- Tematica
Volve por terceiro ano consecutivo o programa “AmesON de verán” con música para todos os gustos e idades durante os meses de xuño, xullo, agosto e setembro. O programa está composto por 13 actuacións musicais dirixidas a adultos e nenos/as. Actuarán o coro Son Elas; o grupo Club Naval; Eva & Camilo; Ruth Cundíns; Habana Café Son; MJ Pérez; Cé Orquestra Pantasma: Marifaltri; Jinetes del Trópico; Tinta; As Maianas; Pili Pampín; e maila orquestra Panorama, que pechará o cartel o domingo, 18 de setembro, no Milladoiro. Os concertos realizaranse no parque do Ameneiral e no Pazo da Peregrina, en Bertamiráns, e na praza de Manuel Murguía, no Milladoiro. Esta iniciativa está organizada pola Concellaría de Promoción Económica para dinamizar o sector comercial durante este verán. Premendo nesta ligazón podes consultar a programación completa.
O salón de plenos da Casa do Concello acolle hoxe pola mañá a presentación da terceira edición do programa “AmesON de verán 2022”. O acto de presentación correu a cargo do alcalde de Ames, Blas García; e da concelleira de Promoción Económica, Ana Belén Paz, que estiveron acompañados de Pili Pampín, que actúa o 26 de agosto dentro da programación do AmesON; Ruth Cundíns, que ofrecerá o espectáculo musical e solidario "Puedes llegar"; e de Diego Moreiras e Fátima Pego, representando a orquestra Panorama, que actuará no Milladoiro o 18 de setembro. As actuación de dito programa están xestionadas pola axencia de espectáculos Cunde, empresa que é de Ames.
A concelleira de Promoción Económica, Ana Belén Paz, foi a encargada de abrir o acto de presentación. Dixo que “o obxectivo do programa AmesON, posto en marcha por terceiro ano consecutivo, segue sendo amenizar as nosas rúas e que con estas trece actuacións sigamos axudando ao comercio local e á hostalaría nos meses de xuño, xullo, agosto e coa actuación final da orquestra Panorama en setembro”. Do mesmo xeito a concelleira quixo poñer en valor a variedade musical que inclúe esta edición “teremos grupos variados para todas as idades e para todos os gustos. Música variada para bailar e desfrutar, queremos que sexa un AmesON no que haxa moita festa que os veciños desfruten mentres axudamos á hostalería e ao comercio”.
De seguido, interveu a artista Ruth Cundíns que aproveitou a súa quenda para agradecerlle ao Concello de Ames o seu convite a participar no AmesON e ao mesmo tempo colaborar con Art for Dent. “Estou encantadísima de poder participar nesta edición do AmesON e máis co espectáculo “Puedes llegar”; un espectáculo musical e solidario onde desfrutar de música dos 80 ao 2006, cheo de cancións reivindicativas onde tratamos temas como o machismo ou as enfermidades raras”. A artista explicou, ademais, como parte do recadado neste espectáculo vai para a investigación da enfermidade de Dent “a parte das miñas actuacións colaboro con Art for Dent para axudar ao noso veciño Hugo que padece esta doenza que só afecta a 200 persoas no mundo, por iso é tan importante a investigación e parte do recadado nesta actuación irá para o Nefrochus e axudará na investigación desta enfermidade”.
A continuación tomou a palabra Pili Pampín, unha das artistas máis carismáticas da música galega, que tamén quixo sumarse a eses agradecementos por formar parte deste programa “cando me chamastes fun feliz porque meu pai era dos Ánxeles, miña tía era de Ortoño e eu sempre estiven moi ligada ao concello de Ames. Faime moita ilusión porque Ames é coma unha segunda casa para min”. A artista explicou que a súa actuación é “un espectáculo baseado no que me gusta facer. Haberá canción galega, rancheiras, coplas e boleros; aquelas cancións que dende pequena me gusta cantar ao que hai que sumar que se trata dun repertorio totalmente en galego”.
A cantante da orquestra Panorama, Fátima Pego, destacou o pracer que supón tocar ao lado da casa “é un gustazo tocar ao lado da casa, e é que eu xa son un pouco de Bertamiráns” e fixo toda unha declaracións de intencións do que vai ser esa actuación final da Orquestra Panorama “imos facer que o Milladoiro salte, bote, cante e baile con nós durante máis de tres horas de espectáculo”. A cantante desvelou que os gañadores e as gañadoras do Canta con Ames serán os/as abreconcertos da súa actuación “é un regalazo que a xente que participe no concurso teña a oportunidade de subirse ao escenario da Panorama porque penso que calquera persoa á que lle guste cantar ou subirse a un escenario lle fará ilusión, polo menos a min na miña época faríame moitísima”.
Diego Moreiras, cantante da orquestra Panorama, incidiu nesa sorpresa para os gañadores e as gañadoras do Canta con Ames “a parte de algúns obsequios os que gañen o concurso do Canta con Ames van ter esa sorpresa de actuar no escenario da Panorama. Vai ser un premio moi emocionante, eu tiven a sorte de estar o ano pasado nesa actuación final e todas as gañadoras estaban moi contentas e emocionadas”. O cantante rematou a súa intervención coa idea de que esta actuación é, tamén, un premio para eles “estamos de xira por España adiante e para nós estar ao lado da casa é un premio. Estamos moi felices de estar aquí e estades todos convidados a pasar unha tarde de verbena estupenda con nós”.
Pechou o acto, o alcalde de Ames, Blas García, que defendeu esta terceira edición do programa musical “o AmesON naceu en tempos de pandemia para revitalizar o comercio e a hostalería local. Agora a situación cambiou pero queremos seguir axudando a sectores que o necesiten, queremos seguir colaborando coa hostalaría e o comercio, queremos seguir animando aos veciños a que saian á rúa, a que desfruten e pasen un verán bo”. E engadiu “Ames é un concello moi ben ubicado, situado ao lado da capital de Galicia pero temos que poñer en valor o noso concello. Somos un concello grande, con moita actividade, con moitas inquedanzas sobre todo inquedanzas culturais e artísticas e iso é o que queremos poñer en valor con este cartel”.
Programación do AmesON de verán
A programación comeza o mércores, 22 de xuño, ás 21.00 horas, coa actuación do coro Son Elas no parque do Ameneiral, en Bertamiráns. Seguiralle, o mércores 29 de xuño, tamén ás 21.00 horas, a actuación do grupo Club Naval, na praza de Manuel Murguía, no Milladoiro.
Para o mes de xullo están previstas tres actuacións. O venres,15 de xullo, ás 21.00 horas, actuarán na praza de Manuel Murguía, no Milladoiro, o dúo Eva e Camilo. O sábado 23 de xullo, ás 22.30 horas, no Pazo da Peregrina, en Bertamiráns, será a quenda de Ruth Cundíns, que ofrecerá o espectáculo musical e solidario "Puedes llegar", a través do cal pretende visibilizar desde a música e a arte a enfermidade de Dent. Para o venres, 29 de xullo, ás 21.00 horas, na praza de Manuel Murguía, no Milladoiro, queda a actuación de Habana Café Son.
En agosto haberá sete actuacións. A primeira será o domingo, 7 de agosto, ás 21.00 horas, na praza de Manuel Murguía, no Milladoiro. Neste caso a cargo da artista MJ Pérez, que é unha das mellores voces do panorama actual da música galega.
Programación infantil/familiar
Ademais, en agosto haberá dúas actuacións pensadas para os nenos e nenas de Ames. Deste xeito, o luns 8 de agosto, ás 19.30 horas, a praza de Manuel Murguía, no Milladoiro, acollerá a actuación da Cé Orquestra Pantasma. O día seguinte, o martes, 9 de agosto, tamén ás 19.30 horas, no parque do Ameneiral, en Bertamiráns, actuará Marifaltri.
A programación continúa en agosto o sábado 13, ás 21.00 horas, coa actuación de Jinetes del Trópico no parque do Ameneiral, en Bertamiráns. O día seguinte, o domingo 14 de agosto, ás 21.00 horas, actuará o grupo Tinta, tamén no parque do Ameneiral. O venres, 19 de agosto, ás 21.00 horas, As Maianas ofrecerán un concerto na praza de Manuel Murguía, no Milladoiro. O mes de agosto pecharase o venres 26, ás 21.00 horas, coa actuación da artista Pili Pampín, no parque do Ameneiral, en Bertamiráns.
Actuación da Panorama e dos/as gañadores do concurso Canta con Ames
O cartel do AmesON de verán 2022 pecharase o domingo, 19 de setembro, ás 19.00 horas, coa actuación no Milladoiro da orquestra Panorama. Previamente á actuación da Panorama, como abreconcerto, actuarán os/as gañadores/as do concurso Canta con Ames que se vai desenvolver durante os meses de xullo e agosto.
Novas relacionadas:
El Correo Gallego: "Trece actuaciones para echarle una mano al comercio y divulgar la música"