- Tematica
A parroquia de Ameixenda celebrará os días 23, 24 e 25 de Agosto as súas festas na honra da Virxe das Dores, Santa Mariña, o Santísimo Sacramento e a Virxe do Rosario. Os asistentes a estas xornadas festivas poderán gozar cos actos relixiosos programados para a ocasión e deleitarse coas variadas actuacións musicais a cargo de orquestras do momento. Ademais, contarase cun pulpeiro no campo da festa.
Este venres, 23 de agosto, día da Virxe das Dores e Santa Mariña, patroa da parroquia, a xornada comezará ás 13.00 horas coa misa solemne, seguida da sesión vermú a cargo do grupo Alkar. Pola noite, haberá verbena a cargo do grupo Alkar, a discoteca móbil CDC e actuación estelar de Romántico Latino.
O sábado 24 de agosto, haberá misa cantada, ás 13.00 horas, na honra do Santísimo Sacramento, ofrecida polas familias Formoso Gómez e García Rodríguez. Ao finalizar, realizarase a sesión vermú a cargo dos grupos Os Retranqueiros e Caché. Pola noite haberá verbena a cargo de Caché, megadiscoteca CDC, A Banda de Nash, e estará en concerto o grupo Seguridad Social.
O domingo 25 de agosto, día da Virxe do Rosario, oficiarase unha misa solemne ás 13.00 horas, e acto seguido dará comezo a sesión vermú amenizada polo grupo Airiños Paseo de Colón e o grupo Unión e Forza. Pola noite, o grupo Unión e Forza e Pili Pampín serán os encargados de actuar na verbena para poñer o broche final a estas festas.