Solapas principales

Preséntase a programación “Abril, mes do Libro en Ames”

Miércoles, 26 de marzo de 2025

O Concello de Ames, a través do departamento de Bibliotecas municipais, presentou esta mañá unha programación específica co gallo da celebración do Mes do Libro. Ao longo do mes de abril haberá contacontos, obradoiros, encontros literarios, teatro infantil, actividades do programa Apego, visitas escolares do alumnado da EEI do Milladoiro á biblioteca do Milladoiro, un concurso de debuxo infantil, un concerto de Lydia Botana, e a presentación do libro antolóxico cos textos premiados no XXI Certame literario. Ademais, organízase a IV campaña Superlectores/as que se vai desenvolver do 1 de abril ao 24 de outubro nas bibliotecas de Ames. Premendo nesta ligazón podes descargar a programación completa.

O mes de abril é, por excelencia, o Mes do Libro, pois o día 2 celébrase o Día Internacional do Libro Infantil e o 23 é o Día Internacional do Libro. Como cada ano, ambas as dúas efemérides traen un mes de programación especial nas bibliotecas do concello de Ames. Desta volta, o mes do libro incluirá obradoiros, sesións de contacontos, encontros literarios, concursos de debuxo, teatro infantil, visitas escolares do alumnado da EEI do Milladoiro á biblioteca do Milladoiro, etc.

Esta mañá presentouse na biblioteca municipal de Bertamiráns, situada na Casa da Cultura, a programación “Abril, mes do Libro en Ames”, elaborada polo departamento de Bibliotecas municipais, e que conta coa colaboración do Servizo de Normalización Lingüística. Ao acto asistiron o alcalde e responsable do departamento de Bibliotecas, Blas García; e maila animadora á lectura das bibliotecas municipais, Divina Fernández.

Durante a súa intervención, o alcalde destacou “o traballo que se fai dende as bibliotecas municipais de Ames, un traballo que se vén facendo dende hai moitos anos e que hai que seguir mantendo pola importancia que ten. É moi importante esta programación porque é fundamental fomentar a lectura entre os máis pequenos e pequenas, porque así van adquirindo o hábito de ler, pero tamén é importante fomentar a lectura entre as persoas adultas. Coas novas tecnoloxías parece que se está perdendo un pouco o hábito de coller un libro en papel e ler unha boa historia”.

Ademais, a animadora á lectura das bibliotecas municipais, Divina Fernández, explicou que “abril é un mes moi importante para as bibliotecas porque celebramos o mes do libro. Temos un mes cargado de actividades con contacontos, obradoiros, encontros literarios, etc. Este ano como novidade temos un concerto o día 2, para celebrar o Día Internacional do Libro Infantil, e o día 28 un espectáculo de teatro infantil, a cargo de Tanxarina compañía de títeres, baseado nun libro de Carlos Labraña. Ademais, volvemos a organizar o tradicional concurso de debuxos  infantil e ponse en marcha a cuarta campaña de Superlectores, que remata no mes de outubro con motivo do Día da Biblioteca”.

Contacontos “Son, son… quen son?”
A programación do Mes do Libro comeza os días 1 e 3 de abril, ás 17.30 horas, con novas sesións de contacontos na biblioteca de Bertamiráns, que xirarán arredor da temática “Son, son… quen son?”. Esta mesma actividade realizarase os días 22, 23 e 24, tamén ás 17.30 horas, na biblioteca do Milladoiro. As sesións de contacontos están dirixidas a nenos e nenas de 3 a 8 anos.

As inscricións para os contacontos de Bertamiráns están abertas ata o vindeiro día 29. Para as sesións do Milladoiro, o prazo estará aberto desde o 7 ata o 16 de abril. As inscricións para participar nas sesións de contacontos poden facerse chamando por teléfono, ao 981 884 829 (Biblioteca de Bertamiráns) ou ao 981 530 807 (Biblioteca do Milladoiro), ou enviando un correo electrónico ao enderezo biblioteca@concellodeames.gal no que se indique o nome, apelidos e idade das crianzas participantes xunto cun teléfono de contacto.

Concerto de Lydia Botana
O martes, 2 de abril, ás 17.30 horas, con motivo do Día Internacional do Libro Infantil, está previsto un concerto no auditorio da Casa da Cultura de Bertamiráns. Esta actividade, que está dirixida ao público familiar, é unha das principais novidades da programación. Os convites para asistir ao concerto poden adquirirse na Billeteira electrónica.

“De aquí para alá, coas emocións”, de Lydia Botana, é unha fermosa viaxe dunha bolboreta a través de diferentes ritmos, que dá a volta ao mundo. Acompañados de xéneros musicais como a bossa nova, o rap, a salsa, o reggae ou o ska a bolboreta conseguiu recuperar as súas cores, cada unha delas representando diferentes emocións. Todo elo da man de catro artistas sobre o escenario con proxeccións de animacións audiovisuais.

Obradoiros de encadernación xaponesa
Por outra banda, durante o mes de abril realizarase un obradoiro de encadernación xaponesa, dirixido aos rapaces e rapazas a partir de terceiro de primaria, e que se desenvolverá no Milladoiro o venres 25 de abril, ás 17.00 horas, e en Bertamiráns o sábado 26, ás 11.30 horas. Para participar é preciso inscribirse previamente a través do biblioteca@concellodeames.gal ou chamando 981 884 829 – 981 530 807.

Encontros literarios
Ademais, continúan os Encontros Literarios coas presentacións de "Comida para gatos", de Luz Darriba, o mércores 9 de abril; e de "Cuarto vértice", de Carlos Moreno, o mércores 23. Ambas presentacións faranse ás 20.00 horas no Pazo da Peregrina.

Teatro infantil
Outra das novidades é o espectáculo de teatro infantil "A biblioteca galáctica contra a IA fantástica", a cargo de Tanxarina, compañía de títeres, baseado no libro de Carlos Labraña. O espectáculo será o luns, 28 de abril, no auditorio da Casa da Cultura do Milladoiro, ás 17.30 horas. Esta actividade está dirixida ao público familiar. Os convites para asistir ao concerto poden adquirirse na Billeteira electrónica.

Concurso de debuxo e campaña Superlectores
Doutra banda, vólvense a organizar, un ano máis, un certame de debuxo e a campaña Superlectores. Por un lado, co IV Concurso de debuxo infantil, as bibliotecas invitan a todos os rapaces e rapazas que cursan educación primaria ou secundaria a realizar un debuxo cuxo tema verse sobre o Día do Libro ou a lectura en xeral. O debuxo debe presentarse en tamaño folio, e pode levarse a cabo coa técnica que os participantes prefiran (rotuladores, ceras, collages, acuarelas...). Neles, a rapazada poderá expresar, por exemplo, cal é o seu libro favorito ou o seu momento ideal para ler, por que animan a outros cativos e cativas a iniciarse na lectura, etc.

Os interesados en participar no concurso xa poden presentar, entre o 1 e o 23 de abril, os seus debuxos. Deben facelo de maneira presencial nas propias instalacións das bibliotecas ou ben enviando un correo electrónico ao enderezo biblioteca@concellodeames.gal, no que ademais da obra do neno/a figuren tamén o seu nome e apelidos, unha foto e un teléfono de contacto.

Por outra banda, a IV campaña Superlectores diríxese tanto ao público infantil como aos adultos. Así, establécense tamén dúas categorías (unha para persoas menores de 14 anos e outra para maiores de 14 anos). Cada usuario e usuaria poderá conseguir unha tarxeta de Superlector ou Superlectora (de cor branca para a categoría infantil e de cor laranxa para a categoría de adultos), solicitándoa nas instalacións das bibliotecas municipais do 1 de abril ao 13 de outubro.

Os/as usuarios/as irán recibindo un selo por cada préstamo que soliciten nas bibliotecas amesás. Unha vez cheas, as tarxetas recolleranse para así entrar no sorteo dun lote de libros, que se fará o 24 e outubro con motivo do Día da Biblioteca.

Actividades do programa Apego e certame literario
O departamento de Normalización Lingüística tamén colabora en dita programación con dúas actividades do programa Apego. Así, o venres 11 de abril, ás 18:00 horas, terá lugar na Casa da Cultura do Milladoiro o espectáculo "A maxia está nos contos do Mago Paco", unha actividade onde a maxia se mestura con contos e xogos para que os máis pequenos gocen dunha tarde do máis divertida. A inscrición desta actividade está aberta dende do 3 ao 10 de abril. Para participar, só hai que mandar un correo ao enderezo electrónico normalizacion@concellodeames.gal.

Por outra banda, o venres 25 de abril, ás 18:00 horas, no Pazo da peregrina, en Bertamiráns, representarase o espectáculo de contos e música "Pan con chocolate", de María e Carme da Pontragha. Deste xeito, buscan que as crianzas coñezan as historias de sempre para así preservalas e gardalas, xunto cunha boa dose de música para gozar dunha tarde en familia. A inscrición desta actividade está aberta do 16 ao 24 de abril. Para participar, só hai que mandar un correo ao enderezo electrónico normalizacion@concellodeames.gal.

Ademais, o sábado 26 de abril, ás 12.30 horas, na Casa da Cultura do Milladoiro, presentarase o libro antolóxico que recompila os textos gañadores do XXI Certame Literario do Concello de Ames.

Novas relacionadas:

La Voz de Galicia: "Ames ofrece un mes del libro con música, teatro, dibujo y campaña de lectura"

El Correo Gallego: "Ames celebra o Mes do Libro con concertos, contos e monicreques"

AMSGO!: "Preséntase a programación “Abril, mes do Libro en Ames"

Preséntase a programación “Abril, mes do Libro en  Ames”

Multimedia

  • Preséntase a programación “Abril, mes do Libro en  Ames”
  • Preséntase a programación “Abril, mes do Libro en  Ames”
  • Preséntase a programación “Abril, mes do Libro en  Ames”
  • Preséntase a programación “Abril, mes do Libro en  Ames”