Solapas principales

As persoas que gañen o concurso Canta con Ames abrirán a actuación que ofrecerá a orquestra Panorama o 18 de setembro no Milladoiro

Martes, 14 de junio de 2022

O pasado xoves, 9 de xuño, na presentación da programación AmesOn 2022, os integrantes da orquestra Panorama, Fátima Pego e Diego Moreiras, anunciaron que os/as gañadores/as da segunda edición do concurso Canta con Ames, actuarán o 18 de setembro, no Milladoiro, de abreconcerto antes da actuación da orquestra Panorama. Debido a que dito anuncio se fixo o pasado 9 de xuño, amplíase ata o día 19 o prazo de inscrición para o concurso Canta con Ames, para que todos aqueles que queiran participar teñan marxe para inscribirse. Existen catro categorías: infantil, ata os 12 anos; xuvenil, de 13 a 20 anos; sénior, de 21 a 40 anos; e súper sénior, de 41 en diante. Preme nesta ligazón para descargar as bases da segunda edición do concurso Canta con Ames 2022.

Este concurso está organizado pola Concellaría de Promoción Económica e colaboran as asociacións de empresarios Novo Milladoiro e maila Xuntanza de Empresarios de Ames. Ao certame poderán presentarse cantantes afeccionados/as. Non poden presentarse profesionais da música, aínda que non estean na actualidade en activo. Existen catro categorías: infantil, ata os 12 anos; xuvenil, de 13 a 20 anos; sénior, de 21 a 40 anos; e súper sénior, de 41 en diante. Este ano a principal novidade é que se rebaixa a idade da categoría súper sénior para fomentar a participación da veciñanza.

As persoas que desexen participar deben enviar un vídeo con audio, en formato mp4 coa interpretación sen base vocal orixinal, de non máis de 1 minuto á seguinte dirección de correo electrónico amesnarua@gmail.com. Tamén haberá que enviar o impreso de inscrición cuberto e asinado (no caso de menores de idade asinarán os/as representantes legais) e acompañado dos documentos requiridos no propio impreso. As inscricións poderanse realizar ata o 19 de xuño enviando un correo electrónico ao enderezo amesnarua@gmail.com.

Fases do concurso
O concurso está composto de varias fases. Haberá dous días de preselección, o 1 de xullo, ás 18.00 horas, na praza de Manuel Murguía, no Milladoiro, e mailo 8 de xullo, tamén ás 18.00 horas, no parque do Ameneiral, en Bertamiráns. Na fase de preselección só se interpretará unha canción (ou segmento) en idioma galego/castelán ou inglés. O xurado escollerá un máximo de 20 persoas seleccionadas en total por ambas xornadas, cinco por categoría (no caso de que algunha das categorías quede deserta, o número de semifinalistas noutras categorías poderá incrementarse ata cubrir o total de 20 persoas).

O 11 de xullo publicaranse as persoas seleccionadas na páxina web municipal. Antes do 17 de xullo de 2022 as persoas seleccionadas deberan poñerse en contacto coa organización para acordar o tema a interpretar na seguinte fase a través da dirección de correo electrónico amesnarua@gmail.com.

Posteriormente, a semifinal será o 6 de agosto, ás 18.30 horas, na praza de Manuel Murguía, no Milladoiro, á que terán acceso as persoas clasificadas na fase de preselección, un máximo de 20 persoas en total, cada unha na categoría que lle corresponda. Só se interpretará unha canción (ou segmento) en idioma galego/castelán ou inglés. A duración do tema determinarase co xurado en cada caso. O xurado escollerá, ese mesmo día, un máximo de 12 seleccionados, tres por categoría, para pasar á final.

A gran final realizarase o 27 de agosto, ás 18.30 horas, no parque do Ameneiral, en Bertamiráns. Na fase final as 12 persoas aspirantes interpretarán dous temas completos por participante e de diferente estilo musical. Non poderán coincidir en temas musicais entre as persoas candidatas, de ser así, deberán chegar a acordo para non interpretar o mesmo.

Actuación da Panorama e dos/as gañadores do concurso Canta con Ames
Ademais dos premios recollidos nas bases da segunda edición do concurso Canta con Ames, os/as gañadores/as do certame poderán actuar como abreconcerto da orquestra Panorama, que estará o domingo 18 de setembro no Milladoiro. Así o anunciaron Fátima pego e Diego Moreiras, integrantes da orquestra Panorama, na presentación da programación AmesOn 2022.

A concelleira de Promoción Económica, Ana Belén, dálle as gracias á orquestra Panorama pola súa implicación no concurso Canta Con Ames. “Que os/as gañadores/as da segunda edición deste concurso poidan actuar como abreconcerto da actuación da orquestra Panorama, seguro que é un aliciente máis, para que aquelas persoas que estaban dubidando en inscribirse ou non, o fagan. Agardamos facer unha gran festa o 18 de setembro, no Milladoiro, para pechar a segunda edición do concurso Canta con Ames e maila programación do AmesOn 2022”.

Novas relacionadas:

Enfoques: "Los ganadores de Canta con Ames abrirán la actuación de la orquesta Panorama en Milladoiro en septiembre"

Cartaz do concurso Canta con Ames 2022

Multimedia

  • Cartaz do concurso Canta con Ames 2022