- Tematica
Unha delegación da Asociación de Alfombristas de Ames, encabezada por María José Bello, participou a finais do pasado mes de setembro na XIV Trobade de Catifaires de Catalunya, na localidade de Arbucias, en Xirona. A artista amesá achegou ao encontro a elaboración da alfombra floral “Ames, camiño de peregrinos”, na que todos os asistentes puideron comprobar a beleza da Ponte Maceira, unha das paraxes máis emblemáticas e fermosas que percorren os peregrinos na súa viaxe a Fisterra. Unha alfombra na que tamén se podía ver a Lucas Ernest René, un peregrino belga amigo persoal de María José Bello, quen xa fixo o Camiño de Santiago en dezasete ocacións. No encontro participaron un total de once entidades, sendo dúas as delegacións convidadas de fóra de Cataluña: Ames e Bueu.
Xunto a María José Bello desprazáronse a Arbucias Álex, Esther e Pili. Alí, a area, as flores, o musgo e os tintes deron forma á Ponte Maceira, puidendo os asistentes ver o seu Pazo, a emblemática ponte ou os muíños. Asemade, na alformbra tamén se podía ver o punto quilométrico polo que discorre o Camiño ao seu paso pola localidade amesán, ademáis da cruz e a cuncha, símbolos da peregrinaxe. María José Bello quixo “levar a Cataluña as fermosas paisaxes que temos aquí, ademais de render a nosa particular homenaxe a todos os peregrinos que pasan por Ames realizando o Camiño. Tamén quixen, de xeito persoal, adicarlle a elaboración desta alfombra a Lucas Ernest René, un amigo moi especial que xa foi quen de facer dezasete veces o Camiño”.