- Tematica
Esta mañá presentouse na praza do Concello a programación da Aula da Natureza para o primeiro semestre do ano 2023. En total, ofrécense unhas quince actividades, repartidas entre os meses de febreiro e xuño. A primeira delas, un obradoiro sobre ornitoloxía e comedeiros para animais, desenvolverase este mesmo sábado, día 4, e os interesados en participar xa poden anotarse, enviando a ficha de inscrición debidamente cumprimentada ao enderezo electrónico auladanatureza@concellodeames.gal. Para o resto de iniciativas haberá un prazo específico de inscrición, que abrirá aproximadamente 10 días antes da realización de cada actividade. O programa ao completo para o primeiro semestre pode consultarse premendo nesta ligazón.
A praza do Concello acolleu esta mañá a presentación da programación do primeiro semestre do 2023 da Aula da Natureza. Ao acto acudiron o alcalde de Ames, Blas García; o concelleiro de Transición Ecolóxica e Medio Ambiente, Manuel Lens; e maila técnica responsable da Aula da Natureza de Ames do Concello de Ames, Patricia Reboreda, que explicaron cada unha das actividades que compoñen dita programación, que se desenvolverá nos meses de febreiro, marzo, abril, maio e xuño.
A técnica da Aula, Patricia Reboreda, sinalou que o programa é moi variado, e que se abarca “aos pequerrechos, á xente moza e aos adultos. Imos pasando da fauna á flora ata conceptos máis medioambientais. Estamos moi contentos coa congruencia da programación”.
Pola súa banda, o concelleiro de Transición Ecolóxica e Medio Ambiente, Manuel Lens, destacou que “é unha programación moi rica. Rescatamos cousas que facía tempo que non se facían e buscamos actividades novas, que teñan saída e que lle gusten á xente, sempre desde un punto de vista medioambiental e buscando o toque cultural e a tradición histórica do concello. Queremos xuntar o novo co antigo”.
A primeira das iniciativas deste mes de febreiro é un obradoiro sobre ornitoloxía e comedeiros para paxaros, está pensada para rapaces e rapazas de entre 6 e 14 anos, e desenvolverase este sábado 4 nas instalacións da Aula da Natureza, no lugar de Quintáns (Ameixenda). O horario será de 11:00 a 13:30 horas, e poñerase a disposición dos participantes un servizo de autobús, que sairá da Casa da Cultura do Milladoiro ás 10:30 horas e do Pazo da Peregrina de Bertamiráns ás 10:45 horas. Así mesmo, á volta, o autobús fará parada en Bertamiráns ás 13:45 e no Milladoiro ás 14:00 horas. Hai 30 prazas dispoñibles. Para participar é necesario inscribirse previamente mandando a ficha de inscrición ao enderezo electrónico auladanatureza@concellodeames.gal.
Febreiro e marzo
Ademais do obradoiro de ornitoloxía, no mes de febreiro celebraranse outras dúas actividades. O sábado 11 realizarase unha excursión á lagoa de Cospeito (Lugo) para coñecer as funcións dos humidais. Ademais dunha visita guiada pola lagoa, os asistentes poderán gozar dunha comida conxunta (que levará cadaquén da casa) e unha visita á vila de Guitiriz. O autobús sairá ás 10:30 horas do Pazo da Peregrina e ás 10:45 horas da Casa da Cultura do Milladoiro, e estímase que o regreso se fará arredor das 17:00 horas. Nesta ocasión ofértanse 35 prazas, e a actividade está pensada para todos os públicos.
Por último, a rapazada de entre 6 e 14 anos poderá apuntarse a outro obradoiro, que terá lugar o sábado 25, nas instalacións da Aula. Trátase dun taller sobre tobeiras, no que se instruirá aos cativos e cativas sobre os animais que viven nelas e aspectos como a súa construción e duración. Así mesmo, farase un pequeno paseo de recoñecemento deste tipo de buratos baixo terra. A actividade, que conta con 30 prazas, desenvolverase entre as 11:00 e as 13:45 horas, e novamente haberá servizo de autobús (con saída dende a Casa da Cultura do Milladoiro ás 10:30 horas e volta ás 14:00 horas; e dende o Pazo da Peregrina, con saída ás 10:45 e volta ás 13:45 horas).
O mes de marzo estrearase cun obradoiro de cestería da man de Julia da Cal, que terá lugar tanto o sábado, día 4 (en horario de 11:00 a 13:30 e de 16:00 a 19:00 horas) como o domingo, día 5 (de 11:00 a 13:30 horas). Nesta primeira quenda ofrécense dez prazas. Posteriormente, os días 11 e 12 haberá unha segunda quenda, nas mesmas franxas horarias.
O propio sábado 11 celebrarase a visita ao X Encontro da Rede Galega de Sementes, en Betanzos. Alí poderase asistir ao intercambio e á venda de sementes e plantóns autóctonos, charlas, obradoiros e actividades. A visita está pensada para todos os públicos. O autobús con destino a Betanzos sairá de Bertamiráns ás 10:30 horas e do Milladoiro ás 10:45 horas. O regreso será sobre as 18:00 horas.
Por outra banda, tamén o día 11, realizarase a ruta de Riamontes, en horario de 11:00 a 13:30 horas, pensada para a cativada de entre 6 a 14 anos. Os horarios e puntos de recollida do autobús serán os mesmos que para o Encontro da Rede Galega de Sementes.
Para finalizar, os días 24, 25 e 26 haberá un curso de interpretación do patrimonio cultural. Está dirixido a guías de natureza, guías turísticos, docentes, monitores de tempo libre e, en xeral, persoas interesadas en comunicar valores ambientais. Será no Pazo da Peregrina, e o horario aínda está por confirmar.
Abril e maio
En abril terán lugar outras dúas actividades. Por unha banda, unha ruta ambiental e unha visita etnográfica á Casa do Patrón, en Lalín, que se desenvolverá o sábado 15, de 10:30 a 17:00 horas. Novamente, poñerase a disposición dos asistentes o servizo de autobús (sae dende Bertamiráns ás 10:30 e dende O Milladoiro ás 10:45 horas).
Xa para o sábado 29 organízase un paseo botánico por Agrón, no que se poderá observar carballos, loureiros, freixos, amieiros ou pereiras bravas. A actividade está pensada para todos os públicos, e tamén se contará con autobús nas habituais paradas e horarios.
Así mesmo, a Aula da Natureza organiza outra iniciativa que terá lugar todos os sábados do mes, un curso de horta sostible para público adulto no viveiro municipal, que se desenvolverá entre as 11:00 e as 13:30 horas.
Durante o mes de maio celebrarase a primeira Feira do pan e de cereais do país, que terá lugar no campo da festa da parroquia de Bugallido, entre as 11:00 e as 19:00 horas do sábado, día 6. Alí, os asistentes poderán gozar de exposicións, degustacións, charlas e obradoiros. Elaborarase un programa específico que se dará a coñecer conforme se aproxime a data.
O sábado 13 farase unha visita ao parque arqueolóxico de arte rupestre de Campo Lameiro, entre as 10:30 e as 17:00 horas. Está pensado para todos os públicos, e os asistentes poderán coller o autobús dende O Milladoiro ou dende Bertamiráns. Para pechar o mes, o día 27 nas propias instalacións da Aula da Natureza terá lugar a Festa dos Maios, en horario de 11:00 a 13:30, pensada para a cativada de entre 6 e 14 anos.
Xuño
Coa chegada do verán e do tempo de lecer, a Aula organiza para o día 3 de xuño unha saída á Illa de Ons, onde se poderán observar réptiles e coñecer outras curiosidades. A actividade, enfocada a todos os públicos, desenvolverase entre as 10:30 e as 17:00 horas (con autobuses dende Bertamiráns ás 10:30 e dende O Milladoiro ás 10:45 horas). O regreso farase sobre as 17:00 horas. Así mesmo, a Aula propoñerá tamén os campamentos de verán, que contarán cunha programación específica que se anunciará proximamente.
Novas relacionadas:
AMS GO!: "A ornitoloxía marca o inicio de actividades da Aula da Natureza para o próximo semestre"