Solapas principales

A parroquia de Bugallido celebra esta fin de semana as festas de San Isidro con concertos, gastronomía e animación infantil

Viernes, 12 de mayo de 2023

A parroquia de Bugallido celebra esta fin de semana as festas de San Isidro. A celebración comezará arredor das 11:00 horas do sábado, cunha concentración de motos en Bertamiráns, que avanzará ás 12:30 cara o campo da festa de Bugallido. Ao longo de toda a xornada haberá tamén oito actuacións musicais. O domingo celebrarase a misa solemne e a procesión, coa posterior sesión vermouth e concertos musicais que se estenderán ata a última hora da tarde. O domingo celebrarase a misa solemne e a procesión, e haberá tamén sesión vermouth e concertos musicais que se estenderán ata a última hora da tarde. As festas contarán con cantina con empanada e callos, polbeiro, unha exhibición de traxes tradicionais, animación infantil e diversos postos de artesanía.

Este sábado, 13 de maio, darán inicio as festas do San Isidro de Bugallido, organizadas pola Asociación de Veciños de San Pedro de Bugallido, o Centro Cultural Mahía e a Sociedade Agraria, en colaboración co Concello de Ames e coa Deputación da Coruña. A celebración iniciarase cunha concentración de motos ás 11:00 horas, na rúa Pedregal, en Bertamiráns. Arredor das 12:30 horas, as motos sairán cara o campo da festa de Bugallido. Alí ofreceranse diversas actuacións musicais ao longo de toda a xornada cos grupos Esbozo, La reunión, Battosai, Som do Galpóm, Taz, Sr. Salvaje, Stormy Trucks e Biribirlocke.

O domingo, día 14, terá lugar a misa solemne na honra a San Isidro, ás 12:30 horas, na que actuará a Coral Polifónica de Bugallido. A continuación, desenvolverase a procesión, acompañada polo grupo Os campantes da Baña. Unha vez rematada, dará comezo a sesión vermouth, na que participarán novamente Os campantes da Baña e Os viqueiras de Ordes. Xa pola tarde, actuarán os Retranqueiros de Ames e, a partir das 18:30 horas, Xabier Díaz e as Adufeiras de Salitre. Ámbolos dous concertos encádranse no marco do programa Música nas parroquias, unha iniciativa organizada pola Concellaría de Cultura. 

Ademais da ambientación musical, ámbolos dous días haberá servizo de cantina e polbeiro. Ademais, o domingo os asistentes poderán gozar de 600 racións de empanada e 200 de callos a prezos populares.

Por último, instalaranse diversos postos artesanais tanto o sábado como o domingo: un rosquilleiro; xoias tradicionais de Silvereira; souvenirs Lucerito; cosmética natural Naturantas; cerería Rocigarcía; libros de segunda man e marcapáxinas Rocío y sus libros; unha exposición de traxes tradicionais e obras da palilleira Ana Rosa Lista; Ángela Pintacaras e venta e reparación de maquinaria forestal, agrícola e de xardín J. Santos.

Ademais, haberá unha exposición de traxes tradicionais e apeiros de labranza. Os máis cativos poderán gozar de animación infantil a cargo de Sisel, que ofrecerá xogos tradicionais como zancos, corda, aros... etc.

Cartaz das festas de San Isidro en Bugallido

Multimedia

  • Cartaz das festas de San Isidro en Bugallido
  • Cartaz de Música nas parroquias 2023