- Tematica
As obras para arranxar a urbanización do PM5-03 do Milladoiro están a piques de rematar. Deste xeito, trátase de regularizar a situación irregular dunhas 200 vivendas que se atopan entre as rúas Figueiras e da Moa e entre a avenida de Rosalía de Castro e a a rúa Costa Grande. Dita obra foi adxudicada á empresa Construcciones Ponciano Nieto SL por un importe de 231.665,93 euros. A través destas obras elimináronse as barreiras arquitectónicas e construíronse varias zonas a distintas alturas con ramplas de acceso e zonas verdes. O alcalde e concelleiro de Urbanismo e mailo concelleiro Obras visitaron ditos traballos para comprobar o grao de execución.
O proxecto de construción de ditos bloques de vivendas foi aprobado no ano 2003. Posteriormente, en 2005 os promotores da obra solicitaron a súa recepción, pero as obras non foran executadas tal e como marcaba o proxecto, polo que se lle requiriu á empresa promotora que realizaran as obras necesarias para adaptar os bloques de vivendas ao que marcaba o proxecto. A pesar de executar estas obras continuou sen adaptarse ao proxecto, polo que o Concello fixo unha incautación de avais por valor de 532.000 euros. A empresa promotora denunciou ao Concello e en 2011 saíu a sentenza que foi favorable ao intereses da Administración local.
En 2015 o goberno municipal realizou varias reunións cos veciños/as deste lugar para tratar de resolver unha situación que leva estando de xeito irregular dende hai máis de 10 anos. Dito sector está plenamente desenvolvido tanto a nivel de edificación como de urbanización, pero presenta diversas deficiencias, sendo unha delas o incumprimento da normativa en materia de accesibilidade. As obras executadas, para paliar as deficiencias detectadas, consistiron na remodelación dunha ampla zona verde pública xunto cos seus accesos e superficies adxacentes de uso público.
No pleno ordinario de setembro de 2017 a Corporación municipal aprobou por unanimidade o proxecto técnico de arranxo da urbanización do PM5-03 do Milladoiro. Posteriormente, en novembro de 2018 o goberno municipal presentoulle o devandito proxecto á veciñanza de dita urbanización. De seguido, iniciouse un proceso de licitación para adxudicar as obras.
O concelleiro de Obras e Servizos Básicos, Blas García, explicou que “a través deste proxecto vaise a recuperar unha importante zona verde que poderá ser usada pola veciñanza do Milladoiro. Realizáronse diversas obras para eliminar as barreiras arquitectónicas que limitan o acceso a dito espazo, e ademais, construíronse diversas plataformas a distintas alturas con ramplas como puntos de acceso”.
O alcalde e concelleiro de Urbanismo e o concelleiro de Obras visitaron ditos traballos para comprobar o grao de execución. Os membros do goberno municipal estiveron acompañados de persoal municipal do departamento de Urbanismo. O arranxo deste espazo vai a servir como enlace peonil entre a zona baixa e a zona alta do Milladoiro.
Ditas obras van con atraso debido á complexidade técnica nalgunhas zonas, así como a problemas coas autorizacións de Unión Fenosa. Ademais, o Concello de Ames atopouse con problemas de danos estruturais nalgún edificio colindante o que dificultou a execución das obras. A previsión é que a finais de setembro estean rematadas as obras.
Cumprimento da obriga de accesibilidade
A remodelación que se está executando supón principalmente acadar o cumprimento da obriga de accesibilidade á referida zona verde. Para o financiamento desta obra o Concello incautou avais por valor de 356.818,30 euros. Estes bloques de vivenda (unhas 200 vivendas) están sen recibir por parte do Concello e polo tanto as vivendas non contan con licenza de primeira ocupación. Trátase de arranxar unha vella reclamación da veciñanza deste lugar do Milladoiro.
A través das obras ábrense os espazos verdes que están pechados polos bloques de vivendas que lindas coas rúas Costa Grande e Figueiras, así como coas Travesías Rosalía de Castro e da Moa. Esta zona está sen recibir por parte do Concello de Ames xa que os accesos a ditos espazos públicos non cumpren a normativa vixente ao non ser accesible.
O obxectivo é anchear os accesos existentes e crear distintas plataformas de acceso con ramplas que cumpran a normativa. Ademais, houbo que reconfigurar a rede de pluviais, sacar as luminarias e volver a colocalas, etc. O obxectivo é converter este espazo público nunha praza accesible.