Solapas principales

Pousada honra este domingo á Virxe de Lourdes cunha alfombra floral, misa e música

Viernes, 24 de agosto de 2018

[24-08-2018] O lugar de Pousada celebra a festividade da Virxe de Lourdes este domingo, 26 de agosto, cunha alfombra floral de máis de sesenta metros de longo, misa solemne e unha procesión. A festividade contará tamén coa actuación do Coro Parroquial de Ames, a Asociación Cultural Os Castros e o grupo de música medieval Manseliña.

Nunha tradición que xa conta con nove anos, a Asociación Cultural de San Xoanciño de Pousada, coa axuda de veciños e veciñas de todo o concello, está a elaborar para este domingo unha alfombra floral de máis de 60 metros que recorrerá o camiño que vai dende a capela ata o cruceiro. A maiores desta gran alfombra sobre a que se realizará a procesión da Virxe, estanse a elaborar tamén dúas máis pequenas que se colocarán no interior do soportal da capela e precedendo ao tapiz principal.

Este ano as alfombras serán elaboradas partindo dun deseño a tamaño real realizado por frai Luís de Oseira. Entre os materiais utilizados para a súa realización están serraduras e labra tinguida, casca de berberecho esnaquizada, varios tipos de flores entre as que destaca a hortensia, e terra para perfilar e tulla, que levan picando dende o pasado domingo. Así, entre 20 e 25 persoas traballan na preparación de materiais e montaxe da alfombra. Asemade, comezarase a traballar no exterior da capela o sábado 25.

A obra poderase ver completa ao longo da mañá do domingo. Os festexos comezarán ás 13:00 horas coa actuación do grupo de música medieval Manseliña, que se encargará de tocar algúns dos temas que sairán no seu vindeiro disco. A continuación, celebrarase a misa cantada, na que participará o Coro Parroquial de Ames, e a procesión na honra da Virxe de Lourdes ,que partirá da ermida de San Xoanciño de Pousada. Para finalizar, actuará a Asociación Cultural Os Castros.

Manseliña
O grupo grava o seu primeiro disco na capela de San Xoanciño de Pousada en xullo de 2018. Composto por María Giménez, Belén Bermejo, Andrés Díaz e Tin Novo; nace co obxectivo de explorar o posible orixe común das cantigas medievais galegas e a música tradicional do noroeste da Península a través da fusión de ámbalas dúas.

Entre os sete temas que interpretarán este domingo 26, con instrumentos medievais, atópanse verbas extraídas de cantigas de Alfonso X (Como eu en dia de Pascoa, A flor da iagua), Estevao Coelho (Sedia la fremosa) ou Martín Codax (Mandad´ei comigo).

Contido relacionado


Compostela 24 horas: "Pousada celebra a festividade de Lourdes cunha alfombra floral"
La Voz de Galicia: "Alfombra floral por la Virxe de Lourdes"