Solapas principales

Póñense en marcha medidas preventivas de saúde pública para o desenvolvemento da Xornada Electoral do 12 de xullo

Lunes, 29 de junio de 2020

Os cidadáns de Ames votaremos nos mesmo colexios electorais que o o viñamos facendo nas últimas convocatorias, agás en Ventín que, dentro do mesmo CEIP, trasládase o local de votacións a un pavillón anexo mais amplo que o utilizado até agora. Iso si, votaremos con máscara e en medio de estritas medidas de seguridade e protección sanitaria: entraremos de un en un nos colexios, camiñaremos por circuítos marcados que impedirán que nos crucemos, daremos prioridade de acceso aos maiores de 65 anos, persoas con problemas de mobilidade e aos seus coidadores, e disporemos de xel desinfectante, luvas para as persoas alérxicas, e máscaras á entrada dos colexios. Ademais faranse tarefas de limpeza e desinfección nos locais electorais antes, durante e despois da xornada electoral. Recoméndase o voto por Correo e non ir a votar nas horas centrais do día ou nas de máis previsión de afluencia. O Concello de Ames mantén o seu servizo de Transporte Adaptado para aquelas persoas con problemas de mobilidade que non poden desprazarse en vehículo propio ou transporte público non adaptado.

Unha coordinadora, designada pola Xunta de Galicia visitou os 14 locais electorais de Ames e deseñou, en colaboración co persoal municipal, a nova colocación das mesas de votación, da zona de papeletas e das cabinas. Esta visita é froito das medidas preventivas en materia de saúde pública fronte o Covid 19 para o desenvolvemento da Xornada electoral do 12 de xullo, que a Xunta recolle no Protocolo aprobado o 29 de maio mediante acordo do Consello da Xunta e publicado o 30 de maio no Diario Oficial de Galicia. O principal obxectivo deste Protocolo é garantir o normal desenvolvemento da xornada electoral, compatibilizándoo co mantemento da saúde pública.

O Protocolo foi aprobado polo Consello da Xunta, previo informe favorable do Comité clínico de expertos sanitarios de Galicia, e articula un completo sistema de medidas preventivas para garantir a saúde de todos os suxeitos que participan no dispositivo electoral e dos electores que exercen o seu dereito fundamental ao voto.

Así, os coordinadores asignados a cada concello ademais de colaborar na organización da adopción das medidas preventivas establecidas no protocolo dos locais electorais, farán roldas durante a xornada electoral para colaboraren na adecuación en auxilio dos/as presidentes/as nos momentos en que estes o soliciten ou autoricen.

Uso obrigatorio de máscaras para acceder aos colexios
As principais variacións con respecto a outras convocatorias electorais céntranse na recomendación de votar por correo, sempre que sexa posible. Ademais establécense medidas de protección para os membros de mesa e para os votantes. No acceso ao local haberá xel desinfectante, guantes para os alérxicos e máscaras que se deberán utilizar obrigatoriamente, agás que a persoa votante xa acuda ao local electoral provista dunha máscara propiaou acrediten contradición médica para o seu uso. Aos membros de mesa proporcionaráselles máscaras e pantallas.

Protocolos de limpeza e desinfección
Faranse as tarefas de limpeza e desinfección dos colexios electorais fixadas no Protocolo, de xeito que se limparán os locais antes do inicio da xornada, varias veces mentres transcorre e unha vez máis ao remate da mesma.

No interior dos locais electorais estableceranse circuítos que impidan que a xente se cruce. Tamén se poñerán en marcha controis de acceso na entrada para evitar que entre máis dun elector á vez por cada mesa. Por iso é moi importante que os electores leven o voto preparado da casa (se isto fose posible), que leven a tarxeta censal para ir directamente á mesa que lles corresponde e que non comparezan nas horas de maior afluencia a fin de evitar colas.

Os maiores de 65 anos, persoas con discapacidade e as persoas que estas precisen para o seu auxilio terán prioridade para a entrada nos locais electorais.

Os locais de Ames seguen sendo os mesmos, a excepción de Ventín, que aínda estando ubicado no mesmo CEIP, nesta ocasión utilizarase un pavillón anexo que resulta mais amplo que o utilizado ata agora.

Un Bando emitido pola alcaldía lembra todas estas normas e recomendacións, facendo especial fincapé nas recomendacións de votar por correo, levar o voto e a tarxeta censal preparados da casa e o uso obrigatorio de máscaras nos colexios electorais.

Transporte Adaptado
O Concello de Ames mantén o seu servizo de Transporte Adaptado para facilitar o dereito ao voto a aquelas persoas con problema de mobilidade que lles impide desprazarse en vehículo propio ou transporte público non adaptado.

Casa do Concello