- Tematica
A parroquia de Agrón celebra os días 10, 11 e 12 de agosto a súa festa na honra a San Lourenzo, o Santísimo Sacramento e San Roque. Os asistentes a estas xornadas festivas poderán gozar cos actos relixiosos e coas variadas actuacións musicais a cargo de orquestras do momento.
Seguindo coa axenda de festexos que copan o mes de agosto, esta fin de semana celebraranse tanto as festas de Agrón como as da Peregrina. En Agrón comenzarán os festexos o sábado, 10 de agosto. Os asistentes ao día de festa na honra a San Lourenzo poderán asistir á misa solemne ás 12.30 horas. Ao finalizar haberá sesión vermú a cargo do dúo Reflexos, que tamén será o encargado de poñer a nota musical na verbena da noite acompañado da discoteca móbil CDC.
O domingo 11, comeza a xornada coa celebración da misa solemne, ás 13.00 horas, na honra ao Santísimo Sacramento, que precederá á sesión vermú a cargo do grupo La Bamba. Pola noite a verbena estará amenizada polo grupo La Bamba e a charanga BB+.
O luns 12, os asistentes a este último día festivo poderán participar na misa solemne, ás 13.00 horas, na honra a San Roque, e acto seguido gozar da sesión vermú a cargo do grupo Eureka. Chegada a noite, o grupo Eureka e a orquestra Finisterre serán os encargados de poñer a nota musical na verbena para poñer o broche final a estas festas.