O Concello de Ames, a través do departamento de Deportes, organiza para o mes de xullo unha serie de actividades de dinamización deportiva para as persoas usuarias das piscinas descubertas municipais. As propostas consistirán en varias sesións de balde de aguagym e de ioga, que se desenvolverán tanto en Bertamiráns como no Milladoiro. Xa están abertas as inscricións para as clases de ioga, que terán lugar ás 10:00 horas dúas veces por semana, a través da plataforma Cronos. As sesións de aquagym, que serán semanais ás 16:00 horas, non requiren de inscrición previa.
A Concellaría de Deportes pon en marcha un ano máis unha serie de actividades de dinamización deportiva nas dúas piscinas descubertas do concello, en Bertamiráns e no Milladoiro, co fin de que a veciñanza amesá poida continuar coa práctica deportiva de xeito gratuíto durante o verán. As actividades ofertadas serán o aguagym e o ioga, con opcións en ámbolos dous núcleos tanto en horario de mañá como de tarde.
Ioga ás 10:00 horas
Por unha banda, as clases de ioga desenvolveranse polas mañás, a partir das 10:00 horas, con dúas sesións á semana dunha hora de duración. A proposta terá lugar os martes e os xoves na piscina descuberta do Milladoiro, e os mércores e os venres na piscina ao aire libre de Bertamiráns. Para participar, cómpre realizar a inscrición, a través da plataforma Cronos. Hai 15 prazas dispoñibles. Será obrigatorio que cada persoa participante leve a súa esteira.
Aquagym ás 16:00 horas
Por outra parte, ás 16:00 horas será a quenda do aquagym, cuxas sesións de 45 minutos se desenvolverán os martes na piscina de Bertamiráns e os xoves nas instalacións do Milladoiro. Para esta proposta non se precisa de inscrición previa.
Novas relacionadas:
AMS GO!: "Ioga e aquagym, entre as actividades do verán en Ames"