Solapas principales

A paz centra as actividades para o mes de xaneiro na Biblioteca Municipal

Martes, 11 de enero de 2011

[11-01-2011] A Biblioteca Municipal de Ames fai xirar a súa programación de xaneiro arredor dun concepto tan importante como a paz, un valor para as xeracións máis novas que poderán aprender sobre esta ao longo destes días. Obradoiros e contacontos achegarán a importancia da paz aos cativos de Ames. O lema da campaña é "Xaneiro: só tres letras, PAZ".

Concienciar aos máis novos sobre a importancia da paz é o obxectivo da programación de xaneiro da Biblioteca Municipal de Ames. Baixo o lema "Xaneiro: só tres letras, PAZ"os nenos e as nenas poderán asistir a unha serie de actividades de contacontos e obradoiros nas que aprender sobre a paz e a súa importancia, como un valor a transmitir ás xeracións máis novas.

As actividades de contacontos están orientadas a nenos e nenas maiores de tres anos. Todas as sesións serán ás 18:00 horas. O luns 17 haberá sesión de contacontos no Local social de Augapesada. O martes 18 será no Local social de Bugallido. O mércores 19 na Biblioteca do Milladoiro e o xoves 20 na Biblioteca de Bertamiráns.

A outra iniciativa nesta campaña pola paz é a celebración de dous obradoiros monográficos orientados a cativos maiores de oito anos. Estes terán lugar ás 18:30 horas do mércores 26 na Biblioteca de Bertamiráns e o xoves 27 na Biblioteca do Milladoiro. Nestes obradoiro faranse todo tipo de actividades, como poden ser un xogo de mesa con preguntas relativas á paz ou dar información aos nenos sobre figuras significativas na defensa da paz para que aprendan sobre elas. A inscrición para os obradoiros pode facerse ata o día 22 nas bibliotecas.

Ademais desta iniciativa pola paz, neste mes de xaneiro arrincarán as visitas escolares que se prolongarán ata o mes de maio. Estas visitas terán lugar en horario de mañá e serán anunciadas previamente na biblioteca, e poñerán en contacto aos nenos e nenas do Concello con este centro de aprendizaxe e saber.

Contido relacionado


La Voz de galicia