- Tematica
Dende o venres 30 de xuño ata o domingo 2 de xullo, a parroquia de San Pedro de Bugallido celebra as festividades do seu patrón. Ao longo das tres xornadas haberá misas e procesións, así como sesións vermú e verbenas. Tamén se inclúen na programación unha festa infantil e un partido de fútbol sala. Estas festas contan coa colaboración da Concellaría de Cultura do Concello de Ames, a través do programa “Música nas parroquias”.
A parroquia de Bugallido comeza este venres, 30 de xuño, as festas na honra do seu patrón, San Pedro. As celebracións estenderanse ata o domingo, día 2 de xullo, e desenvolveranse no campo da festa.
A xornada do venres arrincará cunha gran verbena da man do grupo Kalima, que dará comezo a partir das 21:30 horas. A continuación, arredor das 23:00 horas, terá lugar o pregón, a cargo dos “alcaldes de Bugallido dos anos 60” que protagonizaron o desfile do Entroido da parroquia, Pablo e Marta. Xa para rematar a noite, actuará o grupo tributo a Queen, McKuin, á 1:00.
O sábado 1 celebrarase, ás 12:30 horas, unha misa solemne, e haberá procesión co grupo Paseo de Colón, unha actuación incluída dentro do programa “Música nas parroquias”, organizado polo departamento de Cultura. Deseguido comezará a sesión vermú coa orquestra Status. A media tarde, ás 17:30 horas, terá lugar unha festa infantil, mentres que ás 19:00 horas arrincará o partido de fútbol sala “autóctonos vs. forasteiros”. Pola noite, a verbena, coa orquestra Status e a disco móbil Zona Cero, dará comezo ás 22:00 horas.
Por último, o domingo volverase a oficiar unha misa solemne, acompañada pola Coral de Bugallido (tamén dentro do programa de Música nas parroquias). Será ás 12:30 horas. A continuación actuará na sesión vermú o grupo La Bamba, que tamén estará presente na verbena que empezará arredor das 21:30 horas. Para rematar as festas, a banda de rock e soul Broken Peach pechará a rolda de actuacións, ás 23:00 horas.
Novas relacionadas:
AMS GO!: "Bugallido celebra as festas de San Pedro do 30 de xuño ao 2 de xullo"