- Tematica
O Concello de Ames, a través da Policía Local, activará en Fin de Ano un dispositivo especial de seguridade e vixilancia para controlar e garantir o cumprimento das medidas sanitarias e as restricións establecidas fronte á COVID-19. Coordinará este dispositivo coas demais Forzas e Corpos de Seguridade aos efectos de levar a cabo unha actuación conxunta.
Este operativo estará centrado en evitar a celebración de festas privadas e aglomeración de público, tanto na vía pública como en vivendas, baixos, locais e establecementos de turismo rural que supoñan un incumprimento das normas de seguridade sanitaria .
Multas de 100 a 60.000 euros
Desde a Policía Local infórmase que “se ten coñecemento de intentos de organización de festas de fin de ano, co evidente risco que para a saúde pública implican este tipo de prácticas. Trataremos de previr estas situacións de risco, evitar as aglomeracións e velar polo cumprimento das restricións de mobilidade nocturna que establezan para a Noitevella, condutas que se recorda, poderían levar a imposición de sancións de entre 100 euros, por non levar máscara, ata os 60.000 euros por poñer en grave risco a saúde pública.”
Os axentes vixiarán as celebracións privadas, que poderían levar a imposición de sancións, aplicables tanto ás persoas organizadoras e asistentes así como ás persoas que aluguen os espazos para estas festas.
Desde o goberno local, o Concelleiro de Administración Xeral Víctor Fernandez, apela á responsabilidade individual de toda a veciñanza e pide que se “continúe xuntando esforzos e adóptense as medidas de prevención coa máxima responsabilidade, evitando calquera situación que poida poñer en risco a saúde e a seguridade da poboación. É un esforzo de responsabilidade e solidariedade que temos que facer para canto antes saír todos xuntos desta crise. A prioridade debe ser que non se produzan novos contaxios cun seguimento rigoroso das medias sanitarias”. Ao mesmo tempo, agradece tamén o labor e o esforzo de servizo público que están levando nesta crise sanitaria os efectivos de Policía Local de Ames.
Novas relacionadas:
El Correo Gallego: "Forzas de seguridade vixiarán festas privadas e aglomeracións en Ames"