Solapas principales

Participa na andaina saudable que percorre a primeira etapa do Camiño Real de Santiago a Fisterra e Muxía

Jueves, 21 de noviembre de 2024

A Concellaría de Deportes e Promoción da Saúde, dentro do programa de Andainas Saudables, organiza unha nova camiñada na que se vai percorrer o Camiño Real de Santiago a Fisterra e Muxía por etapas. Esta nova actividade comeza o vindeiro sábado, 30 de novembro, coa primeira etapa na que se vai percorrer o tramo de Santiago ata A Ponte Maceira de 17 quilómetros aproximadamente. As persoas que estean interesadas en participar poden inscribirse cubrindo este formulario ata o mércores, 27 de novembro, ás 14:00 horas. Haberá servizo de autobuses dende a praza do Concello, en Bertamiráns, ás 9:00 horas; e dende a Casa da Cultura do Milladoiro, ás 9:15 horas.

O Concello de Ames, a través da Concellaría de Deportes e Promoción da Saúde, organiza unha nova actividade dentro do programa municipal Andainas Saudables. Trátase da primeira etapa do Camiño Real de Santiago a Fisterra e Muxía, un percorrido de 120 quilómetros aproximadamente. Esta ruta xacobea ten a súa orixe na cidade de Santiago e a súa meta no cabo Fisterra e no Santuario da Virxe da Barca de Muxía.

Hai 50 prazas dispoñibles, e as persoas interesadas en anotarse poden facelo ata o mércores, 27 de novembro, ás 14:00 horas, cubrindo o formulario ao que se pode acceder a través desta ligazón ou mediante o código QR do cartaz. Os/as participantes percorrerán 17 quilómetros aproximadamente entre Santiago e A Ponte Maceira.

Ofrecerase servizo de autobús dende a praza do Concello de Bertamiráns (ás 9:00 horas) e dende a Casa da Cultura do Milladoiro (ás 9:15 horas). Debido á alta demanda en anteriores andainas, terán prioridade as persoas empadroadas en Ames. Recoméndase levar roupa e calzado axeitados.

Camiño Real de Santiago a Fisterra e Muxía
Este é o Camiño de finalización da peregrinación xacobea, o único que ten en Santiago de Compostela o seu punto de arranque e non o seu final. A primeira etapa do Camiño Real na procura das terras de Fisterra desenvólvese por terras de Ames. Logo de saír da praza do Obradoiro e deixar atrás Ponte Sarela, o Camiño avanza cara á comarca da Maía. O Camiño entra en Ames polo Alto do Vento e discorre por Ventosa e Lombao, para despois descender até Augapesada.

En Augapesada salva o rego dos Pasos, unha ponte medieval de cantería que ten un arco de medio punto e dous aliviadoiros. Ao seu carón hai unha pequena zona de descanso. En Castiñeiro do Lobo, o Camiño ataca despois unha prolongada costa, de máis de tres quilómetros, até coroar o Alto do Mar de Ovellas e iniciar o tránsito cara ás augas do río Tambre e a comarca da Barcala. O descenso faise por Susavila de Carballo e Trasmonte.

En Trasmonte pódese visitar o cruceiro e a igrexa barroca de Santa María, construída a mediados do século XVIII. No seu interior destaca un retablo da Natividade de estilo barroco e o da capela maior datado a finais do século XVIII. O Camiño Real segue por Burgueiros até chegar ao núcleo histórico da Ponte Maceira, lugar onde se conserva un interesante conxunto de arquitectura popular e onde tamén se pode gozar dunha paraxe natural de gran beleza.

Na Ponte Maceira o camiño fisterrán despídese do concello de Ames e cruza o Tambre para entrar en terras de Negreira por unha fermosa ponte gótica. A chamada Ponte Vella foi levantada a finais do século XIV e no ano 1471 foi testemuña da batalla entre as tropas da mitra compostelá e as do conde de Altamira. No século XVIII foi restaurada, mais mantendo a estrutura medieval de cinco arcos, o central oxival e mais dous aliviadoiros.

Participa na andaina saudable que percorre a primeira etapa do Camiño Real de Santiago a Fisterra e Muxía

Multimedia

  • Participa na andaina saudable que percorre a primeira etapa do Camiño Real de Santiago a Fisterra e Muxía