- Tematica
Finalizado o “Delas Fest”, o primeiro Festival Feminista de Arte Urbana e Contextual que se desenvolveu do 10 ao 15 de decembro nos concellos de Ames, Santiago e Teo, xa se poden apreciar os resultados dalgúns dos seus obradoiros. Desta maneira, as paredes de entrada ao pavillón do Milladoiro presumen agora de constituír unha resposta artística á homofobia, froito do traballo da artista BTOY. Esta iniciativa desenvolveuse en Ames a través da Concellería de Benestar Social.
A partir dun retrato de gran tamaño da activista transxénero Verónika Arauzo, que reside en Santiago, a artista catalá Andrea Michaelsson (Barcelona, 1977), máis coñecida como BTOY, creou un universo estético alegórico no pavillón do Milladoiro. Utilizando cores vivas de reminiscencias pop art, a artista pretende reivindicar, como é habitual nas súas obras, ás persoas que transgreden moldes.
A composición do mural, na que figura Veronika Arauzo, foi creada con aires de “diva retro-futurista” libre de estereotipos que está acompañada dunha cyborg, metáfora das mutación dos corpos e das identidades. Desta maneira, da visibilidade no espazo público a un colectivo, o trans, e a unha loita, a feminista, que non se resigna nin á marxinación nin ao confinamento.
Máis actividades que se levaron a cabo no Delas Fest
Durante esas datas tamén se desenvolveron outras actividades do Festival: dous obradoiros (“Obradoiro de introdución á arte urbana de guerrilla” e “Elas tamén Pintan”), unha xornada de conversa e debate (“Onde están as mulleres na arte urbana?”) e outras intervencións murais aparte da levada a cabo no Milladoiro.
Os outros dous murais realizados correron a cargo do Dúo Amazonas, no túnel da estrada de Luou a Solláns, no Concello de Teo, e de Lorena Cosba na Casa do Matadoiro de Santiago. As fotos son cedidas por Marcos Boeda Casanova e Montse Castro.