Solapas principales

Preséntase o anteproxecto do complexo deportivo do Milladoiro que disporá de dúas piscinas e salas para actividades deportivas

Jueves, 03 de febrero de 2022

O Goberno municipal de Ames está traballando na construción dun complexo deportivo na localidade do Milladoiro. Concretamente ditas instalacións situaranse na parcela da rúa Agro do Medio, que está contigua ao novo centro de saúde do Milladoiro. O complexo deportivo disporá de tres plantas. Na planta soto haberá un garaxe subterráneo; na planta baixa disporase de dúas piscinas (unha de competición e outra para actividade de aprendizaxe), así como servizos complementarios de spa. Ademais, empregarase a cuberta (planta alta) para o desenvolvemento de actividades deportivas ao aire libre e para albergar salas de actividades de cardio fitness.

A Casa da Cultura do Milladoiro acolleu esta mañá a presentación do anteproxecto do complexo deportivo do Milladoiro. A presentación correu a cargo do alcalde de Ames, Blas García, da concelleira de Deportes, Susana Señorís, do concelleiro de Urbanismo, Víctor Fernández, e do consultor técnico deportivo, Óscar Iglesias. Está previsto que dita infraestrutura se execute na parcela da rúa Agro do Medio, que está contigua ao novo centro de saúde do Milladoiro, e que é de propiedade municipal. Está parcela está designada para equipamentos dentro do sector S-15 e conta cunha superficie de 3.700 metros cadrados.

Dende decembro de 2020 estívose traballando na elaboración dun estudio de viabilidade para coñecer a fórmula de xestión e demanda de dita instalación e tamén para proxectar as dimensións e características que debería ter dita infraestrutura. De xeito conxunto tamén se levou a cabo un estudo de explotación e sistema de concesión da instalación. O anteproxecto busca traballar sobre o deseño interior e exterior da infraestrutura e as necesidades administrativas e urbanísticas da parcela onde se vai executar o complexo deportivo.

O complexo deportivo contará cunha superficie de 3.452 metros cadrados e con tres plantas distribuídas en varias alturas. Deste xeito o edificio adaptarase á pendente que ten a parcela onde se situará. Ao mesmo tempo, a construción desta nova infraestrutura permitirá urbanizar esta zona céntrica do Milladoiro coa creación dunha nova praza pública de 1.300 metros cadrados. O espazo exterior polo que se accede ao complexo deportivo actuará como elemento integrador entre o edificio e mailo espazo viario. Trátase dun espazo urbanizado que albergará zonas libres de tránsito e zonas con árbores e que servirá de conexión entre os diferentes niveis da zona exterior e mailo edificio.

O complexo deportivo do Milladoiro contará cunha planta subterránea (planta soto) que estará dedicada a garaxe e contará con prazas para 68 vehículos e 9 motocicletas. Haberá dúas prazas adaptadas ao carón dun dos accesos ao edificio. Habilitaranse dous accesos ao espazo público exterior e un delas con vinculación directa ao complexo deportivo. Na planta soto tamén se situarán distintos locais técnicos (salas de caldeiras así como de instalacións e intercambiadores).

Planta baixa: piscinas de competición e aprendizaxe

Por outra banda, na planta baixa haberá unha zona de recepción e unha zona con dúas piscinas; unha delas será unha piscina de 12,5 por 25 metros, que dispón das medidas regulamentarias para poder albergar distintas competicións de deportes acuáticos; e unha segunda piscina de 12,5 por 8 metros que estará dedicada actividades de aprendizaxe. É importante destacar que se dotará á piscina de competición de gradas con aforo para 200 persoas e con servizos e accesos propios. Na planta baixa tamén se vai a construír unha zona de servizos complementarios de spa.

As dúas piscinas estarán en zonas independentes, polo que cada piscina contará cuns vestiarios propios. Deste xeito, os vestiarios da piscina de aprendizaxe estarán en fronte de dita piscina para facilitar o acceso. O mesmo sucederá cos vestiarios da piscina de competición. Tamén hai que salientar que ambas piscinas terán accesos diferentes.

Salas de fitness e ximnasio

Como elemento diferenciador preténdese empregar a cuberta do edifico para o desenvolvemento de actividades deportivas ao aire libre (ioga, pilates, crossfit, etc) e tamén para habilitar nesta zona tres salas, para realizar actividades de fitness, e unha sala máis ampla de 750 metros dedicada a ximnasio, para realizar exercicio cardiovascular e muscular. Aproveitando a orientación suroeste que vai a ter o edificio vaise crear un espazo para empregar coma solarium.

A concelleira de Deportes, Susana Señorís, explicou que “a construción deste complexo deportivo é unha vella demanda da veciñanza do Milladoiro e coa realización desta infraestrutura preténdese saldar esta reclamación histórica e ao mesmo tempo ofrecer novos servizos aos veciños e veciñas desta localidade e do resto do concello, para que poidan practicar deportes nunhas instalación modernas. Prevese que estas instalacións poidan coller arredor de 4.100 abonados e ademais coa posta en funcionamento deste complexo estímase que se crearán 21 novos postos de traballo”.

Financiamento do proxecto

O alcalde de Ames, Blas García, dixo que “hoxe é un día importante para O Milladoiro e para Ames porque presentamos unha nova infraestrutura moi necesaria para a veciñanza do Milladoiro e da que tamén se van poder beneficiar o resto de veciños e veciñas do concello. Isto vai permitir que os veciños e veciñas do Milladoiro gañen en calidade de vida e vai a converter ao Milladoiro nunha localidade moito máis atractiva, se cabe, xa que vai a dispoñer de novos servizos. Deste xeito, tanto veciños e veciñas de Ames como doutros concellos limítrofes van poder acudir a este novo complexo a practicar deporte, pero tamén queremos converter ao Milladoiro nun lugar onde se desenvolvan competicións de deportes acuáticos como poden ser natación, waterpolo, natación sincronizada, etc, por iso apostamos por construír unha piscina de competición”.

Este proxecto ten un orzamento de 6.185.000 euros. O sistema de financiamento que se pretende empregar para poder executar dito proxecto é a través dunha concesión administrativa. A empresa que gañe o concurso público que se abra será a encargada de financiar a construción de dito complexo deportivo e posteriormente de xestionalo durante un prazo máximo de 40 anos.

Segundo explicou o alcalde a previsión é que durante o ano 2022 se poidan rematar os pregos, licitar o contrato e adxudicalo, para en 2023 poder comezar a executar as obras. Aínda así, Blas García dixo que cos prazos hai que ter moita cautela e saber que sempre este tipo de procesos administrativos tardan máis tempo do agardado inicialmente.

O rexedor municipal rematou dicindo que se vai a construír “un edificio moderno, accesible e sostible e que contará con servizos novidosos”. Por último destacou que “é unha aposta clara e decidida deste Goberno municipal polo Milladoiro porque é o núcleo con máis poboación de Ames”.

Disporase dunha oferta importante de actividades de fitness

Óscar Iglesias, consultor técnico deportivo, encargouse de supervisar a elaboración do anteproxecto xunto ao arquitecto, Pablo Fernández. Óscar Iglesias explicou que a parcela ocupouse na súas totalidade con esta nova infraestrutura e a edificabilidade de dita parcela tamén se esgotou. Trátase dun centro dimensionado para as necesidades que se estiman a medio e longo prazo.

“Preténdese que este complexo deportivo dispoña dunha ampla oferta de actividades e servizos para atender a todo tipo de necesidades. Así crearase unha zona de spa dedicada ao ocio e a saúde. Haberá unha piscina de competición para poder adestrar e acoller competicións de deportes de auga. Ademais, disporase dunha oferta importante de actividades de fitness, xa que haberá tres salas para poder practicar diferentes deportes como zumba, bike e todo tipo de actividades deportivas dirixidas por un/unha monitor/a. Tamén contará cunha sala máis ampla de 750 metros cadrados para exercicio cardiovascular e muscular”. Óscar Iglesias destacou o deseño funcional do complexo e que ademais do investimento en obra se investirán 350.000 para equipar as diferentes salas do complexo.

Compromiso do grupo de goberno para este mandato

O concelleiro de Urbanismo, Víctor Fernández, explicou que “a construción dun complexo deportivo con piscina climatizada no Milladoiro é un compromiso recollido no programa desta grupo de goberno para este mandato. Xa levamos tempo traballando neste proxecto e agora podemos presentalo publicamente. Deste xeito amosamos o noso compromiso con Ames e neste caso concretamente co Milladoiro”. Ademais, Víctor Fernández destacou que se trata dunha proposta realista e realizable, que se vai executar nunha zona moi céntrica do Milladoiro e que vai urbanizar a zona do S-15 que se atopa na zona posterior ao novo centro de saúde do Milladoiro”.

Novas relacionadas

La Voz de Galicia: "Ames licitará este año el centro deportivo de O Milladoiro, que tendrá piscina de competición"

El Correo Gallego: "Quieren abrir el complejo deportivo con climatizada para O Milladoiro en 2024"

Compostela 24 Horas: "O complexo deportivo do Milladoiro que disporá de dúas piscinas e salas para actividades deportivas"

AMSGO!: "Preséntase o anteproxecto do complexo deportivo do Milladoiro"

Lindeiros: "Ames quere licitar en este ano o proxecto de piscina climatizada para o Milladoiro"

Enfoques: "El complejo deportivo de O Milladoiro dispondrá de dos piscinas y salas para actividades deportivas"

Imaxe da presentación do anteproxecto do complexo deportivo do Milladoiro

Multimedia

  • Plano do anteproxecto do complexo deportivo do Milladoiro
  • Plano do anteproxecto do complexo deportivo do Milladoiro
  • Plano do anteproxecto do complexo deportivo do Milladoiro
  • Imaxe da presentación do anteproxecto do complexo deportivo do Milladoiro
  • Parcela onde se vai a construír o complexo deportivo do Milladoiro