Solapas principales

Preséntase a cuarta campaña solidaria de Zocos e Trasnos

Lunes, 18 de noviembre de 2019

Esta mañá o alcalde de Ames, José Miñones, e maila concelleira de Benestar Social, Luísa Feijóo, participaron no acto de presentación da campaña solidaria Zocos e Trasnos, que organiza por cuarto ano consecutivo a Oficina de Voluntariado do Concello de Ames. No acto tamén participaron Rubén Ramos e Soraya Añón, traballadores do departamento municipal de Benestar Social. O obxectivo desta iniciativa é que ningún neno/a de Ames quede sen agasallo nas festas de Nadal. Para iso necesítanse trasnos, persoas voluntarias que queiran achegar un agasallo de Reis a unha nena ou neno do concello. Centos de crianzas foron beneficiarios deste proxecto nas súas edicións anteriores.

A campaña solidaria de Zocos e Trasnos conta con dous piares fundamentais. Por unha banda os zocos, que son as nenas e nenos de 0 a 12 anos, que forman parte de familias que non están atravesando un bo momento economicamente; xunto cos trasnos, axudantes dos Reis Magos de Oriente e motores do proxecto.

A Oficina de Voluntariado de Ames será a encargada de recoller as cartas de todos os zocos aos Reis Magos (nenos e nenas derivados polo departamento de Benestar Social municipal). Estas, serán enviadas por correo electrónico, whatsapp ou en man a cada trasno a través dun código de identificación preservando o anonimato de todas as nenas e nenos.

Cada trasno deberá escoller algo do solicitado na carta, que non poderá superar os 30 euros, envolvelo, poñerlle o código que identifica o seu zoco e facelo chegar a un dos Puntos Trasno. Compre recalcar que os agasallos deben cumprir dúas premisas básicas: non ter carácter sexista nin bélico. Finalmente os agasallos serán entregados ás familias para que todos os zocos poidan desfrutar do seu agasallo debaixo da árbore na mañá de Reis.

Puntos Trasno
Os Puntos Trasno establecidos son as Casas da Cultura e as bibliotecas municipais de Bertamiráns e do Milladoiro; Escola Merlín; Centro de estética Mímate; O zapateiro Cándido; os establecementos Patagonía de Bertamiráns e do Milladoiro; TNT Tattoo; Centro Arume; Carnicería Suso; Academia Aberta; Rueiro Clínica Dental; Centro Deportivo Municipal BeOne - A Telleira; e Librería Lenda.

Este ano como novidade os nosos zoquiños e zoquiñas recibirán, ademais do agasallo que soliciten, un libro de lectura adecuado a súa idade, recomendación das Bibliotecas municipais de Ames. A través desta campaña búscanse trasnos que iluminen o Nadal dos nosos zoquiños e zoquiñas, axudando aos Reis Magos a facer que estas datas sexan máxicas para todos e todas iluminando o día de Reis cos seus sorrisos.

Como converterse en trasno?
Todo o mundo pode facelo, coa única condición de comprometerse coa causa e sobre todo, cos zocos. Para rexistrarse como trasno pódese chamar aos teléfonos 662 377 044 (Oficina de Voluntariado de Ames) ou no 683 327 378 (departamento de Educación familiar), a través dun correo electrónico a voluntariado@concellodeames.gal ou de maneira presencial na Oficina de Voluntariado de Ames, situada na Casa da Cultura de Bertamiráns.

A concelleira de Benestar Social, Luísa Feijóo, indica que “se trata dunha campaña que nas edicións anteriores tivo moi boa resposta por parte da veciñanza de Ames. En cada edición arredor de 300 nenas e nenos tiveron o seu agasallo de Nadal grazas a colaboración dos Trasnos. É un xeito de axudar a aquelas familias amesás que máis o necesitan ou que están pasando por un mal momento económico. Animamos a todos os veciños e veciñas a colaborar nesta campaña solidaria”.

Imaxe da presentación da curta campaña solidaria de Zocos e Trasnos

Multimedia

  • Imaxe da presentación da curta campaña solidaria de Zocos e Trasnos