Solapas principales

Presentada á veciñanza da Condomiña e da Tarroeira a quinta fase do plan de prevención de incendios forestais, con posibles actuacións en ata 350 terras

Jueves, 30 de diciembre de 2021

O Concello de Ames presentou o pasado xoves 16 de decembro a quinta fase do seu plan de prevención de incendios forestais, que durante este inverno poderá actuar en ata dez hectáreas de terreos no ámbito da Condomiña e da Tarroeira. A veciñanza destas zonas recibiu as explicacións de persoal técnico do departamento de Medio Ambiente e de membros da brigada forestal municipal, nunha reunión á que asistiron o alcalde de Ames, Blas García, e o concelleiro de Transición Ecolóxica e Medio Ambiente, Manuel Lens. O plan de prevención, posto en marcha en 2017, consiste na plantación de árbores frondosas caducifolias para formar faixas de seguridade contra os lumes, protexendo aos núcleos de poboación e mellorando a biodiversidade.

As actuacións correspondentes ao período 2021 – 2022 realizaranse no décimo dos 59 ámbitos definidos polo concello para a xestión da biomasa, correspondente ás terras situadas nas zonas da Condomiña e da Tarroeira, na parroquia de Ortoño. Os traballos poderán beneficiar a un total de dez hectáreas, repartidas entre 350 terreos forestais duns 160 propietarios e propietarias.

Na actualidade, un 86% das terras deste ámbito incumpren a lei de incendios, polo que Medio Ambiente indica que a posta en marcha destes traballos é unha oportunidade tanto para facilitar o mantemento dos terreos como para aportar beneficios para o entorno. “Dende a Concellaría animamos ás persoas propietarias a sumarse ao proxecto, co que non só creamos barreiras naturais contra posibles lumes, senón que tamén contribuímos á biodiversidade, ao paisaxismo típico galego e á formación de solo”, sinalou o concelleiro de Transición Ecolóxica e Medio Ambiente, Manuel Lens.

A quinta fase deste plan de prevención, en funcionamento dende 2017, xa comezara nos últimos días do mes de novembro, coa adecuación de preto de catro hectáreas de terras nas zonas de Montemaior e Ventosa, uns traballos que quedaran pendentes de anteriores anualidades, afectadas polo avance do coronavirus. Ata o momento, nestas áreas realizáronse rozas mecanizadas e manuais, abríronse buratos para a plantación mediante afuracado, e comezou a plantación dunhas 900 árbores caducifolias, maioritariamente castiñeiros, cerdeiras e carballos.

Requisitos para poder adherirse ao plan de prevención de incendios municipal

Agora, as novas actuacións continuarán na Condomiña e na Tarroeira, despois de que se presentara o plan de prevención á súa veciñanza nunha reunión celebrada o pasado xoves 16 de decembro. No encontro, persoal técnico do departamento de Medio Ambiente e membros da brigada forestal municipal explicaron as condicións para acceder a este programa, os porcentaxes de traballo subvencionado e os procedementos para que as plantacións ocupen os terreos dos distintos propietarios e propietarias.

As veciñas e veciños deben ter as súas terras xestionadas de acordo coa lei de incendios, rozadas e sen piñeiros, eucaliptos ou acacias. No caso de cumpriren estes requisitos e estaren interesadas nas actuacións do plan, poden poñerse en contacto coa brigada forestal municipal, que realizará unha visita aos terreos xunto ás persoas propietarias e realizará as medicións necesarias para elaborar un plan de plantación. Estas plantacións sempre contemplarán unicamente as especies legais permitidas en faixas secundarias, dando prioridade ás especies autóctonas e evitando monocultivos, contribuíndo desta forma á formación do solo e a recuperación da biodiversidade local.

Se as persoas propietarias están de acordo coa proposta presentada e economicamente valorada, asinarán a adhesión ao plan do Concello, á vez que solicitan unha subvención para os traballos de plantación. Esta axuda económica supón o 80% dos traballos de subsolado, apertura de buratos, plantación, fertilización e titoría das plantas, todos coordinados e supervisados polo concello. Ao ano das plantacións, a brigada municipal realiza unha roza e repón as árbores mortas. A partir de entón, os terreos son xestionados polas persoas propietarias, que deben mantelos limpos e coidados.

Actuacións para a prevención de lumes e a mellora da biodiversidade dende 2017

Ames conta dende o ano 2017 cun plan de prevención e defensa contra lumes forestais, baseado na repoboación de faixas secundarias con árbores frondosas caducifolias. O plan municipal conta cun orzamento para o período 2020 – 2021 de 80.079,70 euros, distribuído nunha partida para persoal de 42.079,50 euros e outra para traballos de selvicultura e plantación de 38.000,20 euros.

O plan comezou cun proxecto piloto sobre 37 terreos de Piñeiro, nos que se plantaron 815 árbores nunhas 1,9 hectáreas de 33 propietarios e propietarias que se adheriron ao programa. Na segunda fase, rematouse o ámbito 18 de Piñeiro e actuouse no 27 da mesma parroquia, así como nos ámbitos 4A e 4B de Aldea Nova. Nesta ocasión, actuouse en 5,7 hectáreas, unhas 76 terras, con 44 persoas propietarias implicadas e 1570 árbores autóctonas plantadas.

Xa na terceira fase, rematáronse os ámbitos 4A e 4B e avanzouse ao 9, que inclúe Ventosa, Lombao e a urbanización do Bosque Animado. Neste período 2018 – 2019, traballouse en 3,4 hectáreas, con 514 árbores distribuídos entre 34 terras de 30 persoas adheridas ao plan.

Finalmente, para a cuarta fase, correspondente ao período 2019 – 2020, Medio Ambiente presentou actuacións para rematar o ámbito 9, e incorporou aos ámbitos de Frenza – Vilota e Montemaior. En total, unhas 220 terras e unha superficie de 23,6 hectáreas optaban a adherirse ao programa, cuxo desenvolvemento se veu afectado pola situación epidemiolóxica. O balance final deste período foi de 806 árbores frondosas plantadas ao longo de 4,7 hectáreas.

Novas relacionadas:

El Correo Gallego: "Ames plantou máis de tres mil árbores co Plan de Incendios"

La Voz de Galicia: "Ames presenta su plan de árboles bomberos para diez hectáreas de Ortoño"

El Correo Gallego: "O plan amiense de prevención de incendios actuará en 350 terreos forestais na nova fase"

Presentada á veciñanza da Condomiña e da Tarroeira a quinta fase do plan de prevención de incendios forestais, con posibles actuacións en ata 350 terras

Multimedia

  • Presentada á veciñanza da Condomiña e da Tarroeira a quinta fase do plan de prevención de incendios forestais, con posibles actuacións en ata 350 terras
  • Presentada á veciñanza da Condomiña e da Tarroeira a quinta fase do plan de prevención de incendios forestais, con posibles actuacións en ata 350 terras