística da RAG e o Concello de Ames que dera lugar ao Mapa sociolingüístico escolar de Ames. Pasouse así do diagnóstico á acción cunha experiencia ata o momento singular na medida en que combina a posta en práctica de propostas para a dinamización da lingua e a súa avaliación e se dirixe a todas as partes implicadas nos espazos de educación formal e non formal: o alumnado (uns 2.500 estudantes de educación, infantil e o primeiro ciclo da ESO dos centros públicos amesáns), o profesorado, o monitorado das actividades extraescolares e servizos complementarios e as familias.

O alcalde e concelleiro de Normalización Lingüística, Blas García, valora positivamente este recoñecemento e destaca “a importancia de que as administracións se impliquen na medidas das súas posibilidades en programas para fomentar o uso do galego. Durante este mandato asinamos un convenio pioneiro coa RAG que fixo posible blindar este programa. Estamos moi orgullosos deste recoñecemento pero, sen dúbida, o maior premio é saber que estamos contribuíndo a defender e promocionar a nosa lingua”.

O xurado dos VI Premios Mil Primaveras estivo formado por Manuel Bermúdez, técnico de normalización lingüística da Universidade de Santiago de Compostela; Marga R. Tilve, produtora audiovisual; Iago Gordillo, titulado en comunicación audiovisual; Olga Patiño, docente; e Concepción Cochón, técnica de normalización lingüística do Concello de Pontevedra.

Na súa resolución destaca que Modo galego, actívao! é un proposta replicable noutros lugares, valora a colaboración entre institucións e a implicación de diferentes axentes na que se sustenta, sinala a súa “planificación coidada e rigorosa” e a promoción da “reflexión sociolingüística interxeracional” que promove e valora tamén que lle preste atención aos diferentes espazos e ámbitos da vida dos nenos e nenas co propósito de facilitar a socialización en galego.

Recoñecemento, difusión e modelos de traballo
Os Premios Mil Primaveras creáronse coa finalidade de valorar, recoñecer e difundir accións, campañas, programas e proxectos que teñen como obxectivo principal valorizar e fomentar a lingua e procurar o incremento do seu uso e/ou prestixio. Desta forma búscase recoñecer e proxectar o traballo ben feito no ámbito da normalización lingüística, dar visibilidade a proxectos positivos e seleccionar boas prácticas que poden servir como modelos.

Estes premios non teñen dotación económica. Consisten no recoñecemento e na ampla difusión das accións, programas ou proxectos escollidos polo xurado. Os galardóns, que a CTNL promove co apoio económico da Deputación de Pontevedra, entregaranse no mes de xuño nun acto público no Pazo da Cultura de Pontevedra.

Novas relacionadas:

El Correo Gallego: "Premio Mil Primaveras ao bo facer do programa amesán ‘Modo galego, actívao!’"

AMSGO!: "Os VI Premios Mil Primaveras recoñecen o proxecto de investigación e acción Modo galego, actívao!"

Diario de Santiago: "Os VI Premios Mil Primaveras recoñecen o proxecto de investigación e acción Modo galego, actívao!"

Os VI Premios Mil Primaveras recoñecen o proxecto de investigación e acción Modo galego, actívao!

Multimedia

  • Cartaz Premios Mil Primaveras 2025