- Tematica
O salón de plenos da Casa do Concello acolleu esta mañá a presentación do slogan que acompaña ao logotipo da empresa pública empresarial Augas de Ames. Aproveitando dita presentación o presidente de Augas de Ames e alcalde do Concello de Ames, Blas García, fixo unha valoración sobre sobre o primeiro ano de funcionamento da EPEL Augas de Ames. Destacou o investimento feito de preto de 340.000 euros en obras e mellora do funcionamento da EPEL. Tamén se marcou o obxectivo de levar a auga dende a ETAP de Lens ata O Milladoiro, dotar ao rural do servizo de abastecemento, e dixitalizar e mellorar a eficiencia do ciclo urbano da auga a través do plan PERTE. Ademais, vaise abrir unha nova oficina de Augas de Ames no Milladoiro.
Coidando da auga, coidamos de ti, este é o slogan que acompaña ao logotipo da EPEL Augas de Ames que foi presentado esta mañá na Casa do Concello. Ao acto de presentación acudiron o presidente de Augas de Ames e alcalde do Concello de Ames, Blas García; o concelleiro de Obras e Servizos Básicos e membro do Consello de administración de Augas de Ames; Gustavo Nieto; a xerente da Entidade pública empresarial local Augas de Ames; Genma Otero; o representante da empresa La Rayuela e deseñador do slogan e imaxe corporativa de Augas de Ames; Ramón Cordido; e tres traballadoras/es de dita empresa pública.
Augas de Ames EPEL é a entidade pública empresarial dependente do Concello de Ames que xestiona o Ciclo integral da Auga e leva dende o 1 de abril de 2024 desenvolvendo esta actividades. A plantilla de persoal está composta por 19 traballadores/as, dos cales 17 foron subrogados da anterior concesionaria e 2 postos foron de nova creación, a xerencia e maila xefatura de servizo. Nos inicios da súa actividade centráronse os esforzos en garantir a continuidade e calidade nos servizos ligados ao ciclo integral da auga, na atención á veciñanza, no desenvolvemento de obras de mellora da rede, etc. para dar respostas ás necidades que xorden no día a día, xa que é un servizo básico e esencial de competencia municipal, xestionado por unha entidade pública local.
A EPEL Augas de Ames dispón dunha páxina web na que se recolle a información relativa ao proxecto e ao funcionamento da propia empresa. O principal obxectivo de dita entidade é facer unha mellor xestión, unha xestión máis positiva para a veciñanza, ao pasar a estar xestionada directamente polo Concello.
Investimentos na rede de abastecemento e saneamento
No acto de presentación a xerente da Entidade pública empresarial local Augas de Ames, Genma Otero, destacou a aposta do Concello pola creación de Augas de Ames. "Ames é un referente no ámbito da municipalización sendo o primeiro concello en Galicia en apostar pola fórmula de Entidade pública empresarial local. O balance deste primeiro ano de posta en marcha é positivo, cunha cifra de investimentos de preto de 340.000 euros tanto nas redes de abastecemento e saneamento como nos investimentos para a operativa do servizo. O slogan que hoxe presentamos reflicte perfectamente o obxectivo principal do coidado da auga e dese ben básico e esencial que é necesario para a vida”.
Dentro dos investimentos na rede de abastecemento e saneamento cómpre destacar un investimento de 151.788,29 euros en 10 actuacións: instalacións de tubaxes de fecais e pluviais na avenida Poeta da Maía (47.976,50 euros); reparación do cruce transversal en Piñeiro (4.060,52 euros); reforma do novo local de oficinas no Milladoiro (13.255,37 euros); acometida de saneamento en Costoia (2.114,06 euros); extensión da rede e acometida de saneamento en Portanxil (3.262,52 euros); instalacións eléctricas e termo eléctrico e legalización da instalación da nova oficina do Milladoiro (7.903,27 euros); execución de rede pluvial en Ventosa (15.216,05 euros); obra na N-550 no Milladoiro (21.000 euros); acometida de abastecemento de abonados (15.000 euros); e acometida de saneamento de abonados (21.000 euros).
Dentro dos investimentos realizados, por valor de 148.811,33 euros, para o funcionamento da operativa do ciclo integral da auga e das instalación destaca a adquisición de diversos materiais de reparación, adquisición de sete vehículos de segunda man, ferramentas de segunda man para o servizo, renovación da redutora de presión e caldeiraría en Pegariños, subministro dunha canle de fundición D400MM, subministro de bomba de recirculación número 3 da EDAR de Bertamiráns, subministro de material de construción para obras accesorias de instalación solar fotovoltaica na EDAR de Sisalde, subministro de bomba DAF para a EDAR do Milladoiro, subministro de reixa embornal e reixa e marco de pluviais, subministro de ferramentas, subministro de oximetro portátil, subministro de dúas válvulas PIC para a ETAP de Lens e subministro de válvula redutora de presión DOROT.
Por último, en investimentos en oficinas e espazos administrativos cabe destacar un investimento de de 37.665,01 euros. Durante este primeiro ano de funcionamento da EPEL Augas de Ames realizouse un investimento total de 338.264,63 euros.
Valoración do primeiro ano de funcionamento da EPEL Augas de Ames
O presidente de Augas de Ames e alcalde do Concello de Ames, Blas García, dixo “aproveitando esta presentación é un bo momento para facer unha valoración sobre o primeiro ano de funcionamento da EPEL. Comezou a funcionar o pasado 1 de abril de 2024, despois de moito traballo e dun compromiso político adquirido por todos os grupos políticos que constituímos o goberno municipal no ano 2015, ante a solicitude de Ames Novo. Non só traballamos as persoas que naquel momento formábamos parte do Goberno municipal, senón tamén hai que lembrarse daqueles concelleiros e concelleiras que nos plenos e a través doutros medios insistiron na creación desta entidade pública, como foron Quique Costas, Chus Boo e Pilar Candocia. Tamén quero lembrarme de Jose Miñones, que foi o alcalde que impulsou inicialmente o traballo de formación de Augas de Ames”.
Blas García incidiu en que “o máis importante dunha empresa é o seu persoal e no caso de Augas de Ames temos a sorte de que contamos co persoal subrogado da anterior concesionaria, e iso permitiunos non comezar de cero, porque este persoal xa dispón dun amplo coñecemento da rede de abastecemento e do traballo que se viña facendo con anterioridade. Cómpre destacar os investimentos feitos en obras, por valor de máis de 150.000 euros, e para a mellora do funcionamento da EPEL por valor de preto de 150.000 euros”.
Achegar a auga a todo o rural e ao Milladoiro
“A veciñanza o quere é ter un bo servizo de saneamento e de abastecemento e iso é precisamente no que estamos traballando agora mesmo e tamén planificando o futuro. Temos moi claras cales son as necesidades do concello de Ames en materia da auga”.
Segundo dixo o presidente de Augas de Ames e alcalde, “unha das necesidades máis importantes é que a ETAP de Lens teña un rendemento o máis amplo posible. Na actualidade, ten un rendemento do 30% da súa capacidade e o que queremos é sacarlle o máximo rendemento posible levando a auga cara a localidade do Milladoiro. Agora mesmo seguimos comprándolle a auga a Santiago de Compostela para abastecer O Milladoiro, pero para iso necesitamos un investimento que supera amplamente os dous millóns de euros. Estamos traballando para acadar dito financiamento. Na compra da auga a Santiago gastamos entre 30.000 e 33.000 euros ao mes, dependendo do gasto de auga mensual que haxa. Co aforro deste importe anual que está preto dos 400.000 euros e outras vías de financiamento poderíase levar a auga ata O Milladoiro dende a potabilizadora de Lens”.
Outro dos obxectivos que se marca o Goberno municipal é poder dispor do servizo de abastecemento no rural de Ames. “Con este traballo xa se comezou no mandato anterior co traballo que se está facendo no núcleo de Lens, porque unha vez se remate esta obra vaise poder colocar un depósito para poder abastecer a Lens e poder levar a auga a zona norte do concello. Para este Goberno municipal é fundamental que o rural dispoña dos mesmos servizos que os núcleos urbanos. Temos o obxectivo que a medio – longo prazo toda a veciñanza do rural dispoña do servizo de abastecemento, e tamén acabar de dotar do servizo de saneamento nas dúas últimas parroquias que quedan, na parroquia de Piñeiro e nunha parte da parroquia de Tapia”.
O terceiro obxectivo marcado polo Goberno municipal é a dixitalización e mellora da eficiencia do ciclo urbano da auga. Para iso o Concello de Ames conta cunha axuda de 1.131.309,77 euros, a través do plan PERTE, concedida polo Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, do Goberno de España.
Por último, Blas García tamén destacou o compromiso adquirido coa Xunta de Galicia para a redacción do proxecto de ampliación da EDAR de Sisalde. Dende o Concello estamos comprometidos a levar ao pleno a declaración de interese xeral do Estado desta actuación, para que o Goberno do Estado achegue financiamento para poder executar dito proxecto.
Nova oficina da EPEL Augas de Ames no Milladoiro
Para un mellor funcionamento da atención á veciñanza, o Concello de Ames alugou un novo local no cruce da avenida de Rosalía de Catro coa rúa Viorneira, no número 56, para habilitar un nova oficina de Augas de Ames no Milladoiro. Está previsto que a vindeira semana entre en funcionamento dita oficina, que permitirá ampliar o persoal que ofrece o servizo de atención á veciñanza.
Slogan da EPEL Augas de Ames
Ramón Cordido, deseñador do slogan e imaxe corporativa de Augas de Ames, explicou o proceso de realizar o slogan; “pedíusenos unha frase que incidise na sensibilización e na promoción do consumo responsable da auga, xunto con estar ligada ao binomio auga e saúde. Deste xeito xurdiu a frase Coidamos da auga, coidamos de ti, que reflicte un pouco esta misión. É unha frase con sonoridade que fai que o interlocutor se implique e se sinta parte dunha comunidade. Ademais, escolleuse unha fonte script, a man alzada, que humaniza e dá personalidade á mensaxe".
O slogan de Augas de Ames incide na sensibilización e na promoción dun consumo responsable da auga. Tamén está ligado ao binomio auga e saúde.
Novas relacionadas:
La Voz de Galicia: "Augas de Ames cumple un año con 340.000 euros de inversión y nueva oficina en O Milladoiro"
El Correo Gallego: "Ames buscará financiamento para que a ETAP de Lens abasteza o Milladoiro"
AMSGO!: "Augas de Ames presenta o seu eslogan e realiza o balance o seu primeiro ano de funcionamento"