Solapas principales

A Ponte Maceira é declarada ben de interese cultural (BIC)

Viernes, 20 de mayo de 2022

O Consello da Xunta de Galicia vén de aprobar o decreto polo que se declara ben de interese cultural (BIC) na categoría de monumento A Ponte Maceira, sobre o río Tambre, situada entre os termos municipais de Ames e Negreira. Trátase dunha infraestrutura que vertebrou a actividade comercial desta contorna da Galicia interior desde a Idade Media e que hoxe en día forma parte do Camiño de Fisterra e Muxía. Formalízase así a salvagarda desta infraestrutura histórica de enxeñaría. Con este BIC son xa 776 os existentes en Galicia, 103 deles declarados desde a entrada en vigor da Lei do patrimonio cultural de 2016.

Coa aprobación do decreto de declaración BIC, a Xunta de Galicia completa o procedemento iniciado en novembro de 2017 tras a solicitude dos concellos de Ames e Negreira. Unha vez recompilada toda a documentación, en 2020 a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural da Xunta iniciou o expediente de declaración BIC, que agora se completa coas achegas recibidas no período de exposición pública. A declaración BIC acorda incluír no Catálogo do patrimonio cultural unha relación de 30 bens do patrimonio etnolóxico, como hórreos, cruceiros ou muíños, entre outros, polo que están sometidas ao mesmo réxime de protección que o resto de inmobles que integran o conxunto.

Á hora de realizar o decreto de declaración BIC da Ponte Maceira, a Xunta solicitou o ditame dos órganos consultivos –Universidade de Santiago, Consello da Cultura Galega e Real Academia Galega de Belas Artes– sobre o valor cultural sobranceiro do inmoble, que resultaron favorables ao recoñecemento. Valórase, especialmente, a súa antigüidade, a súa influencia na configuración do territorio e a súa calidade construtiva e estado de conservación, ademais da documentación que demostra a súa autenticidade.

O concelleiro de Patrimonio Histórico, David Santomil, destaca que “a ponte da Ponte Maceira é un fito singular da paisaxe, que centraliza todo un conxunto de valor cultural e que é o paso dunha vía histórica e do propio territorio do Camiño de Santiago, que posúe en amplo recoñecemento social polos seus valores culturais. Tendo en conta a singularidade deste espazo decidiuse declarar ben de interese cultural a ponte e mailos bens do patrimonio etnolóxico, como hórreos, cruceiros ou muíños. A declaración da Ponte Maceira como BIC permitiranos optar a distintas axudas e ter a súa contorna coidada tal e como se merece este lugar”.

O alcalde de Ames, Blas García, mostrouse satisfeito pola declaración de ben de interese cultural da Ponte Maceira e dixo “trátase dunha moi boa nova para os concellos de Ames e Negreira. Esta declaración chega algo tarde xa que comezamos coa tramitación en 2017, pero por fin se produciu a declaración da Ponte Maceira como BIC. Non hai dúbida que é un importante fito que vai a poñer en valor aínda máis e potenciar a Ponte Maceira e todo o seu entorno”.

Nexo e límite territorial

A ponte actual foi construída entre o século XIII e o XIV polo poder eclesiástico de Santiago de Compostela, co fin de facilitar a comunicación cos portos de Fisterra e controlar o acceso e mercadoría, ademais de actuar como fronteira entre o poder eclesiástico dos Fonseca e os Conde de Traba. Con posterioridade, no século XVIII, José Cornide documenta a súa descrición e o seu precario estado de conservación e os orzamentos de urxencia para a súa reparación feitos polo arquitecto Juan López Freire. Nesta época a ponte presentaba un total de sete arcos, tres cara á parte da Barcala de feitura máis antiga, gótica; e catro máis modernos, de medio punto, cara a Altamira.

No ano 1792 documéntase a derruba e ruína que impediría o seu uso, e que permanecería neste estado ata a restauración xa comezado o século XIX. As vilas de Cee, Corcubión, Muxía, Moraime e Fisterra, e mesmo de Muros, solicitaran daquela a declaración do interese público da ponte e a eliminación de portádegos e de custos para os usuarios e beneficiarios na súa restauración, malia a vontade dalgún veciño de reconstruílo á súa custa, garantindo o dereito de cobramento para persoas, bestas e carros.

Despois dunha derruba parcial en 1987, a Xunta de Galicia realizou a súa restauración en varias fases entre 1991 e 2001, así como diversas obras de integración ambiental nos conxuntos. Nas mesmas datas o Concello de Ames e o Concello de Negreira acometeron actuacións de conservación e mellora do conxunto, muíños, lavadoiros, pavimentos e espazo público, así como de instalacións de subministración.

Conserva a estrutura clásica

Hoxe en dia A Ponte Maceira conserva a estrutura clásica das pontes medievais, cun longo perfil alombado cara ao centro, cun arco apuntado e dous arcos de medio punto a cada un dos lados, de entre 6 e 14 m de luz do arco central. No estribo esquerdo, no sentido das augas, existen dous arcos de carácter máis recente que teñen por obxecto facilitar o desaugadoiro. Os arcos están protexidos con potentes tallamares de perfil apuntado e remate graduado nos dous sentidos da corrente. A calzada ten un largo próximo aos 3 m sen que se destaquen rúas, rodeiras ou apartadoiros. As fábricas actuais serían o resultado da actuacións restauradora do século XIX, que reforzaría a construción tras unha derruba.

Na actualidade a súa integración no ambiente é óptima, xa que os percorridos da calzada e dos peitorís se estenden cara ás beiras, con accesos aos muíños e ao leito de grandes bolos de granito naturais que no tempo de augas baixas poden ser empregados como zonas de baño. O conxunto de bens compleméntase de forma harmoniosa e o lugar da Ponte Maceira destaca no percorrido da ruta do Camiño de Fisterra e Muxía.

776 BIC

Estes BIC forman parte dos 103 bens declarados desde a entrada en vigor da Lei 5/2016 do patrimonio cultural de Galicia, que facilitou a protección do patrimonio cultural cun concepto máis amplo baseado tamén nas relacións territoriais e no patrimonio inmaterial.

Contando coa Ponte Maceira, hoxe Galicia ten 776 BIC, incluíndo entre as últimas incorporacións bens como a Biblioteca de Emilia Pardo Bazán, o microscopio naturalista de Antony Van Leewenhoek, a igrexa de Santa Cruz do Incio, o Colexio do Cardeal de Monforte e a igrexa de Atalaia de Laxe, entre outros. Ademais, o Goberno galego ten iniciados xa os trámites para outras declaracións BIC como a Casa Cornide ou o xacemento de Adro Vello.

Novas relacionadas:

La Voz de Galicia: "Ponte Maceira recibe la declaración de BIC"

El Correo Gallego: "Declaran Ben de Interese Cultural A Pontemaceira" | "“Agora poderemos optar a axudas e coidar a contorna da Ponte Maceira”"

Enfoques: "A Ponte Maceira es declarada bien de interés cultural"

Imaxe da Ponte Maceira

Multimedia

  • Imaxe da Ponte Maceira
  • Imaxe da Ponte Maceira