- Tematica
Dende a Concellaría de Normalización Lingüística animan á veciñanza a participar na campaña Rosalízate que está incluída dentro da programación de actividades do mes de Rosalía. A través da iniciativa Rosalízate colocáronse dous photocall, un na praza da Maía de Bertamiráns e outro na Travesía do Porto do Milladoiro, para que calquera persoa que o desexe poida facer unha fotografía e subila ás redes sociais acompañada de versos rosalianos co cancelo #rosalízate. Ademais, dentro da programación do mes de Rosalía hai teatro hoxe e mañá e o vindeiro mércores, 23 de febreiro, inaugurarase o mural As Rosalías, que está elaborando o artista Yoseba Muruzábal.
A iniciativa Rosalízate é unha intervención ao aire libre e en espazos urbanos para que poida participar nela toda a veciñanza e as persoas que se acheguen ou pasen polo concello de Ames ata o 28 de febreiro do 2022. A concelleira, Escarlata Pampín, e maila técnica, Rosa Moreiras, do Servizo de Normalización Lingüística xa pasaron polo photocall para facer as súas fotos co obxectivo de animar á veciñanza a que participe en dita campaña que ten como obxectivo encher as redes de versos rosalianos.
Dende este pasado martes, 15 de febreiro, están colocadas dúas estruturas a modo de photocall na praza da Maía de Bertamiráns e na Travesía do Porto do Milladoiro. A idea é que calquera persoa poida facer unha fotografía e subila ás redes sociais acompañada de versos rosalianos co cancelo #rosalízate. Nesas estruturas aparece a imaxe de Rosalía acompañada de palabras simbólicas que poden definir a súa obra e o seu pensamento (lingua, alegría, rebeldía, xustiza, empatía, feminismo, valentía, arte, terra, identidade, compromiso...).
Nos photocall colocaranse varias caretas para que quen queira poida rosalizarse tapando o seu rostro ou parte del (a idea é que saia a cara de Rosalía co corpo das persoas fotografadas). As caretas tamén se poden descargar premendo nesta ligazón e ao pé desta nova.
Aos centros educativos de infantil e primaria enviáronse varios modelos de máscaras en formato PDF para que poidan imprimilas e/ou retocalas. Así cada neno ou nena pode elaborar a súa propia cara de Rosalía. O alumnado pode levará para a casa a súa máscara co obxectivo de que, posteriormente, vaia coa familia fotografarse no photocall. Cada familia decidirá se continúa a actividade subindo ás redes as imaxes acompañadas de versos rosalianos ou non. Os centros educativos tamén poden subir esas imaxes acompañada de versos ás propias webs.
A concelleira de Normalización Lingüística, Escarlata Pampín, destaca que “Rosalía é lingua, alegría, xustiza, empatía, feminismo, valentía, arte, terra, identidade, compromiso... A través desta campaña preténdese visibilizar a obra e mailos valores que Rosalía transmitiu e que seguen estando de actualidade”.
Teatro relacionado con Rosalía
A programación do mes de Rosalía complétase coa representación de dúas obras de teatro. Hoxe, 17 de febreiro, ás 18.00 horas, na Casa da Cultura de Bertamiráns, representase Rosalía, o lugar onde nacen as poetas. A segunda peza teatral incluída en dita programación é Libre coma os paxaros da compañía Teatro do Atlántico. Representarase mañá, 18 de febreiro, ás 20.30 horas, tamén na Casa da Cultura de Bertamiráns.
Mural As Rosalías
Ademais, este ano terá continuidade a intervención de arte urbana As Rosalías, para poñer en valor a figura de Rosalía e os valores que representa de xeito permanente no noso concello. En 2021 a intervención realizouse nas paredes da Casa de Barbazán, situada na avenida da Peregrina de Bertamiráns. En 2022 o mesmo artista, Yoseba Muruzábal, está realizando unha intervención cos mesmo obxectivos nun dos muros exteriores da Casa da Cultura do Milladoiro. O mural inaugurarase o propio día de Rosalía, o 23 de febreiro de 2022.
Novas relacionadas
El Correo Gallego: "Photocalls, teatro e mural para ‘rosalizar’ ós amesáns"