- Tematica
Nun sinxelo acto, ao pé da casa de Barbazán, foi presentado onte o mural “Rosalías”, unha creación do artista Yoseba Muruzabal que reflicte a contemporaneidade da obra e do pensamento da poeta da Maía. No mesmo acto leuse o Manifesto que nesta ocasión escribiu a escritora, vicepresidenta da AELG e veciña de Ames, Anna Figueirido. O acto, que foi presentado pola concelleira de Mocidade e Normalización Lingüística, Escarlata Pampín, e que contou coa participación de Anna Figueirido e alumnos e alumnas dos dous institutos de Ames, concluíu cunha regueifa improvisada por Manolo Maseda, profesor de musica do IES de Milladoiro. Por outra banda, o aniversario da poeta da Maía tivo tamen o seu reflexo nos comedores escolares de Ames onde se serviu o xa tradicional “Caldo de Gloria”, nos farois das rúas máis transitadas do concello que desde a pasada fin de semana engalánanse con lonas poéticas elaboradas a través do proxecto “A luz de Rosalía” e no concurso “Debuxa a túa Rosalía” que organizan as Bibliotecas Municipais.
Rosalía, multiplicada por cinco e tinxida de actualidade preside desde onte a Avenida da Peregrina desde a casa de Barbazán. A obra deYoseba MP, o muralista que inzou Galicia de superavoas, amosa a unha Rosalía que vende peixe, outra que fai deporte, unha heroína contemporánea, baseada na Vexeta de Son Goku, unha vendedora da ONCE e unha artista, esta última inspirada na cantante Rosalía. “Poñer enriba de corpos de mulleres contemporáneas a cabeza de Rosalía é unha metáfora, é poñer os seus valores, o que representa agora mesmo e a importancia que tivo como a primeira muller feminista declarada galega”, manifestou Yoseba Muruzabal mentres daba os últimos retoques ao mural, perfilando as letras dos versos rosalianos que se integran na obra: “Eo son libre ninguén pode conter a marcha dos meus pensamentos e eles son a lei que rexe o meu destino", un pensamento tirado do artigo “Lieders”, publicado no ano 1858 e considerado como o primeiro manifesto feminista publicado en Galicia.
Tamén, desde o limiar, o Manifesto Rosaliano que este ano escribiu a escritora, vicepresidenta da AELG e veciña de Ames, Anna Figueirido, alude á Rosalía libre, festeira e alegre que vincula á poeta coa actualidade: “Miña santiña, miña santasa, miña cariña de calabasa,ei de emprestravos os meus pendentes, ei de emprestarvos o meu collar, todo iso che ei de dar, santa se me deixas bailar, todo iso; as fotos, de instagram, os vídeos en directo, os o streaming das voces, os reels e o youtube. Todo iso, santiña, che empresto se me deixas bailar, se me deixas tirar o pano, abrir a boca, bicar, apertar, atopar, ir á festa, danzarlle ao punto…miña santasa coa cariña linda de calabasa, déixame ser que este mundo hoxe moito ten daquel Santiago do 53 co cólera nas rúas baleiras e as necesidades daquela volven nas almas, santa, volven e precisamos do teu falar.” O manifesto foi lido na súa totalidade pola propia autora e por cinco alumnas e un alumnos dos IES de Milladoiro e Bertamiráns.
365 para honrar a Rosalía
A concelleira de Mocidade e Normalización Lingüística, Escarlata Pampín, agradeceu a Yoseba “o cariño, a paciencia e a entrega que puxo na realización do mural”, a Anna Figueirido “ese manifesto tan chulo”, aos centros educativos por seguir traballando e dando a coñecer a Rosalía ano a ano, e ao máis de medio cento de persoas que se achegaron á presentación do mural “nun tempo tan complicado como o que estamos a vivir”. Pampín lembrou que honrar a Rosalía non pode quedarse nun día de celebración: “Debemos ter presente, non só hoxe senón os 365 días do ano o legado que nos deixou Rosalía e o seu espírito de loita, de xustiza e de compromiso co noso país e coa nosa lingua”.
Despois da lectura do manifesto, falou a súa creadora, Anna Figueirido, quen se gabou de vivir nun concello, o de Ames, abondoso en creadores e entregado á cultura e á lingua galega. “Eu vos convido a que o pasar por aquí nos sintamos un pouco Rosalías e iso nos leve a ser quen queremos ser a calquera idade”, manifestou a escritora. Figueirido fixo ademais unha chiscadela ao comercio local convidando a todos e a todas a celebrar o día de Rosalía regalando as persoas queridas unha flor e un libro “Aquí levo os meus, mercados no comercio local”.
O acto concluíu cunha regueifa improvisada por Manolo Maseda, profesor de musica do IES de Milladoiro e integrante do equipo de Dinamización da Lingua dese Centro Educativo, que foi seguida con entusiasmo polo medio cento de persoas que celebraban en directo a presentación de “Rosalías”.
A luz de Rosalía
Ademais da presenza da imaxe de Rosalía en Ames a través do mural “Rosalías” de Yoseba Muruzabal, os versos da poeta lucen nos farois das rúas máis transitadas de Ames. Esta intervencion poética urbana responde á “A Luz de Rosalía”, unha actividade deseñada polo Servizo de Normalización Lingüística en colaboración cos equipos de Dinamización da Lingua Galega dos centros educativos do concello que, un ano máis, xuntan esforzos para espallar o pensamento e a obra da escritora con traballos realizados pola rapazada.
O alumnado de infantil e primaria do concello, escribiu e pintou estas lonas poéticas sobre os PVC que previamente entregou nos centros educativos o Servizo de Normalización Lingüística. A rapazada abeirou aos versos da poeta ríos, flores, paxaros, arbores, casiñas e campanarios, provocando que cada unha dos traballos amose a creatividade da que fan gala os nenos e as nenas de Ames. En cada lona sinálase ademais a aula que o realizou e o colexio ao que pertence. A exposición, toda unha intervención poética urbana, poderase contemplar até o día 7 de marzo.
Caldo de Gloria
Un ano máis, no aniversario do nacemento de Rosalía de Castro, os nenos e nenas da Rede municipal de comedores escolares de Ames xantaron o “Caldo de Gloria”, un prato elaborado coa receita que Rosalía de Castro describe no poema “Miña casiña, meu lar de Follas Novas”. A Concellaría de Turismo, en colaboración coa Concellaría de Educación, poñen en marcha esta iniciativa que achega o sabor da gastronomía da época de Rosalía a 1.300 nenos e nenas de Ames.
O proposta do “Caldo de Gloria” naceu no ano 2017 na Fundación Rosalía de Castro, á que se uniu daquela o Concello de Padrón. En 2018, ademais de Ames, sumouse o Concello de Brión, en 2019 o de Santiago de Compostela e en 2020 o de Dodro, de xeito que na actualidade son cinco os concellos da contorna que participan na campaña, os mesmos que promoven a ruta As Pegadas de Rosalía.
Nos últimos anos, os establecementos hostaleiros sumábanse á iniciativa e incluían nos seus menús e nas súas tapas o Caldo de Gloria”, servido sobre manteis de papel nos que se podían ler os versos de “Miña casiña, meu lar”. Este ano, por mor sas restricións provocadas pola COVD19, non o puideron facer.
Aínda está aberto o prazo para participar o concurso “Debuxa a túa Rosalía”
As Bibliotecas municipais de Ames organizan, tamén co gallo do Día de Rosalía, un concurso infantil de debuxo “Debuxa a túa Rosalía”, unha iniciativa coa que se pretende que a rapazada afonde na figura de Rosalía, reinterpretando a súa imaxe, ao mesmo tempo que quere impulsar a creatividade dos nenos e nenas de Ames.
Hai dúas categorías en función das idades. Unha, para participantes de 6 a 9 anos e outra para os nenos e nenas de entre 9 e 12 anos. Os debuxos deben enviarse ao correo electrónico: biblioteca@concellodeames.gal. Tamén se pode facer subindo unha mensaxe á páxina de Facebook das bibliotecas municipais . Os debuxos expoñeranse na páxina do Facebook das bibliotecas municipais e os usuarios e usuarias serán quen decidan o gañador en función do número de “gústame” que teña cada publicación. O prazo para participar aínda está aberto até o sábado 27 de febreiro.