- Tematica
As Bibliotecas municipais de Ames organizan un concurso infantil de debuxo polo Día de Rosalía que se celebra o vindeiro 24 de febreiro. O prazo para participar estará aberto dende o luns 22 ata o sábado 27 de febreiro. Aqueles nenos e nenas, de ata 12 anos de idade, que queiran participar, deben enviar o seu debuxo ao enderezo de correo electrónico biblioteca@concellodeames.gal.
O Concello de Ames organiza durante o mes de febreiro diversas actividades relacionadas coa conmemoración do Día de Rosalía de Castro, que se celebra o 24 de febreiro. Deste xeito, as Bibliotecas municipais súmanse a dita conmemoración coa organización co concurso “Debuxa a túa Rosalía”. Trátase dun concurso co que a rapazada poderá desenvolver as súas destrezas artísticas.
Haberá dúas categorías en función das idades. A primeira, para participantes de 6 a 9 anos e outra para os nenos e nenas de 9 a 12 anos. Aquelas persoas que queiran participar deberán entregar o seu debuxo, dende o luns 22 ata o sábado 27 de febreiro, a través do correo electrónico: biblioteca@concellodeames.gal. Tamén se poderá enviar unha mensaxe á páxina de Facebook das bibliotecas municipais.
Os debuxos expoñeranse na páxina do Facebook das bibliotecas municipais e os usuarios e usuarias serán quen decidan o gañador en función do número de “gústame” que teña cada publicación.
Para máis información, pódese enviar un correo electrónico ao enderezo biblioteca@concellodeames.gal, ou chamar aos teléfonos 981 530 807 (Biblioteca do Milladoiro)/ 981 884 829 (Biblioteca de Bertamiráns).