- Tematica
O Concello de Ames, a través da Concellaría de Mobilidade, organizou unha programación específica para conmemorar a II Semana Europea da Mobilidade. Ditas actividades desenvolveranse en Ames do 16 ao 22 de setembro. O programa comeza coa charla “Querémoste seguro”, que está dirixida ás persoas maiores. Ademais, durante a próxima fin de semana haberá unha marcha ciclista nocturna; actividades e xogos populares en bici; e unha andaina pola senda O Milladoiro – Bertamiráns. Para participar nesta actividades é necesario inscribirse previamente. Ademais, no marco do fomento da mobilidade sen emisións, presentouse a campaña “A 30 Ames é máis! Trátase dunha campaña de sensibilización sobre a importancia da velocidade a 30 km/h no interior das zonas urbanas de Ames.
A Semana Europea da Mobilidade (SEM) é unha iniciativa anual da Comisión Europea, que nace no ano 2002, para a mobilidade urbana sostible, para instar ás cidades e pobos europeos a adicar unha semana, do 16 ao 22 de setembro, á mobilidade sostible. Todos os anos, ten un lema específico. En 2020 o lema é “Por unha mobilidade sen emisións”. Inclúe eventos relacionados co tráfico como marchas ciclistas, peche temporal de rúas aos vehículos a motor para destinalas aos peóns e ciclistas, etc. En 2019 participaron nesta iniciativa 1.820 cidades, entre elas o Concello de Ames.
Esta mañá presentouse no salón de plenos do Concello de Ames a programación da II Semana Europea da Mobilidade de Ames. A presentación correu a cargo do alcalde de Ames, Jose Miñones, da concelleira de Mobilidade, Beatriz Martínez, e do inspector da Policía Local de Ames, José Antonio Rodríguez.
A programación comeza o xoves, 17 de setembro, coa charla Querémoste seguro/a, que impartirá a axente da Policía Local, Cristina Ferreira, ás 18.30 horas, no local social do Club de xubilados do Milladoiro. Esta charla está dirixida a persoas maiores é tratará sobre seguridade viaria e sobre as inquedanzas que teñen as persoas maiores sobre a mobilidade no concello. Para participar nesta actividade non é preciso inscribirse previamente. Entre as persoas que participen en dita charla repartiranse chalecos reflectantes e folletos informativos con diferentes recomendacións de seguridade viaria.
Marcha ciclista nocturna
A programación continúa o venres 18 de setembro, ás 22.00 horas, cunha marcha ciclista nocturna que comezará dende a praza do Concello, en Bertamiráns. Farase un percorrido de 8 quilómetros con boa iluminación e fácil percorrido, pensado para que nela poida participar toda a familia. Para participar nesta actividade é necesario inscribirse previamente enviando un correo electrónico ao enderezo mobilidade@concellodeames.gal. Ofértanse un máximo de 75 prazas para participar neste actividade. A cada participante entregaráselle de agasallo unha camiseta.
O percorrido partirá da praza do Concello, para a continuación pasar pola rúa Alcalde Lorenzo, estrada DP-0205, urbanización do Agro do Muíño, Ribeira de Maguxe, rúa Revolteada, rúa Tras do Muíño, estrada DP-0205, Bertamiráns, rúa Entrerríos, estrada de Lapido, avenida da Maía, camiño do Lodeiro, rúa Cómaro, rúa Camiño Novo, avenida José Luis Azcárraga, Travesía da Peregrina, rúa Rueiro, Travesía do Rueiro, avenida da Maía, rúa Alcalde Lorenzo, ata chegar de novo á praza do Concello.
Para previr aglomeracións no punto de saída e chegada, debido á pandemia da Covid-19, establecéronse tres zonas de espera na praza do Concello, que estarán diferenciadas en tres cores: azul, amarelo e verde. Ás persoas inscritas asignaráselle unha cor que corresponderá coa zona de espera á que teñen que acceder mentres agardan a saída. En cada zona poderán acceder como máximo 25 persoas, sempre coa máscara posta. Ademais, haberá persoal de Protección Civil nos puntos de acceso de cada zona con xel hidroalcólico para que os/as participantes boten nas súas mans antes de acceder.
Actividades e xogos populares en bici
A programación continúa o sábado, 19 de setembro, con actividades e xogos populares en bicicleta, que están dirixidos aos nenos e nenas de 4 aos 12 anos. Estas actividades realizaranse no aparcamento da rúa Palmeiras, no Milladoiro. Cada neno e nenas que participen deberán levar a súa propia bicicleta, casco e máscara. Tamén haberá persoal de Protección Civil con xel hidroalcólico para que cada persoa participante desinfecte as mans e se cumpran as normas de hixiene para previr a Covid-19. Para participar nesta actividade é necesario inscribirse previamente enviando un correo electrónico ao enderezo mobilidade@concellodeames.gal.
Andaina pola senda O Milladoiro - Bertamiráns
Por último, o domingo 20 de setembro, desenvolverase unha andaina saudable pola senda verde que conecta as localidades de Bertamiráns e do Milladoiro a partir das 10:00 horas. A saída será dende a Igrexa nova do Milladoiro e haberá servizo de autobús á ida, dende a praza do Concello en Bertamiráns, ás 9:30 horas, e á volta dende O Milladoiro.
Os/as participantes terán que percorrer arredor de sete quilómetros nos que poderán gozar de paraxes de singular beleza, lugares de interese histórico local, núcleos de poboación tradicionais e elementos de carácter etnográfico e relixioso. Para participar desta andaina é preciso inscribirse. Para esta actividade ofértanse 50 prazas. Faranse dous grupos de 25 persoas. Nos vindeiros días proporcionarase máis información sobre o sistema de inscrición nesta actividade.
Campaña “A 30 Ames é máis”
Ademais, no marco do fomento da mobilidade sen emisións, esta mañá presentouse a campaña “A 30 Ames é máis!” Trátase dunha campaña de sensibilización sobre a importancia da velocidade a 30 km/h no interior das zonas urbanas de Ames. O obxectivo é informar á veciñanza de que en varias das rúas interiores dos núcleos de Bertamiráns e do Milladoiro vaise a reducir a velocidade dos vehículos a 30 quilómetros por hora.
O alcalde de Ames, Jose Miñones, dixo na presentación desta mañá “agardamos que esta segunda Semana Europea da Mobilidade sexa todo un éxito, sobre todo de cara á concienciación da veciñanza amesá de que é necesario apostar por unha mobilidade sustentable. De aí, a presentación tamén hoxe da campaña “A 30 Ames é máis”. Trátase dun paso importante que se poida comezar coa campaña de redución de velocidade para que Ames sexa un concello máis humanizado con rúas peonís e que o vehículo pase a un segundo plano dentro do interior dos núcleos urbanos de Bertamiráns e do Milladoiro”.
A percepción do espazo urbano está a cambiar dende hai uns anos, antes as cidades estaban feitas para os coches, pero hoxe en día debemos ter claro que as cidades son para as persoas. Esta situación quedou patente despois do confinamento vivido por mor da Covid-19. Por iso, Ames quere sumarse as cidades que están apostando por favorecer o tránsito peonil e en bicicleta dentro dos núcleos urbanos.
Apóstase polos desprazamentos eficientes
Deste xeito, apóstase polos desprazamentos eficientes: o desprazamento peonil en tramos curtos, a bicicleta ou VMP en traxectos medios e o transporte público colectivo en traxectos longos. A redución da velocidade dos vehículos dálle maior seguridade ás persoas que camiñan ou que van en bicicleta nos seus desprazamentos. Ademais, a redución da velocidade aumenta a seguridade viaria en xeral e a peonil en particular; e cambia os hábitos de condución producindo un importante descenso de consumo enerxético.
A concelleira de Mobilidade, Beatriz Martínez, destacou “a colaboración da Policía Local de Ames na organización das actividades da II Semana Europea da Mobilidade, en especial da axente Cristina Ferreira pola súa implicación”. Por outra banda, sobre a campaña de redución de velocidade a 30 km/h, a concelleira de Mobilidade incidiu en que “con esta campaña tratamos de chegar a toda a cidadanía de Ames, dende a mocidade ata a xente máis maior. Sabemos que esta medida pode ser impopular nun primeiro momento, pero é necesaria para dispor duns núcleos urbanos máis humanizados nos que predomine o peón sobre os vehículos a motor”.
Por último, o inspector da Policía Local, José Antonio Rodríguez, explicou que “reducindo a velocidade a 30 km/h no interior dos núcleos urbanos gaña o sector comercial e gañan os peóns e mailos ciclistas. É unha medida que haberá que ir implantado de xeito progresivo, pero que é necesario implantar, como se está facendo noutras vilas galegas e no resto de Europa, para favorecer a mobilidade peonil. Deste xeito, favorécese a calidade de vida das persoas que viven nos núcleos urbanos, aínda que sexa en prexuízo das persoas que pasan por estes lugares pero que non residen neles. Temos que comezar a pensar que as cidades teñen que dispor de sendas para bicicletas e favorecer o transito a pé”.