Solapas principales

Participa na xornada «O Radon en Galicia» que organiza a USC

Martes, 05 de noviembre de 2024

O Concello de Ames informa sobre unha actividade que pode ser de interese para a veciñanza amesá. Trátase da xornada «O Radon en Galicia», que está organizada polo Laboratorio de Radon de Galicia (CRETUS), da Universidade de Santiago de Compostela. Dita xornada realizarase o próximo venres, 8 de novembro, ás 17.30 horas, no salón de actos da Facultade de Medicina. Para participar non é necesario inscribirse previamente. Durante a xornada responderanse todas as dúbidas sobre o radon. Ademais, poderase ver que fixeron algunhas persoas para remedir as súas casas que tiñan altos niveis de radon. Ao finalizar, sortearanse 20 medicións de radon. Desde agora, xa podes contarnos que che gustaría saber sobre o radon utilizando esta ligazón.

Este xoves, 7 de novembro, conmemórase o Día Europeo do Radon co obxectivo de sensibilizar e informar á poboación sobre o risco que supón para a saúde unha exposición alta e continuada a este gas radiactivo. Deste xeito, o salón de actos da Facultade de Medicina (USC) acollerá a xornada de divulgación «O Radon en Galicia» o próximo 8 de novembro ás 17.30 horas. Trátase dunha iniciativa dirixida á cidadanía que busca resolver todas as dúbidas sobre a presenza do gas radon en Galicia e os seus efectos para a saúde. Descarga o programa completo.

A presenza de radon a partir de 300 becquerelios por metro cúbico está considerada perigosa pola Organización Mundial da Saúde. Segundo un estudo do Laboratorio de Radon de Galicia un 18,8% das casas emprazadas no concello de Ames presentan índices pouco saudables. Ames atópase nun nivel medio de índice de gas radon dentro da comarca de Santiago de Compostela e os seus arredores.  

Últimos avances sobre a detección do radon
A xornada estará impartida por investigadores de CRETUS do Laboratorio de Radon de Galicia, que ademais de abordar todas as inquietudes sobre este tema, darán a coñecer os últimos avances que están a realizar nas súas investigacións sobre a detección deste gas. Como agasallo, 20 persoas elixidas por sorteo poderán facerse cun detector de radon para medir en casa.

O programa complétase coa proxección dun curto titulado «Teño niveis altos de radon en casa, e agora que?» no que participaron veciños de Teo, Compostela e Salceda de Caselas.

Previamente á conferencia, que está financiada polo Consello Social da USC, creouse este formulario no que podes deixar calquera dúbida sobre o radon para ser respondida durante o evento.

Mapa de radon en Galicia
O radon é un gas radioactivo canceríxeno, incoloro, inodoro e insípido que provén da desintegración do uranio presente na cortiza terrestre. Despois do tabaco, é a segunda causa de cancro de pulmón. En Galicia, o 7% das mortes por cancro de pulmón débense á exposición ao radon no interior do fogar. Cando os niveis de radon no fogar ou no traballo superan os 300 Bq/m3, débense tomar medidas para diminuír a concentración de radon.

O Laboratorio de Radon en Galicia (CRETUS da USC) está a elaborar actualmente o mapa de radon en Galicia. O seu obxectivo é mellorar a caracterización da exposición ao radon en pequenas zonas de Galicia, neste caso a nivel de seccións censuais e mesmo por parroquias. O obxectivo é ter un número mínimo de medicións para cada pequena zona que permitan ir ao detalle da concentración de radon.

Participa na xornada «O Radon en Galicia» que organiza a USC

Multimedia

  • Participa na xornada «O Radon en Galicia» que organiza a USC
  • Participa na xornada «O Radon en Galicia» que organiza a USC