- Tematica
A artesá Ana Rosa Lista, veciña de Ames, remata hoxe de impartir un obradoiro de encaixe con palillos na cidade de Río Gallegos, capital da provincia de Santa Cruz. Este obradoiro forma parte do programa Obradoiros en Entidades Galegas do Exterior, da Secretaria Xeral da Emigración da Xunta de Galicia. A palilleira amesá ensinoulle a arte do encaixe galego a 13 alumnas, que a maior parte son socias deste centro galego. As clases de encaixe impartíronse do 7 ao 18 de outubro. Ademais, Ana Rosa Lista expuxo neste centro unha pequena mostra da súa colección sobre o Camiño de Santiago expresado en encaixe con palillos. Tamén ofreceu unha charla sobre a historia do encaixe.
A palilleira amesá Ana Rosa Lista impartiu clases de encaixe galego popular no centro galego da cidade arxentina de Río Gallegos, capital da provincia de Santa Cruz. Ana Rosa é mestra de encaixe da Xunta de Galicia e neste caso impartiu un obradoiro de encaixe con palillos, do 7 ao 18 de outubro, no que participaron 13 alumnas, que a maioría son socias deste centro galego que é o máis austral do mundo. Este obradoiro forma parte do programa Obradoiros en Entidades Galegas do Exterior, da Secretaria Xeral da Emigración da Xunta de Galicia. Premendo nesta ligazón podes ver unha reportaxe realizada por Canal 9 de Santa Cruz sobre dito obradoiro e o traballo de Ana Rosa.
A artista amesá, formada na Escola Holandesa do Encaixe, ten realizado cursos de mestras tan destacadas como son Mariña Regueiro e Lia Baumaister-Jonkers. Imparte aulas na Casa Escola Obradoiro Ana Rosa situado nas Punxeiras Altas, na parroquia de Ortoño. Ademais, realiza obradoiros e charlas en diferentes puntos da xeografía galega, española e en países europeos. Agora, levou a arte do encaixe galego a Arxentina e tamén ten previsto estar en Brasil.
Neste caso, Ana Rosa Lista xa ten relación co centro galego de Río Gallegos porque xa impartiu en 2021 e 2022 dous obradoiro de encaixe galego con alumnas deste centro pero de xeito virtual. Tal e como explica a tesoureira do centro galego de Río Gallegos e coordinadora do obradoiro, Cecilia Cobas, “despois de dous cursos de forma virtual, era necesario que Ana Rosa impartise un curso de forma presencial no noso centro, por iso solicitámoslle a Xunta de Galicia a realización deste curso”.
Algunhas das alumnas que participaron neste obradoiro xa se iniciaron no encaixe con palillos a través dos cursos impartidos de xeito virtual. Outras alumnas sumáronse agora a través deste novo obradoiro que se impartiu de xeito presencial. Ana Rosa Lista destaca a boa acollida que tivo este obradoiro. “Son persoas con moitas ganas de aprender e de aproveitar esta ocasión de ter unha profesora só para elas. Moitas das alumnas non sabían palillar nada, pero a pesar diso mostraron un gran entusiasmo e moitas ganas de aprender. Ao inicio eran un grupo pequeno que pouco a pouco foi medrando”.
A artesá de Ames engade que “ademais do alumnado do obradoiro, todos os días pasaron moitas persoas polo centro galego, para ver as pezas da colección sobre o Camiño de Santiago e para interactuar comigo co obxectivo de entender e coñecer o encaixe galego. As pezas desta colección sérvenlles para ver o que se pode chegar a facer co encaixe con palillos”.
Os traballos de Ana Rosa Lista beben de tradicións tan dispares como a galega, a holandesa, a rusa ou a italiana, combinadas con técnicas máis modernas e novidosas. A artista amesá foi a gañadora do II Premio do 1º Concurso de deseño de Encaixe de Camariñas – Xacobeo 2010, así como do 1º Premio de Exaltación do Traxe Galego Antigo (1895) no ano 2012. Tamén participou en varias ocasións na Mostra Internacional “Rendas de Bilros” en Peniche, e no ano 2019 impartiu clases de encaixe galego no centro social A nosa Galicia de Xenebra.
A importancia do encaixe galego tradicional
Cecilia Cobas, tesoureira do centro galego de Río Gallegos e coordinadora do obradoiro, explica que “estamos moi felices de poder ter este obradoiro no noso centro e pola xenerosidade de Ana Rosa. Nos 97 anos que ten este centro é a primeira vez que puidemos organizar un curso de encaixe galego. É marabilloso poder contar con Ana Rosa porque ten unhas enormes cualidades técnicas sobre o encaixe tradicional galego. Ademais, adaptouse perfectamente ao nivel de cada alumna. En todo momento púxose ao noso nivel, aprendeunos diferentes puntillas e traballos, para que despois nós poidamos ir practicando cando ela non estea”. Cecilia Cobas tamén destaca a mostra de encaixes antigos de todo o mundo que lles mostrou e maila colección sobre o Camiño de Santiago.
Por outra banda, Cecilia Cobas, mostrouse moi agradecida do material enviado polo Concello de Ames. Ana Rosa Lista en colaboración con Escolas de palilleiras e diferentes asociacións recompilou distinto material como fíos e palillos, que lle entregou ao Concello de Ames, que foi o encargado de financiar o envío co obxectivo de que este material chegase ao centro galego de Río Gallegos. Cobas dixo que “para nós é moi importante dispoñer deste material porque aquí é moi difícil de conseguir”.
María Marta Muíño, alumna do obradoiro, explica que “é unha experiencia moi satisfactoria. Eu comecei no encaixe con palillos a través dos cursos virtuais que impartiu Ana Rosa. Pertenzo ao centro galego, pero vivo a 500 quilómetros da cidade de Río Gallegos, pero quixen asistir a este obradoiro porque considero que podo aprender moito máis que de forma virtual. Teño que destacar a capacidade didáctica e técnica de Ana Rosa. Hai que ter moita habilidade para saber interpretar un patrón”.
Por último, María Marta Muíño, destaca “a importancia que ten para elas a realización deste obradoiro. Hai moitas asociacións galegas en Buenos Aires e outras cidades da Arxentina, pero en moi poucas se imparten cursos de encaixe con palillos. Este taller e maila mostra que nos trouxo Ana Rosa Lista é moi importante para non perder este saber tradicional do encaixe galego”.
Novas relacionadas:
El Correo Gallego: "Una amesana conquista la Patagonia con el arte de palillar"