Solapas principales

Ponse en marcha unha nova edición do programa Amessan

Sábado, 28 de septiembre de 2019

Un ano máis bota a andar o programa "Amessan", que inclúe actividades de ximnasia terapéutica e de decoración e restauración, así como obradoiros de música tradicional e de estimulación cognitiva. Estas actividades desenvólvense nas Casas de Cultura de Bertamiráns e do Milladoiro, na Casa dos Maiores do Milladoiro, e nos locais sociais de Agrón, Ameixenda, Augapesada, Bugallido, Covas, Cruxeiras, Lens, Piñeiro, Tarroeira, Trasmonte e Oca. Este ano o programa inclúe algunhas novidades, entre as que destaca a creación dun obradoiro de teatro e corporalidade e outro de decoración e restauración. O grupos teñen que estar formados como mínimo por oito participantes.

O Concello de Ames xa ten pechado o programa Amessan para o curso 2019-2020. Os obradoiros e actividades deste servizo están dirixidos a persoas maiores de 60 anos empadroadas no concello de Ames. Deste programa tamén poden tomar parte aquelas persoas cunha discapacidade, presentando un informe médico que recomende a súa asistencia a algunha das aulas. A oferta deste curso inclúe os obradoiros de decoración e restauración, estimulación cognitiva, música tradicional, ximnasia terapéutica e teatro e corporalidade.

As actividades do programa Amessan impártense nos locais sociais de Agrón, Ameixenda, Augapesada, Bugallido, Covas, Cruxeiras, Lens, Piñeiro, Tarroeira, Trasmonte, Oca, nos centros socioculturais de Bertamiráns e do Milladoiro e na Casa dos Maiores do Milladoiro. As clases comezan o día 1 de outubro e rematarán no mes de xuño. As actividades de decoración e restauración, estimulación cognitiva, teatro e corporalidade e música tradicional contan con 15 prazas por grupo, e as de ximnasia terapéutica con 25 prazas. O grupos teñen que estar formados como mínimo por oito participantes.

Para participar dos obradoiros non é precisa a inscrición previa. As persoas que se queiran anotar deberán acudir, levando o seu documento de identidade, ao local onde se imparte a actividade o primeiro día de clase. Alí cubrirán unha ficha para formalizar a súa asistencia. As persoas con algunha discapacidade deberán levar o seu certificado médico. De todas formas, para calquera consulta pódese chamar aos números de teléfono 672071561 (de 10:00 a 14:00 horas) ou 662377044. Ao remate desta nova podes consultar todas as actividades a desenvolver, en que lugares e os distintos horarios.

A concelleira de Benestar Social, Luisa Feijoo, anima á veciñanza de Ames a que “se apunte a este programa, que cumple xa a súa décimo sexta edición consecutiva, o que amosa a importancia e interese que desperta entre os nosos maiores. O envellecemento da poboación é un dos retos que temos que abordar como Concello , porque para ter unha sociedade forte e de futuro temos que promover unha terceira idade activa e con calidade de vida. Os Concellos temos a obriga de facilitarlles os instrumentos para conseguir a súa implicación social, permitindo ás persoas realizar todo o seu potencial de benestar físico, social e mental o longo do seu ciclo vital participando nas actividades de acordo cas súas necesidades, desexos e capacidades”.

Cartel do programa Amessan
Descargas: