Solapas principales

Preséntase a programación de Ames Cultural que inclúe 26 actividades para os meses de xuño, xullo, agosto e setembro

Lunes, 06 de junio de 2022

Esta mañá presentouse na Casa da Cultura do Milladoiro a programación de Ames Cultural, que se vai desenvolver ao longo da época estival de 2022. Trátase dunha programación moi variada que inclúe 26 actividades de cine, teatro, maxia e música de estilos moi variados. Nesta programación están incluídos os festivais de Jazz de Ames e mailo Millarock, así como outros programas como os  Seráns de Ames e Música nas parroquias. Destacan tamén os concertos de Seguridad Social, o 8 de xullo no Milladoiro, e mailo concerto de Sés, o 12 de agosto en Bertamiráns. Premendo nesta ligazón podes descargar o programa completo de Ames Cultural 2022.

Baixo o lema “Ames medra coa cultura”, presentouse esta mañá no Milladoiro o programa Ames Cultural 2022. A concelleira de Cultura, Natividade González, e maila técnica municipal do departamento de Cultura, María Vázquez, foron as encargadas de realizar dita presentación na Casa da Cultura do Milladoiro. Trátase dun variado programa de actividades que se vai a desenvolver ao longo dos meses de xuño, xullo, agosto e setembro.

As actividades do programa Ames Cultural arrancan o mércores, 22 de xuño, coa proxección dun novo filme incluído no Ciclo Mestre Mateo. Será ás 20.00 horas na Casa da Cultura de Bertamiráns. Ademais, durante o mes de xuño, haberá dous concerto de corais que se enmarcan no programa de Música nas parroquias. O venres, 24 de xuño, actuará a Coral Lojo Batalla no campo da festa de Ortoño, mentres que o domingo 26 de xuño actuará a Coral Antonio Santomil no campo da festa de Ortoño.

O mes de xullo comezará coa estrea do grupo municipal de teatro, que representará o 1 de xullo, ás 20.30 horas, na Casa da Cultura do Milladoiro, a obra “Aquí non paga ninguén”. Ademais, os días 1 e 2 de xullo celebrarse unha nova edición no festival Amez Jazz no Pazo da Peregrina, en Bertamiráns.

O 7 de xullo, ás 19.30 horas, na praia fluvial de Tapia, comeza o programa de Seráns de Ames cun pregón a cargo de Federico Pérez e maila actuación da charanga Os Celtas. O venres 8 de xullo estará no Milladoiro o grupo Seguridad Social, que ofrecerá un concerto no aparcadoiro da Travesía do Porto, a partir das 22.00 horas. O domingo 10 de xullo continúa o programa Música nas parroquias coa actuación dos Retranqueiros no campo da festa de Ortoño, e mailo concerto de Luar na Lubre, ás 19.00 horas, no mesmo lugar.    

O xoves, 21 de xullo, ás 19.30 horas, celebrase a segunda xornada dos Seráns de Ames cunha actuación na praia fluvial de Tapia do grupo SU MA. Trátase dun espectáculo de danza-circo 360º de medio formato onde os personaxes crean mundos de fantasía. O sábado, 23 de xullo, celebrase unha nova edición de Noites en Vela, ás 22.00 horas, na Ponte Maceira coa actuación do grupo Caldo. O xoves 28, ás 19.30 horas, os Seráns de Ames chegan ao campo da festa de Bugallido cos espectáculos “A bibliotecaria estrafalaria”, a cargo Cris de Caldas e Xabi do Camiño; e “Nabiza Girl”, a cargo de Isabel risco.

A concelleira de Cultura, Natividade González, destacou esta mañá que “ao longo deste verán vaise a desenvolver un programa moi variado no que haberá concertos de estilos moi variados de música, pero que tamén inclúe outras actividades relacionadas co cinema, teatro e maxia”. Destacou especialmente que “o programa Serán de Ames, posto en marcha en 2021, amplíase á parroquia de Bugallido e este verán realizaranse actividades tanto na praia fluvial de Tapia como no campo da festa de Bugallido”. Por último, destacou que “se trata dunha programación ampla para todos os públicos co obxectivo que todos os veciños e veciñas de Ames poidan gozar dun verán cultural en Ames”.   

Programación de agosto e setembro
A programación do mes de agosto comeza o xoves 4 cunha nova xornada dos Seráns de Ames na praia fluvial de Tapia coa representación de “A illa do tesouro”. Continúa o venres 5 cunha nova edición do Millarock, que se celebrará no aparcadoiro da Casa da Cultura do Milladoiro, a partir das 21.00 horas. O cartel deste ano está composto polos grupos Biribirlocke, Battosai, The Rapants e Chicharrón. O sábado 6 volve o programa de Música nas parroquias cunha actuación de As Maianas no campo da festa de Tapia. O domingo 7 a banda de música de Brión actuará nas festas do Milladoiro e o luns 8, coincidindo tamén coas festas do Milladoiro, será a quenda do grupo Os Castros, que actuará no campo da festa do Milladoiro, tamén dentro do programa de Música nas parroquias.

Para o xoves, 11 de agosto, está programada unha nova actuación da Coral Lojo Batalla no campo da festa de Agrón e tamén unha nova sesión dos Serán de Ames cos contacontos de Bibiana Calvo e Divina Fernández, persoal das bibliotecas municipais de Ames, e coa Tropa do doutor milagre.

O venres, 12 de agosto, ás 22.00 horas, o parque do Ameneiral, en Bertamiráns, acollerá o concerto de Sés. O domingo 14 actuará a banda de música Ateneo de Negreira en Bertamiráns e o luns 15 volve o programa de Música nas parroquias coa actuación do grupo Airiños do Paseo de Colón no campo da festa de Biduído. Para o domingo, 25 de agosto, está programada unha nova sesión dos Serán de Ames cun espectáculo de maxia no campo da festa de Bugallido. O mes de agosto péchase cos dúas novas actuacións de Músicas nas parroquias: o sábado 27 os Retranqueiros actuarán no campo da festa da Ameixenda e o domingo 28, tamén na Ameixenda, actuarán novamente o grupo Os Retranqueiros e e mailo grupo De Vacas.

A comezos de setembro haberá dúas novas actividades, que xa serán as últimas desta programación. O domingo 11 o grupo A Requinta da Maía actuará na Festa dos Muíños das Tres Aldeas e o mércores, 14 de setembro, proxectarase na Casa da Cultura de Bertamiráns un novo filme do Ciclo Mestre Mateo.

Novas relacionadas:

Ames Go: "Segurida Social, Sés ou o Millarock, grandes citas do verán amesán"

El Correo Gallego: "Un verán lírico con Seguridad Social, Música nas parroquias e o Millarock"

Imaxe da presentación da programación Ames Cultural
Descargas: 

Multimedia

  • Programación Ames Cultural
  • Programación Ames Cultural