- Tematica
Continúa a programación do “AmesON de verán” da Concellaría de Promoción Económica, desta volta coa actuación da artista Pili Pampín, que levará este venres 26 de agosto o seu espectáculo ao parque do Ameneiral, en Bertamiráns, a partir das 21:00 horas. Trátase do último concerto de agosto do AmesON e o penúltimo do programa, que pechará a orquestra Panorama o domingo 18 de setembro, no Milladoiro. Premendo nesta ligazón pódese consultar a programación ao completo do “AmesON de verán” 2022.
Os concertos do programa “AmesON de verán” da Concellaría de Promoción Económica volven por última vez neste 2022 a Bertamiráns. Despois de que a semana pasada o grupo As Maianas actuase no Milladoiro, este venres 26 a protagonista será a cantante Pili Pampín, que estará no parque do Ameneiral, en Bertamiráns, ás 21:00 horas. A entrada é de balde e non cómpre retirar convite ou inscribirse.
Pili Pampín é unha das artistas de referencia da canción popular de Galicia. Con máis de 30 anos de experiencia sobre os escenarios, a cantante roisense é unha figura habitual nas verbenas e na televisión. Neste 2022 vén de lanzar unha colaboración co artista compostelán Ortiga, “Eu chorar chorei”, no que combinan tradición con ritmos latinos actuais.
Trátase do penúltimo dos 13 concertos do AmesON, unha iniciativa que conta con actuacións para todos os públicos e con diversidade de xéneros musicais, de xuño a setembro. Só resta xa a actuación da orquestra Panorama, que será a encargada de pechar o “AmesON de verán” o domingo 18 de setembro, no Milladoiro.
A concelleira de Promoción Económica, Ana Belén Paz, quixo “animar aos veciños e veciñas a que se acheguen ao concerto do AmesON deste venres, un programa que xa está rematando e que está tendo moi boa acollida”.
Novas relacionadas:
El Correo Gallego: "Concierto de Pili Pampín en Bertamiráns este viernes"
AMSGO!: "Pili Pampín pecha hoxe o AmesOn de Verán en Bertamiráns"