Solapas principales

Preséntanse as camiñadas teatralizadas polas parroquias de Ames organizadas para este outono

Martes, 10 de octubre de 2023

O parque do Ameneiral, en Bertamiráns, acolleu esta mañá a presentación dunha das novidades da programación de outono da Aula da Natureza, as camiñadas teatralizadas polo rego da Andoriña, “O segredo da andoriña”, que se celebrarán os días 21 de outubro e 12 de novembro. Para anotarse nesta actividade, que ten como obxectivo mostrar o valor histórico e paisaxístico das parroquias de Tapia e Piñeiro, é preciso enviar o impreso de inscrición que se pode descargar premendo nesta ligazón ao enderezo auladanatureza@concellodeames.gal. Ao acto asistiron o alcalde de Ames e edil de Turismo, Blas García; o concelleiro de Medio Ambiente, Javier Antelo; a concelleira de Promoción da Saúde e Deportes, Susana Señorís, e persoal técnico municipal. Tamén acudiu Tero Rodríguez, en representación da compañía teatral Os Quinquilláns.

Co fin de achegar a todos os veciños e veciñas de Ames a posibilidade de gozar e coñecer as diferentes parroquias que conforman o concello, os departamentos de Medio Ambiente, Turismo e Promoción da Saúde puxeron en marcha para este outono un programa de camiñadas teatralizadas por diferentes rutas ambientais. A iniciativa dará comezo o vindeiro sábado, 21 de outubro, cun percorrido pola ruta da Andoriña que tamén se volverá a organizar o 12 de novembro. Xa durante a primavera e o verán de 2024, organizaranse outras dúas rutas teatralizadas: a do Val dos Pasos e a das Fragas do Tambre.

Camiñada pola ruta da Andoriña
Nas dúas primeiras saídas, bautizadas como “O segredo da andoriña”, a veciñanza achegarase ás parroquias de Tapia e Piñeiro, onde, a través de diversas representacións, poderá descubrir particularidades da natureza, a historia e o patrimonio de ámbolos dous lugares. Ao longo das camiñadas percorreranse recunchos como a fonte da Madalena, o rego da Andoriña, o Muíño do Crego, o castro de Piñeiro, o priorado de San Mamede... Todos eles serán o escenario no que se desenvolverán escenas con personaxes como Menciñeiras, Abades ou Muiñeiros. Ao remate, ofreceranse uns petiscos saudables que se servirán na praia fluvial de Tapia.

A teatralización, o vestiario, o atrezzo e o guión desta camiñada correrán a cargo de Os Quinquilláns, unha compañía con ampla experiencia en recreación histórica e patrimonial.

Todas as rutas que se van desenvolver contan cun alto valor histórico e paisaxístico, ao tempo que albergan unha fauna e flora sensible ás accións humanas. Así, estableceuse un máximo de 40 participantes por cada xornada. Co fin de minimizar as emisións contaminantes, tamén se porá en marcha un servizo de autobús, que sairá ás 10:00 horas da Casa da Cultura do Milladoiro, ás 10:15 do campo da festa de Bugallido e ás 10:30 do Pazo da Peregrina. O regreso terá lugar ás 14:00 horas dende a praia de Tapia, e pasarase ás 14:10 polo Pazo da Peregrina e ás 14:30 polo campo da festa de Bugallido.

Para participar na ruta do 21 de outubro é preciso enviar un correo electrónico ao enderezo auladanatureza@concellodeames.gal anexando a seguinte ficha de inscrición, entre mañá, día 11, e o vindeiro venres 20. No caso da camiñada do 12 de novembro, o procedemento para anotarse é o mesmo, e o correo poderá mandarse entre o 11 de outubro e o 10 de novembro.

Acto de presentación
Na presentación estiveron presentes o alcalde de Ames e edil de Turismo, Blas García; o concelleiro de Medio Ambiente, Javier Antelo; a concelleira de Promoción da Saúde e Deportes, Susana Señorís, e persoal técnico municipal. Tamén acudiu Tero Rodríguez, en representación da compañía teatral Os Quinquilláns.

A técnica da Aula da Natureza, Patricia Reboreda, aproveitou para explicar os detalles das saídas, destacando que “o que buscamos é gozar dun día ao aire libre, de natureza, de historia, e rematar con algo que nos recorde o importante que é coidar a saúde alimentaria. Queremos animar a todo o mundo a que se achegue. Imos pasar por lugares con especies naturais especiais e delicadas. É un xeito alegre e divertido de coñecer a nosa cultura e o noso legado, pero tamén o noso patrimonio. A camiñada diríxese a todos os públicos e non é de gran dificultade”.

Pola súa banda, a concelleira de Promoción da Saúde e Deportes, Susana Señorís, pola súa banda, destacou que “cando nos fixeron a proposta de sumarnos a esta iniciativa vimos unha oportunidade non só para que a xente se anime a camiñar e coñeza o noso concello, senón tamén para poñer uns petiscos saudables e para fomentar os produtos da nosa terra e dalos a coñecer”.

Tamén o edil de Medio Ambiente, Javier Antelo, aportou que “esta é unha oportunidade para que todos os veciños e veciñas de Ames coñezan os roteiros do concello e a súa biodiversidade, así como a súa cultura a través das recreacións teatrais”. Antelo resaltou tamén que “fixemos unha pequena variación da ruta, e pasaremos tamén por Rúa, unha das aldeas de Piñeiro na que recentemente se realizaron melloras, e que actualmente tamén se pode visitar e apreciar”.

Para rematar, o alcalde de Ames, Blas García, sinalou que “é a primeira vez que poñemos en marcha este tipo de actividade. Estas camiñadas buscan dar a coñecer as rutas que temos no noso concello fundamentalmente entre os veciños e veciñas de Ames, porque hai tempo que vimos detectando que moitos e moitas deles aínda non son coñecedores de todo o patrimonio que temos. Imos empezar pola ruta da Anduriña, que empeza en Piñeiro e remata en Tapia, coa nova experiencia de explicar de xeito teatralizado toda a historia das nosas parroquias”.

Novas relacionadas:

El Correo Gallego: "Caminatas teatralizadas por Ames para dar a conocer las parroquias"

Lindeiros: "Ames presenta as Camiñadas teatralizadas"

Acto de presentación das camiñadas de outono

Multimedia

  • Preséntanse as camiñadas teatralizadas polas parroquias de Ames organizadas para este outono
  • Preséntanse as camiñadas teatralizadas polas parroquias de Ames organizadas para este outono
  • Preséntanse as camiñadas teatralizadas polas parroquias de Ames organizadas para este outono
  • Preséntanse as camiñadas teatralizadas polas parroquias de Ames organizadas para este outono