- Tematica
O martes 10 de agosto o Programa AmesOn organiza unha nova cita. No Parque do Ameneiral, en Bertamiráns, ás 20.00 horas, levarase a cabo a “Fase Festa” da man de Pepo Suevos, Fátima Pego e Josep Ruíz. Trátase dunha pequena verbena con música e humor. O evento estaba programado para o pasado xoves 5 de agosto pero mor da chuvia, viuse obrigado a aprazarse ata esta nova data.
A Concellaría de Promoción Económica pon en marcha esta serie de concertos para dinamizar a cultura e a economía en Ames durante os meses de xuño, xullo, agosto e setembro.
O noveno concerto do AmesOn, dos trece que están programados, será o de “Fase Festa”, unha especie de verbena en pequeno formato, adaptada aos tempos que nos toca vivir. O actor, guionista, humorista e veciño de Ames, Pepo Suevos, a cantante Fatima Pego e o músico Josep Ruíz, compoñentes da orquestra "Panorama", serán os encargados de traer música e moito humor a Bertamiráns.
A música do “AmesON” volverá o mércores 11 de agosto da man de Aires de Orinoco.