Solapas principales

A Policía Nacional estará no Pazo da Peregrina o 21 febreiro para a expedición ou renovación do DNI

Viernes, 10 de enero de 2025

Un equipo da Policía Nacional vaise desprazar a Ames co fin de facilitar a renovación ou a expedición do Documento Nacional de Identidade electrónico (DNIe) á veciñanza. Deste xeito, estarán o próximo venres 21 de febreiro no Pazo da Peregrina de Bertamiráns, de 9:00 a 12:30 horas, con 75 citas dispoñibles. As persoas interesadas en asistir deben escribir ao enderezo electrónico gabinete@concellodeames.gal ou chamar ao número 881 074 730 para aportar nome, apelidos e un teléfono de contacto.

Con esta colaboración entre Policía Nacional e Concello de Ames, a renovación ou a expedición do DNI faise máis sinxela para a veciñanza, que habitualmente ten que desprazarse ata as dependencias da Policía en Santiago de Compostela para realizar este trámite. Deste xeito, poderase tanto renovar o DNI como expedir un novo sen saír do concello.

No caso de querer renovar o documento de identidade, terase que abonar unha taxa de 12 euros en metálico, polo que se recomenda levar a cantidade exacta. Haberá que levar fotografías recentes e, no caso de ter cambiado de enderezo, presentar volante de empadroamento.

Se ben se opta por expedir un novo DNI, haberá que levar volante de empadroamento e unha partida de nacemento literal. No caso de que se vaia expedir o primeiro documento de identidade dun neno ou dunha nena, pídese que saian nas fotos cos ollos abertos.

Tras a primeira fase de recepción dos cidadáns e da documentación, que se fará o día 21 de febreiro, os integrantes do equipo móbil da Policía Nacional procederán á impresión física dos DNIs na oficina central de Santiago. Posteriormente, volverán a Ames para entregalos, o martes 25 de febreiro. Dende o corpo da Policía recordan que é preciso que os cidadáns acudan de xeito presencial en ambas fases do proceso, posto que do contrario non se poderá facer entrega dos DNIs, provocando molestias innecesarias para a veciñanza e para o propio servizo.

Reserva de cita
As persoas interesadas en renovar ou retirar o seu DNI deben enviar un correo ao enderezo electrónico gabinete@concellodeames.gal, ou ben chamar ao 881 074 730 para reservar a súa cita. Deberán indicar nome e apelidos, número de DNI en caso de renovación e un teléfono de contacto. Haberá 75 citas que se repartirán por orde de chegada da solicitude. O horario de atención será de 9.00 a 12.30 horas.

Ao longo de 2025 a Policía Nacional desprázarase a Ames en tres ocasións co obxectivo de facilitar a renovación ou a expedición do Documento Nacional de Identidade electrónico (DNIe) á veciñanza amesá.

A Policía Nacional estará no Pazo da Peregrina o 21 febreiro para a expedición ou renovación do DNI